Zendal intégrase nunha alianza mundial para a fabricación da vacina da Covid-19

O grupo con base no Porriño, que fabricará o antíxeno da vacina de Novavax, reserva capacidade para producir 500 millóns de doses

O grupo biotecnolóxico Zendal, con base na localidade galega do Porriño, acaba de dar un novo e relevante paso na carreira global á procura da vacina da Covid-19. Despois de anunciar no mes de setembro que a filial Biofabri producirá o antíxeno da vacina impulsada pola compañía Novavax, informou este mércores da sinatura dun acordo coa CEPI (Coalición para a Promoción de Innovacións para a Preparación ante Epidemias), co que se suma a esta alianza mundial que persegue producir 2.000 millóns de doses de vacinas seguras e efectivas para finais de 2021. A distribución global farase a través do Fondo COVAX, unha iniciativa internacional que ten como obxectivo garantir un acceso equitativo ás vacinas contra o novo coronavirus para todos os países participantes.

Zendal, primeira e única compañía seleccionada na Unión Europea pola CEPI, reservará mediante este acordo unha parte da súa capacidade para a fabricación de doses da vacina. Dentro desta alianza, e a través de Biofabri, o grupo reservará a capacidade de fabricación (fase de enchido e acabado) das vacinas contra a Covid-19 que designe a CEPI ata maio de 2022. Estímase que a capacidade podería superar os 500 millóns de doses de vacina, coa opción de ampliar esta reserva.

Publicidade

A compañía expuxo nun comunicado que este é o “segundo gran paso” na loita contra o SARS-CoV-2, despois do acordo con Novavax, que converte a Zendal na primeira compañía española autorizada para a fabricación dunha inmunización fronte á pandemia.

Biofabri fabricará no Porriño o antíxeno dunha das vacinas contra a Covid-19

Andrés Fernández, CEO de Zendal, destaca que “este acordo recentemente asinado coa coalición liderada por CEPI, de importancia clave nestes momentos, pon de relevo que somos moitos os actores implicados e necesarios na loita contra a pandemia” e, neste sentido, “reforza a posición de Zendal como grupo biotecnolóxico preparado e con capacidade para desenvolver o proceso integral de produción dunha vacina, desde a súa propia fabricación, ata o envasado e acondicionamento para a súa posta final no mercado”. Os proxectos supoñen, segundo Fernández, “un respaldo ao traballo realizado polo noso equipo durante moitos anos no campo de biotecnoloxía e as vacinas”.

Publicidade

CEPI

A CEPI é unha asociación de organizacións públicas, privadas, filantrópicas e civís, lanzada en Davos en 2017 co fin de desenvolver vacinas para deter futuras epidemias. A CEPI traballa en coordinación coa Organización Mundial da Saúde (OMS) para atopar unha resposta á pandemia do coronavirus. Antes da aparición da Covid-19, as enfermidades prioritarias do CEPI incluían as causadas polo virus do ébola, o virus de Lassa, o MERS-CoV, o virus de Nipah, a febre do Valle do Rift e o virus chikungunya.

Esta alianza público-privada conta con financiamento e/ou apoio de distintos países a nivel mundial como Xapón, aos que este ano se sumou a achega de España con 75 millóns; de organismos internacionais como a OMS ou UNICEF e a Fundación Bill e Melinda Gates.

COVAX

COVAX, Acelerador do acceso ás ferramentas contra a Covid-19, é unha alianza creada en 2020 para establecer os mecanismos necesarios para acelerar a procura da vacina. Está codirixido pola CEPI, a Alianza para as Vacinas e a Organización Mundial da Saúde (OMS), en colaboración con fabricantes de vacinas de países desenvolvidos e en desenvolvemento. É a única iniciativa mundial que traballa cos gobernos (actualmente 182 en todo o planeta) e os principais fabricantes para garantir que as vacinas contra a COVID 19 estean dispoñibles en todo o mundo tanto para os países de ingresos máis altos como para os de menores ingresos.

O grupo Zendal acolle sete empresas enfocadas á investigación, o desenvolvemento, a fabricación e a comercialización de vacinas de saúde humana e animal e outros produtos de alto valor engadido para o ámbito da biotecnoloxía. As firmas que se atopan baixo o seu paraugas son CZ Vaccines, Biofabri, Probisearch, Vetia, Petia, Zinereo e Bialactis. Conta cun equipo formado por máis de 300 persoas, na súa maioría de alta cualificación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega

Gripe aviaria, mpox, chikungunya… Cal será a próxima pandemia?

O epidemiológo Juan Gestal analiza as posibles ameazas para a saúde pública cinco anos despois do estoupido da covid

A revolución das vacinas contra a covid, o antes e o despois da ciencia

A tecnoloxía do ARN mensaxeiro permitiu crear fármacos para combater o SARS-CoV-2 en tempo récord e impulsou as inmunizacións masivas

Cinco anos do primeiro caso de covid en Galicia: o día que comezaron a cambiar as nosas vidas

O 4 de marzo de 2020 rexistrouse o 'paciente cero', un home que visitou A Coruña procedente de Madrid para facer unha entrevista de traballo