Venres 19 Abril 2024

Guía para mellorar a ventilación nas aulas: isto é o que recomenda o CSIC

Un grupo de científicos divulga unha guía con propostas e distintos escenarios co obxectivo de garantir a seguridade no marco da pandemia

A seguridade nos centros educativos no contexto da pandemia da Covid-19 é un dos principais debates das últimas semanas en Galicia e España. Ao coincidiren no tempo as limitacións de reunión (no caso de Galicia, a un máximo de cinco persoas), parte da cidadanía critica que se manteña a docencia presencial nos centros educativos, onde poden chegarse a reunir 25 alumnos en cada unha das aulas, así como noutras contornas, como o transporte ou os centros laborais. Porén, as dificultades xurdidas para parte do alumnado e as súas familias por mor do confinamento levan a que, por agora, as Administracións avoguen polo mantemento da docencia presencial, co obxectivo de garantir o acceso en igualdade á educación.

Neste escenario, investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en colaboración con técnicos da Asociación Mesura, desenvolveron unha guía de recomendacións centrada na ventilación, co obxectivo de reducir o risco de contaxio nas aulas por mor do coronavirus SARS-CoV-2.

Publicidade

O documento, baseado na guía elaborada pola Universidade de Harvard, establece pautas para mellorar a eficacia da ventilación e purificación (en caso de usar aparellos destinados para tal fin), tendo en conta a superficie das aulas, o número e a idade dos ocupantes e a actividade.

ACH

Para isto, o documento válese do indicador ACH (Air Changes per Hour), que determina, segundo a guía de Harvard, a concentración de CO2 no aire das aulas, e recomenda, como criterio orientativo, 5-6 renovacións de aire cada ahora para aulas de 100 metros cadrados e 25 estudantes de 5-8 anos.

Unha concentración meirande de CO2 supón que o aire está ‘cargado’ das exhalacións das persoas presentes na estancia, que expulsan este gas e, por tanto, é máis probable a presenza do SARS-CoV-2 en suspensión. E na outra banda, unha correcta ventilación e renovación de aire pode reducir a carga de CO2 e, por tanto, a posibilidade de presenza do coronavirus.

O texto tamén achega as ferramentas para determinar se as condicións de ventilación alcanzadas son adecuadas. Con todo, tal e como consideran conveniente aclarar os autores, cínguese a unha serie de recomendacións que debe ser complementada co cumprimento, no resto da actividade diaria, das medidas decretadas polas autoridades gobernamentais e sanitarias.

“A ventilación é a renovación de aire, é dicir, substitución do aire interior potencialmente contaminado, con aire exterior libre de virus. E a purificación do aire consiste na eliminación das partículas en suspensión, susceptibles de conter virus”, aclara a investigadora María Cruz Minguillón, que elaborou a guía xunto ao investigador Xavier Querol, do Instituto de Diagnóstico Ambiental y Estudios del Agua (IDAEA-CSIC), e coa colaboración de José Manuel Felisi e Tomás Garrido, da Asociación Mesura. A Conselleria d’ Educació, Cultura i Esports da Generalitat Valenciana tamén colaborou na conceptualización e na toma de medidas nas aulas.

Diagrama de solucións

Os investigadores indican na guía que a redución do risco de contaxio conséguese diminuíndo a emisión e a exposición ás partículas en suspensión, tamén chamadas aerosois, susceptibles de conter virus, que se poden acumular en espazos pechados. A exposición a este aire pode resultar en infeccións. Para evitalo, a exposición pódese reducir mediante as precaucións básicas: uso de máscara ben axustada; redución do tempo de exposición; o aumento da distancia interpersoal; e a ventilación ou purificación do aire para eliminar ou reducir a concentración de virus no aire. A guía céntrase neste último apartado.

No caso das aulas, como noutras contornas, insístese tamén na redución do volume ao falar, xa que ao levantar a voz ou berrar en espazos pechados, hai estudos que apuntan que o risco de transmisión se multiplica.

Neste sentido, a guía inclúe un diagrama de fluxo para a procura de solucións coa que se pretende guiar a actuación nas aulas. A primeira das posibilidades é de realizar a actividade, se é posible, no exterior. E en caso de non poder facelo, recoméndase a ventilación natural e cruzada, con xanelas e/ou portas abertas, tal e como se expón baixo estas liñas.

Propostas de ventilación natural presentadas na guía. Fonte: CSIC.
Propostas de ventilación natural presentadas na guía. Fonte: CSIC.

Calidade do aire

Con todo, o documento tamén contempla a posibilidade de que esta ventilación natural non sexa suficiente ou posible (no caso, por exemplo, de condicións climatolóxicas adversas, do ruído ou da presenza de contaminantes exteriores) para garantir a renovación do aire. Neste caso proponse a utilización de equipos extractores ou impulsores individuais. No caso de dispoñer de sistemas centralizados de ventilación, a taxa de aire exterior débese incrementar e a recirculación débese reducir. E se non se pode recorrer a ningunha medida de ventilación, apunta a guía débese purificar o aire con equipos provistos de filtros HEPA.

A solución pode ser unha combinación de opcións. Para avaliar se unha configuración dada é suficiente a guía describe dous métodos baseados en medidas de dióxido de carbono (CO2) que teñen como finalidade determinar cuantitativamente a ventilación dunha aula.

Diferenza na concentración de CO2 en función do uso de ventilación forzada. Fonte: CSIC/Mesura.
Diferenza na concentración de CO2 en función do uso de ventilación forzada. Fonte: CSIC/Mesura.

A guía, aínda que expón medidas realizadas nas aulas, “é aplicable a outros espazos interiores como oficinas ou outros edificios de uso público”, destaca o CSIC. Insisten, porén, que as recomendacións “non substitúen ao uso de máscaras, o mantemento da distancia e as medidas de hixiene, que seguen sendo de necesaria aplicación”. Os investigadores advirten de que “o risco de contaxio cero non existe”, e por tanto as medidas que recolle a guía “reducen o risco, pero non o eliminan completamente”.

Do mesmo xeito, cómpre ter en conta outros factores, como a incidencia da pandemia na contorna social na que se sitúan as aulas, que tamén inflúe no maior ou menor risco de transmisión e infeccións, tanto dentro como fóra dos centros educativos.

Tamén advirten que o documento “non substitúe o servizo de profesionais de ventilación e tratamento de aire, pois algúns emprazamentos poden requirir cálculos complexos que non necesariamente poidan asumir os usuarios finais”.


Podes consultar a guía nesta ligazón (en formato PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte

Un hidroxel permite cultivar células neurais para reparar lesións medulares

O material desenvolvido polo CSIC combínase con campos magnéticos, un avance na busca de novas terapias