A empresa Biofabri, filial do grupo biofarmacéutico Zendal, con sede no Porriño, converterase na primeira compañía española en formar parte do proceso de fabricación dunha vacina contra a Covid-19. Segundo anunciou este martes Zendal, acadou un acordo coa compañía Novavax para a produción industrial do antíxeno que utilizará na vacina contra a Covid-19, que actualmente se atopa na fase II de ensaios clínicos, o que a sitúa como unha das 12 máis avanzadas no planeta, segundo a OMS.
O contrato expón que Biofabri será a encargada para a Unión Europea da produción da vacina deseñada pola farmacéutica con sede en Gaithersburg, ao noroeste de Washington. Estímase que, unha vez completada a actual etapa, Novavax inicie a fase III no último treito de 2020.
O acordo supón “un importante reto” para Zendal, en palabras da propia empresa galega, “xa que se pon á cabeza das compañías biotecnolóxicas ao ser a única española ata o momento en entrar no proceso de fabricación dunha das vacinas nas que se traballa para previr o SARS-Cov-2, e facelo ademais a nivel europeo”. Andrés Fernández, CEO do grupo Zendal, engade que “este acordo é a ratificación do noso esforzo permanente pola innovación e a nosa aposta pola excelencia en biotecnoloxía. Tamén desde Zendal queremos destacar o apoio mostrado polo Ministerio de Sanidade e a Axencia Española do Medicamento durante todo este proceso”.
Actualmente, outra das filiais do grupo, CZ Vaccines, mantén abertas liñas de traballo relacionadas co SARS-COV-2. E no caso de Biofabri tamén se está explorando a posibilidade de que a MTVBAC, unha vacina contra a tuberculose impulsada xunto á Universidade de Zaragoza, teña capacidade de facer fronte ao novo coronavirus. A MTVBAC é outro dos proxectos relevantes impulsados desde O Porriño, e comezará a fase III dos ensaios clínicos a principios do 2021.
O grupo Zendal é un grupo biofarmaceútico formado actualmente por 6 empresas, todas enmarcadas no sector da biotecnoloxía e vacúas para saúde humana e animal: CZ Vaccines, Biofabri, Vetia, Petia Animal Health, Zinereo Pharma e Probisearch.
A vacina de Novavax
A candidata da empresa estadounidense, de nome NVX-CoV2373, está deseñada a partir da secuencia do propio coronavirus SARS-CoV-2, e usa unha tecnoloxía de nanopartículas recombinantes para xerar os antíxenos derivados da proteina S (spike ou espícula) do virus. Contén un adxuvante patentando pola propia empresa que estimula a resposta inmune do organismo e o desenvolvemento de anticorpos neutralizantes. Nos ensaios preclínicos, demostrou unha boa resposta de tolerancia e de xeración de anticorpos, superiores ás observadas no plasma de convalecentes humanos.














