Xoves 28 Marzo 2024

A espiral sen fin do lume en Ourense: incendiarios e moito máis

A degradación ambiental, as eivas na xestión forestal e o panorama sociodemográfico da provincia alimentan un problema sen solución desde hai décadas

Os obxectivos das cámaras e os micrófonos adoitan apuntar cara a Galicia en xeral, e Ourense en particular, cando as lapas arrasan o terreo, ofrecendo unha sucesión de cifras de hectáreas queimadas, grandes dispositivos de extinción e mesmo intervencións militares. Porén, moitas das persoas que levan tempo facéndose preguntas e buscando as respostas a un problema que por agora non ten fin convidan a mirar doutro xeito: para comezar a entender o que acontece cómpre quedar despois de que se apague o lume, unha vez se dilúe a borralla e o terreo intenta rexenerarse tras a devastación. Que acontece entón para que a única certeza é que comeza a conta atrás ata o seguinte incendio?

A provincia ourensá, coas súas particularidades, responde tamén a algunhas cuestións distintas das que se poñen sobre a mesa cando as grandes vagas de incendios, como as de 2006 ou 2017, afectan a zonas máis poboadas e cunha superficie forestal distinta nas provincias occidentais de Galicia: o que arde en Ourense non son eucaliptos (apenas hai nesta provincia) e, en moitos casos, trátase de monte raso, que arrastra problemas de erosión e degradación, mergullando estas paraxes nunha espiral de deterioro que segue acelerándose.

Publicidade

Unha das áreas que máis arde en Europa

Algúns dos topónimos que se escoitan e len nestes días repítense cada poucos anos: Cualedro, Lobios, A Gudiña, A Mezquita ou Manzaneda son municipios que arden de forma cíclica. Das 28 parroquias que este ano estaban no punto de mira do plan de prevención da Xunta de Galicia por seren consideradas de alta actividade incendiaria (PAAI), varias arderon nos últimos días, como Requiás (Muíños), Montes (Cualedro), Sabuguido (Vilariño de Conso), Cernado (Manzaneda), Camba (Laza), Castro de Escuadro (Maceda) ou Pentes (A Gudiña). E noutras que saíron este ano da listaxe tamén prendeu o lume, como Queixa (Chandrexa de Queixa) ou Guillamil (Rairiz de Veiga).

“A zona transfronteiriza interior entre Galicia e o norte de Portugal é unha das áreas xeográficas con maior concentración de incendios forestais a nivel europeo”, expón o director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Juan Picos. Nun informe sobre a cooperación transfronteiriza en materia de incendios, publicado en 2018 polo Eixo Atlántico, amosábase o mapa dos incendios producidos entre 2012 e 2017 nunha franxa de 25 quilómetros ao norte e ao sur da Raia.

Incendios de 2012 a 2017 na Área Transfronteiriza de Galicia e o norte de Portugal. Fonte: Eixo Atlántico.
Incendios de 2012 a 2017 na Área Transfronteiriza de Galicia e o norte de Portugal. Fonte: Eixo Atlántico.

E noutro mapa obsérvase como se superpoñen as áreas queimadas nos últimos días coas que se viron en afectadas entre 2001 e 2017, afectando a boa parte da provincia ourensá.

Áreas queimadas na provincia de 2001 a 2017 (vermello) e áreas queimadas en 2020. Imaxe cedida por Juan Picos.
Áreas queimadas na provincia de 2001 a 2017 (vermello) e áreas queimadas en 2020. Imaxe cedida por Juan Picos.

Combustible histórico e social

“Sabemos desde hai 100 anos, e máis desde que na segunda metade do século XX o problema foi aumentando, que se trata de incendios intencionados na súa meirande parte. Pero ben, non vai sendo momento de ir máis alá? De buscar solucións efectivas alén de millonarios plans de extinción e de descargar toda a responsabilidade en quen prende lume en ultima instancia? De verdade que non se poden atallar as raíces sociais do problema?”, pregúntase Serafín González, edafólogo do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.

González remítese ás repoboacións forestais forzosas durante o franquismo, primeiro con piñeiros e logo con eucaliptos, para situar a cuestión: “Daquela xa xurdiron os incendios como forma de protesta”, apunta. En zonas como as afectadas pola vaga dos últimos días, “o lume foi de sempre unha ferramenta agrícola e gandeira: tradicionalmente se desenvolvía a gandería en extensivo para a que se precisaban pastos, e a forma de dispoñer deles era a través de queimas”.

Hoxe, debidamente reguladas, as queimas seguen sendo unha práctica esencial na vida cotiá do medio rural galego: tramítanse uns 400.000 permisos de queima cada ano. Segundo lembra Juan Picos, no primeiro día no que se levantou a prohibición despois da vaga de incendios de 2017 solicitáronse 40.000 peticións.

Mais hai tamén outras posibles causas de que unha faísca se desprenda e acabe causando danos, como as queimas para disuadir á fauna salvaxe, como os xabarís, ou mesmo algunhas fogueiras con carácter recreativo que se poden descontrolar. Sen deixar de seren provocados pola man de home, e constitutivos dun delito, ningún dos tipos anteriores de lumes parecen enmarcarse na actividade premeditada de incendiarios ou pirómanos con afán de destruír a contorna.

Os dous expertos coinciden, alén do uso preciso e regulado do fogo, en que hai unhas condicións sociodemográficas que impulsan as lapas e que, nestes casos, si poden referirse á intencionalidade. González fala do “afundimento da estrutura social do rural”: o baleiramento pola emigración da segunda metade do século XX uniuse ao “desapego polo monte” e a carencia dunha alternativa para o desenvolvemento sustentable destas zonas. “Se unha parte dos centos de millóns de euros investidos nos plans de extinción se usasen en proxectos para desenvolver estas zonas, estaríamos sen dúbida diante do outro escenario; levamos 30 anos de investimentos multimillonarios e pouco mudou”, reflexiona o investigador do CSIC.

“Estas zonas son socialmente complexas, xa que se mesturan o despoboamento, o avellentamento, unha cantidade importante de non residentes estacionais, os sentimentos de abandono por parte dos poderes públicos e da sociedade en xeral”, que ás veces fan agromar “comportamentos asociais ou, en menor medida, relacionados coa saúde mental” que poden causar a aparición do lume, engade Juan Picos. Vaise instalando en parte da poboación unha sorte de desidia que dificulta atallar o problema: “Non pode ser que, salvo que ardan as casas unha parte dos habitantes permanentes teñan a sensación de que non hai nada que perder”, lamenta o enxeñeiro forestal.

Neste sentido, apela á responsabilidade compartida da sociedade galega neste problema; parte da prevención conséguese, segundo Picos, “en decisións que cada compoñente da sociedade toma todos os días e que inflúen no territorio: onde e como se vive; que se consome; onde foi producido o que mercamos; se estamos ou non dispostos a retribuír polo lecer que se desenvolve en áreas forestais, ou polo osíxeno ou á auga que producen; que se esixe aos representantes políticos; se se participa na comunidade de montes onde se reside; se se están buscando alternativas para pór en produción as parcelas forestais que se herdaron… Hai tarefa para todos antes dos incendios”, conclúe.

Efecto chamada e última chamada

Neste contexto é onde xorde a cuestión: hai unha actividade coordinada para queimar os montes? “Máis que coordinada, eu diría simultánea“, aclara Picos. “Está claro que cando as circunstancias, especialmente as climatolóxicas, son desfavorables, todos os conatos que pode haber noutros momentos pasan a ser incendios e moitos deles grandes incendios”.

Mais non só: “Tamén semella evidente que estas condicións adversas son as agardadas por outros para queimar o que ao mellor intentaron queimar en outras ocasións ao longo da tempada”, sen ‘éxito. “É especialmente perigoso o efecto “última chamada” que se da na transición ao outono uns días antes da chegada de chuvias”. Así aconteceu en outubro de 2017, cando despois de meses de seca, a actividade incendiaria desatouse xusto antes das precipitacións. “Quen quere facer una queima, co motivo que sexa, entende que é o momento”. Alén disto, aclara o investigador, “hai un certo efecto chamada xa que cando o operativo de extinción atópase actuando noutros lunes pode ser para algún o momento para inténtalo entendendo que a súa resposta vai ser máis tardía”.

“Imos camiño de que o único que queden son penedos, porque o sistema estase degradando pola súa base”, apunta Serafín González

Un terreo arrasado e con memoria para arder de novo

A espiral do lume amósase entre incendio e incendio nas zonas máis afectadas. “As taxas de erosión son elevadísimas, e o ciclo de queima é tan intenso que á vexetación que medra despois non chega ao metro de altura; ademais, o que nacen son especies que resisten mellor o lume, nun terreo onde apenas se fai nada por rexeneralo”, resume Serafín González.

O solo queda, por tanto, moi afectado, mesmo en espazos de gran valor ecolóxico como o Parque Natural da Baixa Limia-Xurés, onde boa parte da superficie quedou asolada polos lumes, un sobre o outro. “Imos camiño de que o único que queden son penedos, cunha degradación enorme, porque o sistema estase degradando pola súa base”, engade o científico do CSIC. “A erosión reduce o espesor do solo produtivo, que non pode reter a auga e os nutrientes necesarios para os organismos que poidan medrar nel, e isto acaba coa biodiversidade, cuns efectos enormes sobre a paisaxe”. Como consecuencia, engade González, os ecosistemas acuáticos acábanse vendo afectados, xa que se aumenta o risco de enchentes en épocas de chuvia e, pola contra, no verán aumenta o risco de secas, xa que “o solo actúa como unha esponxa cando ten o espesor suficiente, pero perde a súa capacidade se está arrasado”.

Desde a perspectiva forestal, Juan Picos apunta na mesma dirección: “Nun espazo procedente do abandono da agricultura e a silvicultura, o incendio acaba homoxeneizando aínda máis o territorio”. E a espiral segue: “Se ao incendio o sucede un maior abandono das actividades e a recuperación da vexetación volve incrementar a carga de combustible, o risco de sufrir un novo gran incendio é maior”.

“Hai tempo que o incendio forestal deixou de ser un problema exclusivamente dos servizos de extinción”, di Juan Picos

O empurrón do cambio climático

Os incendios de outubro de 2017 foron un dos primeiros avisos de que unha nova xeración de lumes poida acabar aparecendo en Galicia: quizais menores en cantidade, pero maiores na superficie que queiman, a unha velocidade maior. As épocas de secas e as temperaturas máis altas, ao tempo que se mantén durante parte do ano un tempo húmido que contribúe ao crecemento da masa forestal, xeran un panorama preocupante. E cada vez é máis habitual que a voracidade dos incendios supere a capacidade de contención dos equipos encargados de apagalos.

“Hai tempo que o incendio forestal deixou de ser un problema exclusivamente dos servizos de extinción, que necesitan consumir cada vez máis recursos durante unha campaña cada vez máis longa”, reflexiona Juan Picos. “Xa non son só un problema temporal, que desaparecerá por si mesmo a curto prazo, senón un condicionante permanente da política forestal e da xestión do territorio”. Como mostra, expón o enxeñeiro, “os sucesivos incrementos orzamentarios e aumentos de medios e recursos anualmente na loita contra os incendios forestais non producen melloras significativas na redución da superficie queimada”. Así, o camiño pasa, segundo o investigador, “inevitablemente pola mellora das estratexias preventivas un conxunto de políticas coordinadas que reduzan o risco e intenten anticiparse o problema na medida do posible”. A espiral, por agora, segue xirando ata que chegue a próxima vaga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.