Publicidade

Arden máis de 8.000 hectáreas en 48 horas en Ourense nos maiores incendios desde 2017

Os incendios de Lobios, no parque natural do Xurés, e os de Vilariño de Conso, superan as 2.000 hectáreas, por riba dos maiores dos últimos tres anos

Desde a fin de semana de outubro de 2017, cando os incendios levaron por diante 50.000 hectáreas en poucos días, sobre todo na tarde e noite do domingo 15, non se producían lumes de tal magnitude como os que se rexistraron esta fin de semana en Lobios ou Vilar de Barrio. Preto dunha vintena de incendios de tamaño considerable (Medio Rural só achega información dos que superan as 20 hectáreas) comezaron a propagarse desde o sábado por varias zonas da provincia de Ourense. Segundo as estimacións provisionais que achega a Consellería de Medio Rural xa arderon máis de 8.000 hectáreas ata o serán do luns, aínda que algunhas estimacións xa se achegan ás 9.000, xa que a última actualización de Medio Rural é das 19 horas do luns. Algúns deles permanecen activos e aínda sen controlar, xa que a previsión de precipitacións para este luns non se cumpriu nas zonas máis afectadas polo lume. Así, durante o luns declaráronse novos incendios na Mezquita (máis de 100 ha) ou Muíños (9ha) , xa estabilizado, ou Montederramo. Espérase aínda unha noite longa en varios dos focos máis complicados de controlar.

Os maiores incendios, que segundo os cálculos provisionais xa superan as 2.000 hectáreas en cada caso, son os de Lobios e Vilariño de Conso. O primeiro deles, na parroquia de Río Caldo, no Parque Natural da Baixa Limia-Xurés, comezou ás 19.40 horas do sábado e xa chegou á zona da Portela do Homem, na fronteira con Portugal. É unha zona moi próxima a onde se produciu outro incendio a comezos de agosto, na parroquia de Manín, onde faleceu un piloto dun hidroavión portugués cando traballaba nun incendio que queimou máis de 400 hectáreas. Desde o sábado, en só 48 horas arderon máis hectáreas en Galicia do que se queimou en todo o ano 2018 (2618,09 ha) e 2019 (6845,65 ha).

Publicidade

En só 48 horas arderon máis hectáreas en Galicia do que se queimou en todo o ano 2018  e 2019

Macizo Central

O outro dos incendios máis graves desde hai tres anos é o de Vilariño de Conso, na parroquia de Sabuguido, moi preto do parque natural do Invernadeiro, onde tamén se superan as 2.000 hectáreas segundo as estimacións provisionais desde que se detectou o incendio na madrugada do sábado ao domingo. Na tarde do luns decretouse a situación 2 pola proximidade das lapas ás aldeas de Soutogrande e Soutelo.

Tamén preto do Invernadeiro, en Vilar de Barrio, comezou outro incendio ás 11 da mañá do sábado, onde xa arderon unhas 700 hectáreas na parroquia de Rebordechau. Medio Rural deuno por estabilizado desde a tarde do luns. Na parroquia de Queixa, no concello de Chandrexa de Queixa, onde desde as 16 horas do domingo quedaron afectadas 400 ha. Outro incendio na parroquia de Camba, en Laza, iniciouse ás 20.29 horas do sábado e afecta arredor de 60 ha.

Publicidade

Noutras áreas do Macizo Central tamén comezaron nas últimas horas varios incendios. No Concello de Manzaneda: na parroquia de Cernado declarouse ás 5 da madrugada do luns outro lume que xa afectaba pola mañá a 150 ha, e en Paradela outro foco avanzou tamén por riba das 50 ha.

Cualedro

En Cualedro, un dos concellos que máis incendios rexistra nos últimos lustros en Galicia, as lapas chegaron a rodear a aldea de Carzoá, onde chegou a decretarse a Situación 2 por mor da proximidade ás casas. Na parroquia de Montes arderon arredor de 1.300 hectáreas desde o mediodía do domingo ata o luns. Algunhas fontes apuntan a que o luns comezou outro lume, tamén na parroquia de Montes. Neste mesmo municipio, na parroquia de San Millao, produciuse outro incendio a comezos de agosto que queimou máis de 1.500 hectáreas, moi próximo á súa vez ao de Flariz, en Monterrei, e que tamén superou as 700 ha.

Na parroquia de Sabariz, en Rairiz de Veiga, tamén se chegou a decretar a situación 2, xa desactivada, pola proximidade á aldea de Guillamil dun incendio que se detectou sobre as 13.40 do domingo. Na mañá do luns, Medio Rural estimaba que a superficie afectada era de 300 ha.

E no sueste da provincia, noutras dúas zonas tamén golpeadas repetidamente polo lume, tiveron lugar sucesos nas últimas horas. Na mañá do luns estabilizouse outro incendio que se iniciara o sábado na parroquia de Pentes, na Gudiña, despois de afectar 150 ha, e en Vilardevós detectouse outro lume á 1 da madrugada do luns, na parroquia de Vilar de Cervo, que calcinou unhas 300 ha.

Máis ao norte, xa en Lugo, no concello de en Ribas de Sil, outro incendio que comezou de madrugada afecta xa a unhas 60 hectáreas. Segundo Medio Rural, detectáronse catro focos distintos, “o que evidencia a clara intencionalidade deste lume”. Quedou estabilizado na tarde do luns.

Tamén se detectaron durante a tarde do domingo focos simultáneos en Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro, que afectaron 130 ha. Neste caso, Medio Rural deu o lume por controlado durante o luns. E na fin de semana extinguiuse outro incendio na parroquia de Cequeril, no concello pontevedrés de Cuntis, despois de calcinar unhas 25 ha. Finalmente, a Consellería dou por extinguido o incendio que afectou á parroquia do Hospital, en Quiroga, cunhas 53 ha afectadas.

As cifras de hectáreas calcinadas colocan aos incendios de Lobios e Vilar de Barrio como os maiores desde a vaga de 2017, onde se superaron as 8.000 ha en Ponteareas e as 5.000 en Melón. Ata onte, o incendio de Cualedro tiña este rexistro despois de afectar a unhas 1535 ha a comezos deste mes de agosto. Segundo as estatísticas do Ministerio de Medio Ambiente, en 2018 non se produciu ningún GIF (Gran Incendio Forestal) en Galicia, e en 2019 só foi un, o de Laíño, en Dodro, con 1.192,71 ha.

Actividade incendiaria en zonas xa afectadas anteriormente

Aos principais lumes dos que informa Medio Rural hai que engadir varios focos, con clara intencionalidade, que se rexistraron desde a tarde do domingo na serra do Barbanza. Segundo varias fontes, e se constata co histórico de incendios nos últimos anos, moitas das zonas afectadas manteñen unha importante actividade incendiaria. As condicións destes días, con temperaturas elevadas acompañadas de vento e unha masa forestal seca debido á escaseza de chuvias, contribúen a que os lumes avancen a gran velocidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Matemáticos galegos empregan algoritmos para analizar a recorrencia dos incendios

Un proxecto do CITMAga procura mellorar a xestión dos labores de extinción nos lumes grazas ao emprego de mapas de calor e de risco

Manchas solares no ceo da Coruña entre a nube de fume procedente de Portugal

O transporte de partículas ocasionado polos incendios do país veciño deixan uns ceos vermellos en Galicia

Así afecta ao corpo humano a exposición ao fume dos incendios

O transporte masivo de partículas tóxicas activa en Galicia alertas pola mala calidade do aire nos concellos de Vigo e de Cee

▪️ Así avanzan os incendios: unha aplicación permite seguir a evolución en tempo real

A aplicación de Pyro, baseada nos datos dos satélites MODIS e VIIR da NAS, visualiza os lumes activos de cada concello