Publicidade
Publicidade

Carl Sagan iniciou as teorías sobre a vida nas nubes de Venus

Cientificos de Europa e dos Estados Unidos anunciaron o achado de fosfina en altas concentracións, considerado un posible indicio de vida

Venus non semella o mellor lugar para vivir. Dende a década de 1950, foron coñecidas con toda seguridade as condicións do noso planeta veciño: 500 graos Celsius de temperatura na superficie, unha presión atmosférica 90 veces superior á da Terra e unha capa de nubes con ácido sulfúrico. Pero esta crenza está a cambiar: algúns estudos suxiren que a vida venusiana existiu no pasado durante 3.000 millóns de anos, cando o Sol non emitía tanta radiación como hoxe e o planeta conservaba unha atmosfera máis habitable. De feito, algúns científicos cren que a vida comezou alí e pasou logo á Terra. O máis sorprendente é que agora xa hai teorías que especulan con que a vida segue a existir alí, aínda que radicada en capas moi concretas das súas nubes.

De feito, este luns a Royal Astronomical Society, deu unha rolda de prensa sobre un artigo científico que sae hoxe publicado na prestixiosa revista Nature Astronomy. O achado é a presenza de fosfina en grandes cantidades, definida como un ‘potente indicio’ dunha vida venusiana, xa que tanta acumulación non encaixaría como producida de xeito natural sen a presencia dalgún tipo de organismo vivo.

Publicidade

Moitos astrobiólogos ven a presenza de fosfina como unha “firma biolóxica”, é dicir, un indicador da posible presenza de vida. A detección foi realizada polo observatorio Atacama (ALMA) situado en Chile e o telescopio James Clerk Maxwell situado en Hawaii. O equipo de investigación inclúe membros da Universidade de Manchester, o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts e a Universidade de Cardiff.

Xa en 1967, Carl Sagan especulaba coa posibilidade de que certos microbios poderían sobrevivir doadamente nunha determinada franxa atmosférica de Venus. E un artigo de 2004 propoñía que o xofre da atmosfera podería ser utilizado por eses microbios como un medio para converter a luz ultravioleta a outras lonxitudes de onda que permitirían mesmo a fotosíntese. no 2018, outro estudo chegou a expor que as manchas escuras que aparecen na atmosfera venusina poderían ser algo parecido ás floracións de algas que ocorren de forma rutineira nos lagos e océanos da Terra. Pero Sagan podía terse aplicado unha das súas frases favoritas: “Afirmacións extraordinarias requiren evidencias extraordinarias”. E, polo de agora, non hai unha observación directa de vida, senón só hipóteses e indicios, algúns tan sólidos como este achado de fosfina en cantidades dez mil veces superiores ás esperadas.

Publicidade

Anuncian o achado de posibles indicios de vida en Venus

Cos datos das sondas Venera, Pioneer Venus e Magallaes, xa foron atopados sulfuro de hidróxeno e dióxido de xofre (SO2) xuntos na atmosfera superior, así como sulfuro de carbonilo (OCS). Os primeiros dous son gases que reaccionan entre si, implicando que algo debe estar presente para producilos. Ademais, o sulfuro de carbonilo é significativo por ser excepcionalmente difícil de producir con medios inorgánicos. Na Terra, este composto sería considerado un “indicador inequívoco de vida“. Ademais, as primeiras sondas soviéticas Venera atoparon grandes cantidades de cloro baixo as primeiras capas de nubes venusianas. Pero todo continúa no eido da especulación científica, sen probas concluíntes.

Un estudo recente sinala que podería haber vida microbiana nalgunha das capas da atmosfera venusiana

A maioría dos estudos conclúen que a vida microbiana da atmosfera de Venus, se é que existe, tería unha esperanza de vida moi curta. De feito, os microbios irían caendo lentamente a través das nubes cara ás capas inferiores, onde rematarían incinerados pola calor ou esmagados pola presión atmosférica. Pero este mesmo ano, no mes de agosto de 2020, apareceu un novo traballo de investigación na revista Astrobiology, que propón que a vida microbiana en Venus poida sobrevivir máis tempo, en forma de gotículas. E as condicións extremas podrían encaixar coas dalgúns organismos que viven en ambientes terribles para a vida como as augas termais do parque Yellowstone ou as minas de Riotinto, en Huelva.

Agora, a cuestión está na fosfina en grandes cantidades atopada no planeta veciño. Esta sustancia, que na Terra é moi tóxica para o ser humano, e que se emprega como insecticida, podería ser en Venus un indicio de vida, xa que se produce por degradación de materia orgánica. Esa é a clave da importancia do estudo venusiano.

Así que avanzamos nun novo capítulo da vida en Venus, que por riba da ciencia sempre foi un argumento destacado da ciencia ficción dende que o químico sueco Svante Arrhenius (Premio Nobel de Química en 1903) describiu o noso ‘xemelgo’ en 1918 como un planeta verde e húmido, no cal a vida sería similar á do Período Carbonífero terrestre. Dende aquela, os ‘venusianos’ pasaron a competir cos marcianos na imaxinación popular ata que nos anos 50 do pasado século XX foi decuberta a infernal natureza da superficie do planeta. Onde a vida non é posible, pero poida que exista unha posibilidade nas súas nubes.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A pastilla dunha planta prehistórica que pode protexernos do sol

Un composto derivado dun fento de Centroamérica pode protexer contra a radiación solar en pacientes especialmente vulnerables

Como se verá a eclipse do sábado en cada unha das catro provincias galegas

O fenómeno astronómico poderá observarse dende as 10:42 ata as 12:39 horas, cando se verá que lle falta un anaco ao astro rei

Cinco consellos para observar de forma segura a eclipse parcial de sol do próximo sábado

Os ópticos galegos advirten dos problemas de visión que pode causar a observación directa e sen protección do fenómeno astronómico

Dúas eclipses de Sol e Lúa en marzo: así poderás observalas dende Galicia

O día 29 comenzará un período astronómico único en España con destacados eventos que serán visibles no país durante os próximos anos