Venres 26 Abril 2024

Anuncian o achado de posibles indicios de vida en Venus

A detección de grandes cantidades de fosfina leva a un equipo internacional de astrónomos a soster que a súa única orixe sostible sería a biolóxica

Un ‘poderoso indicio’ da existencia de vida actualmente no planeta Venus. Un equipo de astrónomos de Europa e dos Estados Unidos anunciou hoxe que detectaron “fosfina” — fosfano polo seu nome oficial— na atmosfera do planeta. A fosfina é un derivado fétido e tóxico do fósforo. Usouse como arma, como insecticida e é un residuo da produción de metanfetamina, unha droga.

Desde hai anos sábese que os maiores planetas do sistema solar, Xúpiter e Saturno, xeran fosfina ao unir un átomo de fósforo e tres de hidróxeno nas súas capas internas, que están a máis de 500 graos, nun proceso totalmente alleo á presenza de vida. Pero a fosfina tamén existe na Terra e a súa fonte principal asóciase a microbios que viven en contornas onde non hai osíxeno, incluído o fondo dalgúns lagos, as augas fecais e o intestino de animais, incluídos os humanos, segundo os responsables do achado, que foi presentado na tarde deste luns pola Royal Astronomical Society. O traballo foi publicado na prestixiosa Nature Astronomy.

Publicidade

A fosfina nas nubes de Venus foi detectada por primeira vez no 2017 co telescopio James Clerk Maxwell (JCMT), que se atopa en Hawai e pertence ao Observatorio do Leste de Asia. Para confirmar os resultados, os científicos empregaron tamén o ALMA, o radiotelescopio máis grande do mundo, situado no deserto de Chile, que ten máis sensibilidade. As 45 antenas do radiotelescopio do Observatorio Europeo Austral (ESO) confirmaron a detección de fosfina, un dos principais biomarcadores, é dicir, unha das pegadas químicas que poden indicar a presenza dalgún tipo de ser vivo.

Tras pasar tres anos facendo comprobacións e simulacións para tentar determinar se esa fosfina podería formarse nas nubes venusianas por procesos naturais non biolóxicos, os autores deste estudo internacional conclúen que a pesar de que a cantidade detectada é pequena (20 moléculas deste gas por cada mil millóns), é moito maior da que habería se a súa orixe non fose biolóxica.

Representación artística do achado de fosfina na atmosfera de Venus realizada polos investigadores.

Descartaron, por tanto, que esa fosfina sexa o resultado de procesos coñecidos como o vulcanismo, a caída de meteoritos, os lóstregos eléctricos ou na súa formación teñan intervido a luz solar ou minerais procedentes da superficie dese planeta rochoso.

A única explicación que hai co coñecemento que se ten na actualidade é que a súa orixe sexan procesos xeolóxicos ou químicos descoñecidos por nós pero que poderían ter lugar en Venus; ou unha posibilidade moito máis emocionante: que fose producida por seres vivos. É dicir, non é que se teñan atopado organismos nas nubes de Venus, senón un gas que podería revelar de xeito indirecto a posible existencia deses organismos.

Vida en Venus? O inminente anuncio dun forte indicio no planeta veciño

De confirmarse esa hipótese, Venus sería o primeiro lugar fóra da Terra no que se atopa vida, un anhelo que a comunidade científica leva décadas perseguindo. Con todo, os autores, entre os que hai científicos británicos, estadounidenses e xaponeses, amosanse moi prudentes e aínda que consideran que o seu descubrimento é significativo, apuntan que fai falta máis investigación para entender de onde vén esa fosfina. De calquera xeito, fixeron público un vídeo onde a palabra ‘vida’ (Life) aparece destacada sobre a imaxe do planeta  Venus.

Clara Sousa Silva, coautora do estudo e investigadora do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), investigou a fosfina como biomarcador para tentar detectar vida en exoplanetas: “O descubrimento de fosfina en Venus suscita moitas preguntas, por exemplo, como pode un organismo sobrevivir nesa contorna. Na Terra, algúns microbios poden resistir a un 5% de ácido, pero as nubes de Venus están compostas case na súa totalidade de ácido”, sinala nun comunicado de prensa.

O achado non é unha evidencia directa de vida, pero é a única explicación que os científicos atopan a esta concentración de fosfina

Aínda que sinala que a fosfina pódese formar por procesos non biolóxicos no medio interestelar e, en principio, tamén nas nubes de Venus, o interesante do resultado é que a cantidade que detectaron, aínda sendo moi pequena en valores absolutos, é 10.000 veces maior que a esperada por procesos abióticos.

Parte dos científicos que asinan o estudo publicaron un detallado estudo anterior no que concluían que a presenza de fosfina nun planeta rochoso como Venus só pode deberse á presenza de vida. No seu estudo de hoxe son algo máis cautos. “A detección de PH3 [símbolo da fosfina] non é unha proba sólida de vida, só de química anómala que non podemos explicar”, conclúen.

Sousa-Silva explica a este diario que a publicación deste estudo é unha chamada de auxilio á comunidade científica internacional: “Non atopamos ningunha explicación alternativa á presenza deste composto en Venus”. No vídeo que acompañou a presentación, salientan que a existencia de vida nas nubes do planeta veciño é a única explicación que lles encaixa no seu modelo actualmente.

Aquí podes consultar a investigación publicada en Nature

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A NASA detecta un enorme burato no Sol

O Observatorio de Dinámica Solar capta un vídeo do fenómeno e prognostica unha tormenta xeomagnética nos vindeiros días

Cinco asteroides pasarán preto da Terra en apenas 24 horas

A NASA confirma que ningún deles é potencialmente perigoso, pese a que pasarán a menos de 7,5 millóns de quilómetros do planeta

O eixo da Terra inclínase case 80 centímetros pola extracción de auga subterránea

A redistribución humana da auga existente baixo a superficie terrestre provoca que o planeta se desvíe máis do normal

Estes foron os primeiros animais da Terra

As medusas crearon a primeira liñaxe, séguenlle as esponxas e posteriormente, a diversificación de todos os animais