Venres 26 Abril 2024

Así serán os incendios do futuro en Galicia: máis rápidos, máis grandes e moi perigosos

Os sucesos de 2017 no noroeste da Península evidenciaron a chegada de novos tipos de lumes impulsados polo cambio climático e o abandono do territorio

O 21 de febreiro de 1989, en menos de dous meses do peor ano que se recorda en canto a incendios no noroeste da Península Ibérica, xa houbera catro mortos en Galicia por mor dos lumes, segundo contaba El País. Tres deles, por certo, debido a accidentes derivados de queimas que se descontrolaron. Galicia ardeu durante meses, debido a unha seca extraordinaria a comezos de ano, que se prolongou no verán e que provocaría unha vaga de lumes constante que durou de xullo a outubro. Arderon preto de 200.000 hectáreas.

En 2006, o episodio centrouse en pouco máis de 10 días de agosto, entre o 4 e o 15. Abondaron para que se queimaran case 100.000 hectáreas en centos de lumes, nos que ademais faleceron catro persoas. Unha tendencia cara a incendios máis voraces que xa se vira, a menor escala, en Ourense, nos episodios que queimaron máis de 30.000 hectáreas cada ano en 2000 e 2005, e que se repetiría con maior rapidez en 2011.

Publicidade

O tempo preciso para que ardan decenas de miles de hectáreas redúcese cada vez máis nas sucesivas vagas

O desastre da fin de semana do 14 e 15 de outubro de 2017 veu confirmar unha tendencia da que xa viñan advertindo os expertos, e que se fará, con moita probabilidade, máis frecuente nos incendios do futuro. Cada vez fai falta menos tempo para que as hectáreas queimadas se conten por miles. Se en 1989 foron meses, en 2006 foron 10 días, en 2011 menos dunha semana, e en 2017, menos dun día.

É unha nova tipoloxía de lumes, que pode causar desgrazas como as que se viviron en Pedrogão Grande, en Portugal, en xuño de 2017. “Aquel lume foi, probablemente, o primeiro caso no que se describiu en Europa un incendio propagado por un pirocúmulonimbo“, explica Edelmiro López, profesor da USC que estivo presente na comisión de investigación do suceso que acabou coa vida de máis de 60 persoas. Este fenómeno é bastante máis frecuente e moi estudado nos lumes de California ou Nevada, nos Estados Unidos.

O incendio de Pedrogão Grande, en Portugal, chegou a avanzar a unha velocidade de 15 quilómetros/hora

Horas despois da catástrofe de Pedrogão, en conversa con GCiencia, o director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Juan Picos, sinalaba que estes incendios “crean a súa propia dinámica de vento local, e as conveccións que se desenvolven fan que o lume sexa moi rápido e errático, con refachos que parecen vir de todos os puntos cardinais, en todas as direccións”. Deste xeito, “a calor do lume fai ascender o aire situado enriba do foco, polo que o aire frío do entorno pasa a encher o baleiro e achega osíxeno á combustión. Aínda que o foco do lume está relativamente estable, as temperaturas que se alcanzan nese punto e nos arredores son tan elevadas que en calquera momento pode xurdir un novo foco nas proximidades, case como se fora unha combustión espontánea”.

O informe no que participou Edelmiro López, presentado á Assembleia da República, describe un inferno para o que sobran as metáforas. Nos momentos máis intensos, o lume de Pedrógrao avanzou milleiros de hectáreas, chegando a acadar velocidades de 15 km/h (un quilómetro cada catro minutos), no tempo que coincidiu coa maior parte das mortes. A conclusión dos expertos respecto á posibilidade de controlar é tan clara como preocupante: “Incontrolable, independentemente da cantidade de medios dispoñibles”. Apenas se pode facer nada, porque a intensidade do lume é tal que impide actuar aos medios de extinción. Como exemplifica Juan Picos, “aos grandes incendios só se lles pode matar de fame“, intentando illar as zonas aínda non queimadas e anticipándose ás posibles traxectorias da fronte.

Xeracións de incendios forestais. Fonte: Esquema elaborado por Juan Picos, baseado no traballo de Marc Castellnou.
Xeracións de incendios forestais. Fonte: Esquema elaborado por Juan Picos, baseado no traballo de Marc Castellnou.

Houbo ‘tormenta de lume’ en Galicia?

Así, ante a voracidade da vaga dos días 14 e 15 de outubro – que xa comezara os días previos nos Ancares – cabe a dúbida de se chegou a haber en Galicia algunha ‘tormenta de lume’. Naqueles mesmos días, en Portugal, ardeu unha superficie moito maior ca en xuño (e houbo tamén decenas de mortos), aínda que aquí falouse menos debido á inmediatez e proximidade do problema galego, e é probable que se repetira algunha tormenta de lume, tal e como reflicten as xa icónicas fotografías tomadas polo bombeiro Hélio Madeiras en Leiria, no comezo deste texto.

Así, as enormes superficies queimadas en poucas horas nos incendios iniciados en Ponteareas (case 9.000 hectáreas), Melón (preto de 6.000) ou As Neves (case 3.000, ás que hai que sumar as ardidas ao outro lado do Miño), poderían levar a pensar que si. Porén, os estudos realizados parecen descartar esta posibilidade, e atribúese o rápido avance das lapas á forza dos ventos do furacán Ophelia. O que non quere dicir que exista posibilidade de que se acaben producindo, de repetirse as condicións do 2017.

“O cambio climático xa mudou os bosques”

As cifras non deixan de advertir a chegada destes incendios do futuro. Os últimos anos son dos máis cálidos da historia desde que hai rexistros. O lume xa causa problemas en Escandinavia. 2017 foi, de feito, o ano no que máis danos económicos causaron os lumes en todo o planeta. Mentres caia a suficiente chuvia nas estacións frías e húmidas, as secas e o aumento das temperaturas nos meses cálidos deixarán os montes listos para arder. Tal e como adoita dicir Marc Castellnou, enxeñeiro de montes, xefe dun grupo especializado da Generalitat de Catalunya e experto internacional en incendios forestais, “estamos atacando os incendios como nos anos 90, pero o cambio climático xa mudou os bosques”.

Máis información e referencias:

Coloquio “Unha nova xeración de lumes”, organizado polo Consello da Cultura Galega os días 18 e 19 de xaneiro en 2018.

(PDF) Relatório de Análise e apuramento dos factos relativos aos incêndios que ocorreram em Pedrogão Grande, Castanheira de Pera, Ansião, Alvaiázere, Figueiró dos Vinhos, Arganil, Góis, Penela, Pampilhosa da Serra, Oleiros e Sertã, entre 17 e 24 de Junho de 2017.

– Estadística General de Incendios Forestales, do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

– (Youtube) “Dous días de outubro: Que aprendemos sobre incendios forestais en 2017”, charla de Juan Picos no ciclo de Escépticos en el Pub Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Así devastan os incendios a paisaxe: un estudo revela o seu efecto nos ecosistemas galegos

A tese de Sheila F. Riveiro demostra que o lume favorece as especies exóticas invasoras e despraza as nativas nos montes de Galicia e Portugal

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC