As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Na última década a intensidade dos incendios aumentou en todo o mundo, especialmente nas rexións mediterráneas debido ao clima. É neste contexto no que recentes investigacións se centran nos danos dos macroincendios e algunhas delas poñen o foco en como a dispersión das cinzas poden afectar aos sistemas naturais. O artigo ‘Impacto das cinzas de incendios forestais sobre a abundancia de bacterioplancto e a composición da comunidade nunha baía costeira‘, realizado por investigadores do Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo (CIM) e publicado en ScienceDirect, extrae a seguinte conclusión: existe a posibilidade de que “as cinzas poidan causar alteracións na abundancia e composición da comunidade de plancto procariótico costeiro, incluídos aumentos na abundancia relativa de Vibrio —bacterias potencialmente patóxenas—”, explican no artigo.

Debido ao cambio climático, espérase un aumento da frecuencia e intensidade dos incendios. Existen exemplos desta severidade co macroincendio que afectou principalmente á área metropolitana de Vigo no ano 2017 e cuxas cinzas se analizan neste estudo.

Publicidade

Os incendios forestais adoitan afectar á parte superior do solo danando, entre outras cuestións, ao contido de nutrientes debido á “descomposición das cinzas, a formación de carbono negro e a mineralización da materia orgánica”, enumeran no artigo. Ademais, poden provocar a destrución da vexetación favorecendo os procesos erosivos. Do mesmo xeito que afectan ao medio terrestre, estes puntos negativos tamén poden chegar aos ecosistemas acuáticos. No artigo menciónanse duás vías principais: a deposición atmosférica e a escorredura posterior ao incendio.

O traballo levado a cabo polos investigadores Alberto Gutiérrez-BarralEva Teira, Alexandra Díaz-Alonso, Maider Justel-DíezJoeri KaalEmilio Fernández centra as súas invetigacións nas escorreduras post-incendio. No artigo afirman que os impactos dos incendios no solo poden durar anos. Neste período de escorredura pódense transportar nutrientes como amonio, nitrato, fosfato e carbono negro. Adicionalmente, pódense mobilizar contaminantes como hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) —un grupo de máis de 100 substancias químicas diferentes que se forman durante a combustión incompleta de diferentes substancias— e metais, causando “efectos nocivos na vida acuática incluíndo macroalgas, plantas, invertebrados, peixes e mamíferos”, explican no artigo.

Publicidade

Danos no plancto das rías

Do mesmo xeito, “as substancias relacionadas co lume tamén poden causar alteracións na biomasa e na composición do fitoplancto“. Neste sentido, a hipótese que sosteñen os investigadores do CIM é que “os nutrientes orgánicos e inorgánicos que entran no océano costeiro a través da escorredura post-incendio poderían afectar á composición e abundancia do plancto procariota costeiro”. Estos compostos tóxicos poderían provocar cambios na composición e na riqueza das comunidades de plancto procariota de auga doce. De entre estes compostos tóxicos destaca o carbono negro —un produto recalcitrante da combustión— que promove o crecemento de plancto procariota, “especialmente tras a exposición á radiación solar”, engaden no artigo.

Para poder dar resposta a esta cuestión, simularon os efectos desta situación sobre o plancto microbiano mariño en diferentes experimentos para “avaliar os cambios na concentración de clorofila a, a abundancia bacteriana e a composición da comunidade de bacterias planctónicas”, explican os autores.

Como conclusión, expoñen que os cambios poden estar asociados ás cinzas ou á floración de fitoplancto promovidas por nutrientes das cinzas. Por outra banda, tamén poderían estar asociados á toxicidade de certos compostos dos residuos dos incendios que “poderían reducir a abundancia bacteriana de certos taxons”, engaden os autores do artigo. Ademais fan fincapé nas alteracións estacionais que se producen, xa que no verán se observou unha maior resposta á adición de extracto de cinza.

Neste sentido, suxiren que os cambios na biomasa fitoplanctónica, “así como na abundancia e composición do bacterioplancto, poden ser relevantes para a rede trófica e, en consecuencia, para a produción de marisco nas baías costeiras”. Sendo conscientes das limitacións na cobertura do estudo, aclaran que se deben extraer as conclusións con “certa prudencia”.


Referencia: Impact of wildfire ash on bacterioplankton abundance and community composition in a coastal embayment (Ría de Vigo, NW Spain). (Publicado en ScienceDirect).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cal é o risco de incendio no teu concello? Descúbreo no novo mapa interactivo da AEMET

A ferramenta en liña combina variables meteorolóxicas con parámetros sobre o estado real do territorio para anticipar o perigo de incendios

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

Congro, ostra e vieira: máis de 60 especies están afectadas polo cambio climático nas Rías Baixas

Unha investigación do Centro de Investigación Mariña analiza o impacto presente e futuro dos episodios meteorolóxicos extremos sobre a fauna mariña galega

Unha aplicación da UVigo permite detectar contaminantes na auga a través do móbil

O proxecto Aquasense emprega dispositivos portátiles de baixo custo para facilitar a vixilancia ambiental en contornas con poucos recursos