O ‘coeficiente Ourense’: os incendios que máis arden, pero que menos se ven

En outubro de 2018, a veciñanza dalgunhas zonas de Galicia reviviu a preocupación de un ano antes, cando dous días fatídicos arrasaron centos de quilómetros cadrados por todo o país. Na Ribeira Sacra, un espazo que opta a ser Patrimonio da Humanidade, arderon máis de 150 hectáreas. Tamén houbo lumes en Verín e na Gudiña. E outro incendio volveu afectar á Serra do Xurés, un parque natural na parte galega, e que na parte portuguesa é Parque Nacional. En total, máis de 300 hectáreas queimadas.

O Xurés é, precisamente, un dos paradigmas do ‘coeficiente Ourense’ do que falan algúns expertos da investigación forestal, como o director da EEF de Pontevedra, Juan Picos. Esta provincia interior é a que máis arde de España case todos os anos, pero quéimase en silencio: ten que haber lumes enormes e pavorosos, ou que corten algunha vía de comunicación, como a A-52, para que o foco mediático se xire cara a ela. Pola contra, se un lume, máis pequeno ten lugar no Eixo Atlántico, as escenas dramáticas chegan pronto ás portadas. Acontece con máis lugares do interior de Galicia, como foi o caso do lume que o ano pasado queimou zonas de grande interese natural nos Ancares.

Publicidade

Os datos extraídos das estatísticas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente (Mapama), que se poden consultar baixo estas liñas, son unha mostra das cifras reais dos lumes.

Despois de varios días co Xurés e a Ribeira Sacra a arder, tivo que decretarse en Mondariz unha situación 2 (a que pon en risco zonas habitadas) para que a noticia chegase a máis lugares. A preocupación lóxica polo risco de danos persoais e materiais, amosa tamén un diferente enfoque cara aos incendios dependendo da zona de Galicia na que se produzan.

Publicidade

O outubro esquecido de 2011 en Ourense

Toda a sociedade galega lembra os días fatídicos de 2006 e 2017. En poucos días de agosto (2006) e outubro (2017) o lume conmocionou o país. Porén, hai un outubro fatídico e esquecido do que poucos se lembran. Entre o 13 e o 19 de outubro, centos de lumes, cinco deles de máis de 1.000 hectáreas (Lobios, Monterrei, Vilariño de Conso e Manzaneda – este último en dúas grandes frontes). arrasaron preto de 30.000 hectáreas en zonas protexidas, como a Serra do Xurés, o Macizo Central e O Invernadoiro). A sociedade botou a mirada cara a Ourense, pero en moita menor medida ca o ano pasado e en 2006.

En poucos días de outubro de 2011, arderon máis de 30.000 hectáreas en Ourense

E dentro dos espazos naturais tamén se perciben matices: a sociedade lembra con moita máis nitidez catástrofes como a das Fragas do Eume, na primavera de 2012, na que arderon arredor de 1.000 hectáreas, ou a do Monte Pindo, no verán de 2013, onde se queimaron case 3.000.

Mentres, no Xurés, os lumes desta magnitude son máis habituais. Alén da espiral de destrución do ano pasado, e da mencionada traxedia de 2011, nos últimos 20 anos houbo tempadas especialmente daniñas; en 1998, tres lumes, dous en Lobeira e un en Lobios, arrasaron máis de 5.000 hectáreas; e en 2016 o Xurés volveu quedar parcialmente arrasado, cun incendio de máis de 3.000 hectáreas en Entrimo.

O cómputo das estatísticas entre 1990 (xusto despois da gran vaga de 1989, cando arderon 200.000 hectáreas) e 2017, amosa que das 954.920 hectáreas queimadas en Galicia nestes 27 anos, 411.789 (un 43,12%) foron na provincia interior.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia