Os pacientes con obesidade e fígado graxo, cun maior risco diante da Covid-19

Un estudo dirixido polo científico Rubén Nogueiras expón que as persoas con esta doenza teñen unha elevada expresión de ACE2, receptor celular do SARS-CoV-2

A revista Journal of Hepatology publicou esta semana unha investigación liderada polo laboratorio de Metabolismo Molecular do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, que dirixe Rubén Nogueiras, na que se expón que os pacientes con obesidade e fígado graxo con inflamación presentan un maior risco tras a infección pola Covid-19.

O traballo aborda a problemática xa detectada por análises clínicas nas que se constatou que ata o 80% dos pacientes con forma grave de infección teñen obesidade, segundo un estudo Sociedade Española de Obesidade (SEEDO). Do mesmo xeito, tamén se observou que unha porcentaxe considerable de pacientes de coronavirus presentan algún tipo de fallo hepático.

Publicidade

Neste sentido, o equipo de Nogueiras aproveitou a súa relevante traxectoria no estudo da esteatohepatite non alcohólica ou fígado graxo con inflamación, unha doenza caracterizada por inflamación e fibrose hepática, asociada á obesidade e que afecta a 1.900 millóns de persoas no mundo. Así, o traballo aborda como podería influír esta patoloxía na infección causada polo SARS-CoV-2. E observouse que nos pacientes destas doenzas identifícase unha expresión máis elevada de ACE2, o receptor celular do virus, e de Tmprss2, unha molécula que facilita a unión das membranas do virus e a célula.

“Estes pacientes presentan, por tanto, unha maquinaria de entrada do virus moi eficaz, aumentando a súa vulnerabilidade en caso de infección”, expoñen Rubén Nogueiras e Malu  Martínez Chantar, investigadora do CIC bioGUNE do País Vasco e tamén autora do artigo. No mesmo estudo identificouse que esta maquinaria de entrada do virus non está elevada en pacientes con obesidade e esteatose (un estadio máis leve que a esteatohepatite) nin en pacientes con obesidade e diabetes tipo 2, enfermidades que tamén están moi ligadas. O traballo tamén recolle, segundo destacan os autores, que se observaron expresións máis elevadas de ACE2 e TMPRSS2 no caso das mulleres con obesidade, o que podería causar predisposición a unha maior gravidade da Covid-19.

Publicidade

A investigación tivo como primeiros autores aos investigadores do CiMUS Marcos F. Fondevila, María Mercado-Gómez, Amaia Rodríguez e María J. González-Rellán, e desenvolveuse en colaboración co grupo de Javier Crespo, do Hospital Universitario Marqués de Valdecilla (IDIVAL) de Santander e do CIBEREHD, Gema Frühbeck, investigadora da Clínica Universidade de Navarra, o CIBEROBN e un consorcio de científicos de varios países.


Referencia: Obese patients with NASH have increased hepatic expression of SARS-CoV-2 critical entry points (Publicado en Journal of Hepatology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fertilidade feminina diminúe coa idade: un 15% en tan só quince años

O CiMUS da USC participa nunha curtametraxe divulgativa que combina ciencia e danza para explicar os efectos de pospor a maternidade

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado