Un equipo galego demostra que a diálise no domicilio reduce a ansiedade e a depresión

Un equipo de Lugo e Santiago revela que o tratamento na casa mellora o benestar emocional fronte ao hospitalario ou o transplante de ril

Realizar diálise no domicilio reduce os niveis de ansiedade e depresión nos pacientes con enfermidade renal crónica en contraposición aos que realizan o tratamento no hospital ou foron transplantados de ril. Así o corrobora unha investigación levada a cabo por nefrólogos do Hospital Lucus Augusti de Lugo e por unha psicóloga da Universidade de Santiago (USC).

O equipo atopou diferenzas significativas na frecuencia e nos niveis de depresión e ansiedade dos pacientes renais segundo as diferentes modalidades de Tratamento Renal Substitutivo (TRS). É dicir, aquel se emprega para substituír a función vital dos riles. Pode facerse a través de transplante, de hemodiálise en centro hospitalario ou de diálise domiciliaria. Esta última a través das técnicas de diálise peritoneal ou de hemodiálise domiciliaria.

Segundo numerosos estudos, a depresión e a ansiedade asócianse con frecuencia á enfermidade renal crónica e condiciona tanto a calidade de vida dos pacientes como a eficacia do tratamento. Con todo, ata a data hai poucos estudos que comparen a frecuencia destes trastornos emocionais nas técnicas domiciliarias con outras modalidades. Por iso os investigadores compararon a prevalencia da sintomatoloxía depresiva e ansiosa en pacientes en diálise domiciliaria con pacientes en hemodiálise hospitalaria ou con transplante renal.

Máis depresión e ansiedade nos tratamentos hospitalarios

No estudo utilizáronse diferentes análises para rexistrar a ansiedade e depresión nos pacientes. En concreto, unha entrevista coa psicóloga e dúas escalas. Na primeira a frecuencia de depresión foi máis baixa nos pacientes en diálise domiciliaria (un 16%) e presentaba valores maiores nos pacientes en hemodiálise en centro hospitalario e en transplante (18% e 19%). En canto á escala de avaliación de depresión, os pacientes en hemodiálise hospitalaria tiñan unha maior puntuación que os de diálise domiciliaria e transplante renal. Na de ansiedade os pacientes de hemodiálise e transplante tiñan maior puntuación que os de diálise domiciliaria.

Así mesmo, na análise realizada, a diálise en domicilio asociouse a menor sintomatoloxía depresiva e ansiosa fronte á hemodiálise hospitalaria ou co transplante renal. Ademais, non se atoparon diferenzas significativas en ansiedade e depresión entre as dúas técnicas domiciliarias analizadas (hemodiálise domiciliaria e diálise peritoneal).

Os autores da investigación concluíron que os pacientes en técnicas domiciliarias presentan menor afectación emocional ao comparalos con aqueles que realizan o tratamento no hospital, ademais de menores niveis de ansiedade que a poboación trasplantada, aínda cando esta última ten menor comorbilidade. A investigación tamén sinala que son necesarios máis estudos centrados en determinar o impacto da diálise domiciliaria tanto nos aspectos emocionais dos pacientes renais como na calidade de vida, así como a súa influencia nos criterios de toma de decisións compartidas á hora de elixir a modalidade de tratamento.

Preto de 200 pacientes

No estudo analizáronse 181 pacientes que estiveron polo menos tres meses a tratamento, aos que mediron e controlaron diversas variables clínicas como diabetes, hemoglobina, albúmina ou tempo de terapia, ademais doutros aspectos sociodemográficos como a idade, sexo, estado civil, nivel de estudos e socioeconómico.

Na actualidade, as técnicas domiciliarias continúan consolidándose como tratamento inicial para as persoas que teñen enfermidade renal crónica, ata situarse nun 17% dos pacientes que inician o tratamento. Unha cifra que, con todo, non é suficiente para os nefrólogos e especialistas sanitarios, dados os importantes beneficios que teñen en canto á mellora da calidade de vida dos pacientes e en diversos aspectos clínicos.

Son máis flexibles e personalizadas que outras terapias tradicionais como a hemodiálise en hospital, e melloran a autonomía e a calidade de vida das persoas que requiren diálise. A iso hai que sumar outras cuestións como a redución dos desprazamentos ao hospital ou centros de diálise, reducindo o estrés, a fatiga, e a carga física e emocional dos pacientes.

A investigación foi presentada no 54º Congreso da Sociedade Española de Nefroloxía (SEN) e o IX Congreso Iberoamericano de Nefroloxía e Hipertensión, que reuniu no mes de novembro en Valencia a uns 1.000 médicos nefrólogos, investigadores e expertos de todo o país e diferentes países de Latinoamérica e Portugal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Psicodélicos: drogas perigosas ou novos tratamentos contra a depresión?

Diferentes estudos están a analizar a utilización de distintas substancias para tratar doenzas como o alzhéimer e o estrés postraumático

Camiñar para previr a depresión? A ciencia di que funciona

Unha revisión de 33 estudos nos que participaron 96.000 adultos atopa relación entre un maior número de pasos diarios con menos síntomas depresivos

Cales son as causas do aumento no consumo de hipnosedantes en Galicia?

Nerea Mouriño, autora do estudo que revela que os galegos lideran o uso de ansiolíticos, hipnóticos e sedantes, sinala como hipóteses o avellentamento e unha maior taxa de depresión

Os galegos lideran o uso de ansiolíticos, sedantes e hipnóticos tras triplicar o seu consumo

Un estudo da USC atribúe a elevada utilización de hipnosedantes en Galicia ao avellentamento e ás altas taxas de depresión e ansiedade