Un novo método aumenta nun 30% os doentes de cancro que optan a un transplante de fígado

Varios proxectos europeos combaten o "asasino silencioso" con melloras na selección dos pacientes e impresión de tecido hepático

Un maior número de pacientes de cancro de fígado poderían sobrevivir grazas a unha proba hospitalaria que está poñendo en marcha unha empresa portuguesa. O ensaio identifica doentes susceptibles de someterse a un transplante que, seguindo outros criterios, non serían considerados aptos.

Trátase dun gran avance, posto que o cancro de fígado é mortal e a miúdo pasa desapercibido ata que xa está moi avanzado posto que, para diagnosticalo, precísanse equipos hospitalarios específicos. Se a enfermidade avanzou, a miúdo a única cura dispoñible é o transplante de fígado.

Publicidade

Aumento de casos

“Hai que quitar o fígado enfermo e poñer un novo”, explica José Pereira Leal, director xeral da empresa Ophiomics Precision Medicine, con sede en Lisboa, que acaba de deseñar unha nova proba hospitalaria co axuda dos fondos da Unión Europea. Segundo afirma, os casos de cancro de fígado en Europa triplicáronse dende 1980. En 2020, 87.000 europeos foron diagnosticados con esta enfermidade e 78.000 morreron a causa dela, segundo datos de Health Policy Watch.

Os casos de cancro de fígado en Europa triplicáronse dende 1980

Ademais, hai escaseza de órganos de doantes e os pacientes en lista de espera para transplantes están morrendo. Como a enfermidade se adoita diagnosticar demasiado tarde para recibir tratamento, o cancro de fígado xa é coñecido como un “asasino silencioso”. A este respecto, os médicos téñense que enfrontar a decisións difíciles porque teñen que cualificar o cancro do paciente segundo un sistema que se fixa principalmente no tamaño e no número de tumores.

Publicidade

Pero o método tradicional ten as súas limitacións. Ata un 30% dos pacientes que reciben un transplante non lograr curar. Mentres tanto, algúns doentes considerados non aptos son mellores candidatos do que parece nun inicio. “Os criterios adoitan fallar. Pódeselles negar un tratamento que podería curalos”, apunta o investigador.

As apariencias enganan

Centrarse na apariencia externa dos tumores, e especialmente no seu tamaño e número, para determinar se son aptos para o tratamento, pode ser un enfoque enganoso. “Alguén pode ter un tumor grande pero que é inofensivo”, di Pereira. Segundo os criterios actuais, o tamaño dun tumor pode descartar un transplante que, de feito, podería curar o paciente.

Tres cuartas partes dos casos de cancro de fígado en Europa son dun tipo chamado carcinoma hepatocelular que, cando se diagnostica tarde, fai que só 1 de cada 10 doentes sobreviva cinco anos ou máis.

A taxa de predición da proba ten unha precisión do 94%

Por iso, Pereira e o seu equipo desenvolveron unha nova forma de predicir se un paciente sufriría unha recaída do cancro de fígado despois dun transplante. A súa proba toma unha pequena porción do fígado do doente cunha agulla delgada e analiza catro xenes clave nas células. Un algoritmo baseado nestes marcadores, xunto coas medidas clínicas, foi a mellor opción para predicir que pacientes se beneficiarían máis dun transplante.

Os investigadores converteron con éxito este descubrimento científico nunha ferramenta de predición comercial, dispoñible para hospitais como un produto chamado HepatoPredict. A súa taxa de predición precisa é do 94% en comparación coa do 67% ao 80% doutros métodos, segundo apunta Pereira. “Non só iso. Tamén aumentamos o número de pacientes que poden ser elixibles para transplante nun 30%”, indicou.

Fígados cultivados en laboratorio

Bioimpresora de Organtrans © Gilles Weder

Unha alternativa aos tranplantes de doantes para salvar as vidas dos pacientes de cancro de fígado é tomar algunhas das súas células sas e convertelas nun novo órgano no laboratorio. Os investigadores dun proxecto financiado con fondos europeos e denominado Organtrans cultivan células hepáticas a partir de células nai dos pacientes, que se imprimen como tecido hepático. Este método está dirixido a pacientes con enfermidade hepática crónica ou en etapa terminal, pero non é doado de aplicar. Require que os organoides medren e se manteñan vivos en laboratorio.

“Os organoides son unha especie de mini-órgano que se crea a partir de células de pacientes nun laboratorio e están compostos inicialmente por células nai”, indica Gilles Weder, coordinador do proxecto. Ademais, teñen a mesma estrutura xenética que o paciente, polo que é menos probable que sexan atacados polo sistema inmunitario do doente, unha reacción que pode provocar o rexeitamento do órgano.

Desafío do tecido

O gran desafío é construír tecido hepático nunha estrutura máis complexa que conteña unha rede de vasos sanguíneos para levar nutrientes e osíxeno ás células. A clave para crear tales tecidos, segundo Weder, é unha bioimpresora que contén cartuchos con organoides e solucións con hidroxeles.

Estase probando a impresión de tecido hepático para implantar en ratos

Unha das agullas da impresora deixa diferentes compoñentes sobre unha superficie estéril para fabricar o tecido hepático. Todo debe manterse limpo e non se pode permitir que as bacterias contaminen a mostra. En última instancia, a investigación ten como obxectivo cultivar tecido vivo nun laboratorio que se colocaría nos pacientes, xa sexa para complementar un fígado enfermo ou para reemprazar un completo.

Por agora, os científicos do proxecto imprimiron pequenas mostras de tecido e mantivéronas vivas durante varias semanas. O obxectivo é construír pequenos fígados que se poidan implantar en ratos. “Temos un plan definido para comezar a probalo de xaneiro a xuño”, apunta Weder.

Un horizonte de 10 anos

Se ben a tecnoloxía pode tarda 10 anos en ser utilizada nos hospitais, os científicos están cada vez máis preto de conseguilo. “Ter tecido funcional nun animal durante varias semanas ou meses achandará o camiño para o seguinte paso: as probas clínicas en humanos”, di Weder.

En Lisboa, Pereira eloxia o financiamento que HepatoPredict recibiu do Consello Europeo de Innovación. “O produto non tería existido sen a subvención, que nos permitiu chegar ao mercado. Os inversores privados dixeron que era un bo proxecto, pero que tan só era un descubrimento científico e que o risco era demasiado alto”, conclúe.


A investigación descrita neste artigo financiouse con fondos da UE. Artigo publicado orixinalmente en Horizon, a revista de Investigación e Innovación da Unión Europea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego atopa unha prometedora vía para predicir a evolución do cancro oral

O investigador da Universidade de Santiago Samuel Rodríguez Zorrilla emprega vesículas extracelulares para prognosticar o progreso dos pacientes de carcinoma e a súa supervivencia despois dunha cirurxía

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Nobel de Medicina por un descubrimento fundamental na regulación dos xenes

Victor Ambros e Gary Ruvkun foron os primeiros en vencellar o microARN e coa diferenciación das células, un achado de grande relevancia para entender a evolución dos organismos complexos

Vesículas extracelulares: unha nova arma para frear o envellecemento?

Investigadores do Grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa do CICA explora novas vías para deter e reverter os danos producidos polas células senescentes, asociadas ao envellecemento