Mércores 24 Abril 2024

Por que o xabón protexe moito mellor contra os virus

Ademais de limpar a sucidade na que se poden 'agochar' os virus, a estrutura molecular do xabón debilita a 'envoltura' dos axentes infecciosos

IMPORTANTE: O que todos podemos facer para frear o coronavirus

A crecente preocupación arredor do coronavirus debido á aparición dos primeiros focos en Galicia e á propagación nalgunhas zonas de España está levando ás autoridades a incidir nas medidas de prevención e contención do virus. Ademais das precaucións en espazos públicos e no contacto con grupos de risco, un dos acentos nos que máis se centran as recomendacións é o da hixiene persoal.

Publicidade

Así, limpar de forma periódica as mans para evitar que o virus causante da COVID-19 permaneza no ambiente é unha das medidas principais. Pero que é o que acontece a escala microscópica para que este procedemento sexa efectivo? Unha das explicacións máis divulgativas e, ao tempo, completas, foi a de Pall Thordarson, un químico islandés que dirixe o grupo de Química de Sistemas e Bioloxía Sintética na Universidade de Nova Gales do Sur, en Sidney (Australia).

 

O papel clave do xabón débese á que as súas moléculas teñen dobre afinidade (polar e non-polar). Este tipo de moléculas, coñecidas como anfifílicas, teñen a capacidade de reaccionar de forma antagónica nun mesmo disolvente, o que dota ao xabón da súa gran capacidade para limpar a sucidade.

Mentres que a súa cola (non polar), é capaz de adherirse á sucidade, e con ela aos posibles axentes infecciosos que viven nestas contornas, a cabeza (polar) é capaz de desprazarse a través da auga, formando unha especie de cápsula que se arrastra polo líquido e permite a eliminación da sucidade, como se pode ver baixo estas liñas.

Pero é que ademais de limpar as nosas mans despois de tocar superficies susceptibles de conter o virus, o xabón ten outro valor engadido. Tal e como explica Thordarson, moitos virus, como o caso do coronavirus, teñen unha dobre capa de lípidos como envoltura, que protexe o ARN do virus, o ‘código’ que lle permite reproducirse dentro do organismo,  fai que atravese as membranas celulares e comece a replicarse e desencadear os problemas de saúde que sufrimos cando nos contaxiamos.

E que fai o xabón? A súa dobre afinidade permite debilitar esta envoltura de lípidos do virus, e provoca que o virus “se esborralle como un castelo de naipes e ‘morra’, ou máis ben, deberiamos dicir que se volve inactivo, xa que os virus non están propiamente vivos”, e, como expón Thordarson, “poden estar activos fóra do corpo durante horas e mesmo días”. Pero ao debilitar a súa estrutura, e ‘separalos’ do noso corpo, a probabilidade de transmisión e contaxio a outras persoas diminúe en boa medida.

Por iso, segundo esta explicación, os desinfectantes baseados en alcois, as toalliñas, xeles ou cremas son menos efectivos, xa que non afectan á estrutura como si fai o xabón.
Alén disto, o químico detense no diferente comportamento que este tipo de virus teñen en función da superficie na que fican e as condicións ambientais (temperatura, humidade ou luz solar).


Información actualizada, aquí:

Galicia prepárase ante o “cambio de escenario” fronte ao coronavirus

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos