Venres 19 Abril 2024

O foco do centro cívico da Coruña suma xa 11 casos de coronavirus

Sanidade confirma xa 18 positivos e activa un protocolo para conter o foco de Feáns, mantendo baixo vixilancia a alomenos 250 persoas

A Consellería de Sanidade informou na noite do luns de que Galicia suma xa 18 casos confirmados de coronavirus despois de que ao longo da xornada se constatasen 11 positivos vinculados ao foco do centro cívico de Feáns, na Coruña. A situación levou ao Consello a clausurar a instalación e proceder ao “peche e desinfección”, seguindo a recomendación da Consellería de Sanidade.

Segundo informaron diversos medios locais, o foco podería ter a súa orixe na coral que ensaia no centro de Feáns, á que pertence un home de 81 anos ingresado no Chuac e que segundo indicou Sanidade, non tería viaxado a ningunha das zonas xeográficas consideradas de risco. Deste xeito, podería tratarse do primeiro foco coñecido de circulación local do virus en Galicia. Ante isto, manterase a vixilancia sobre alomenos 250 persoas que nos últimos días poderían ter estado expostas ao axente infeccioso. Ademais, na noite do luns confirmouse outro positivo “importado” na área da Coruña.

Publicidade

Alén do foco do centro de Feáns e este último positivo, están confirmados outros seis  casos xa anunciados nos pasados días: un na Coruña, catro en Vigo e un en Ourense. Este trátase dunha muller de 35 anos que non presenta sintomatoloxía e está en illamento domicilario. Hai outro en Pontevedra que está pendente de confirmación.

Fase de contención

Ante esta situación, coa enfermidade en fase de contención, mantéñense as recomendacións xenéricas dunha boa hixiene de mans e respiratoria. Aconséllase tamén que no caso de chegar dunha viaxe dalgunha das zonas de risco (ou de ter estado en contacto con persoas que estiveran alí) e experimentar algúns dos síntomas comúns da doenza (febre, tose ou dificultade respiratoria), é recomendable non acudir ao hospital ou centro de saúde, e cómpre chamar directamente ao 061.

Mantense ademais a recomendación de non viaxar ás zonas de risco en Italia (Lombardía, Véneto, Emilia-Romaña e Piamonte), toda a China (Hong Kong e Macao incluídos), Corea do Sur, Singapur, Xapón e Irán.

Neste mesmo marco de contención, o Sergas, en coordinación co resto de autoridades sanitarias, apunta que “non parece necesario dar unha recomendación xeral de suspensión de eventos”, pero recomenda e pide a “todas aquelas persoas que presenten sintomatoloxía, por responsabilidade persoal e comunitaria, que non acudan a este tipo de actos”. Do mesmo xeito, en canto aos organizadores destes eventos, recomendan “extremar as medidas de limpeza e distribuír os consellos actuais de como actuar se se presentan síntomas”.

O Sergas ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre a doenza. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto.

Por agora, alén do peche do centro cívico de Feáns, non se tomarán medidas semellantes en Galicia. No norte de Portugal, a situación máis complicada está na rexión Norte, con 23 casos confirmados, dos que 19 corresponden ao mesmo foco. En Felgueiras e Lousada, ao sur de Guimarães, pecháronse de forma preventiva as escolas, e recomendouse á poboación non realizar desprazamentos ineccesarios nin participar en reunións con elevado número de persoas. Ademais, 90 estudantes da Universidade do Minho están en corentena voluntaria en residencias universitarias de Braga despois de ter contacto cun alumno infectado.

Suspensión de clases en Madrid e Álava e peche total en Italia

Na tarde do luns, o consello de goberno da Comunidade de Madrid anunciou a suspensión das clases presenciais “en todos os niveis educativos” e as “actividades complementarias educativas” desde este mércores 11 e ata o 26 de marzo, despois do notable incremento de casos desde o domingo. Ademais, contemplarase a posibilidade de suspender ou retrasar as operacións cirúrxicas programadas, as consultas externas e probas diagnósticas non preferentes e os ingresos programados. Ademais, recoméndase limitar as viaxes e desprazamentos e extremar as precaucións no caso dos maiores e as persoas con doenzas crónicas.

No País Vasco, o Goberno tamén informou da suspensión ata o 23 de marzo das clases nos municipios de Vitoria e Labastida e no campus universitario da UPV/EHU en Álava. Alén disto, tamén se vai estudiar de forma individual a celebración de actividades “que supoñan un aforo superior a 5.000 espectadores, así como a recomendación de deixar un mínimo dun metro de distancia entre asistentes nos eventos con aforos maiores de 500 persoas e medidas complementarias para evitar aglomeracións.

Tanto en Madrid como en Vitoria, o Ministerio de Sanidade recomenda optar polo teletraballo.

A escalada da crise continental polo aumento de casos, que tivo tamén unha importante repercursión nas bolsas, quedou patente en Italia. O primeiro ministro ampliou as medidas de illamento, que se limitaban á rexión de Lombardía e 14 provincias, a todo o país. En Italia hai xa 9.172 casos e 463 mortes.

(en actualización)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Sanidade intensifica a vixilancia da tosferina, con 241 casos no que vai de ano

A maior concentración de diagnósticos actuais dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos

O Sergas inicia un programa piloto de cribado de cancro de pulmón

A proba vai dirixida a persoas de alto risco de entre 55 e 74 anos que sexan grandes fumadoras ou deixaran o hábito hai menos de 10 anos