Táboa por idades dos casos, persoas hospitalizadas, na UCI e falecidos en España.
Táboa por idades dos casos, persoas hospitalizadas, na UCI e falecidos en España.

O coronavirus en España, ao detalle: o 87% dos falecidos, maior de 70 anos

O Ministerio de Sanidad publicou por primeira vez este domingo os datos de case 20.000 casos por grupo de idade e situación clínica

Por primeira vez desde o comezo da crise, o Ministerio de Sanidad español difundiu este domingo na súa páxina web os datos por grupos de idade da maior parte das persoas con positivo confirmado polo coronavirus SARS-CoV-2. A información expón, segundo aclara o Goberno, preto de 19.000 casos nos que se dispoñía da información suficiente (son 28.572 en total, segundo a última actualización) para esta análise. E confirma unha das advertencias que se viñan facendo sobre a vulnerabilidade das persoas maiores: dos 805 falecidos compilados segundo estas estatísticas, 705 deles (o 87,57%) corresponden a persoas de máis de 70 anos.

A táboa que difunde Sanidad (e que podes ver debullada segundo os distintos indicadores baixo estás liñas) analiza tamén o total de casos confirmados, e as cifras e porcentaxes de persoas hospitalizadas, ingresadas nas UCI e os falecidos, así como a taxa de letalidade en cada un dos grupos de idade. Nestes últimos puntos obsérvase, por exemplo, que a letalidade da Covid-19 en maiores de 80 anos é do 17,91%, mentres que nos menores de 60 anos non pasa do 0,64%.

Así, a taxa de letalidade de España é, cos datos actualizados o domingo, do 6%, fronte ao 9% de Italia, o 7,2% de Irán, o 4% de China, o 3,9% de Francia, o 1,3% de Estados Unidos, o 1,2% de Corea do Sur 0,3% de Alemaña. Con todo, estes datos precisan de máis contexto para a súa interpretación, xa que as políticas de xestión da crise e control e seguimento de casos en cada país foron distintas.

Outros países, como Italia ou Portugal, xa levan tempo informando dos casos en función da idade, e mesmo os síntomas de cada un dos casos sobre os que se recolleu a información precisa. A Direção-Geral de Saúde de Portugal ofrece todos os días diversos indicadores, como os síntomas dos casos confirmados, grupo de idade, xénero e tipo de contaxio (comunitario ou importado).

Ata o de agora, a Consellería de Sanidade non ofrece estes datos para Galicia, que si achegan outras comunidades autónomas como Canarias e Euskadi, entre outras. O que si trascendeu en Galicia ata agora foron as idades das persoas falecidas: o 88,88% (16 dos 18 óbitos) tiñan 70 ou máis anos. As outras dúas persoas, de 45 e 68 anos, tiñan doenzas que complicaron a evolución da Covid-19. Sete son mulleres e 11, homes.

O 88,8% das persoas falecidas en Galicia tiña 70 ou máis anos

Informe do Centro Nacional de Epidemioloxía

A través do web do Ministerio de Sanidad comezou tamén a difundirse o informe que o Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Salud Carlos III vén elaborando desde o comezo da crise. Con todo, segundo se salienta no propio documento, o informe recolle información detallada dunha pequena parte dos casos. Así, no número publicado o venres, só se analizan 3.657 dos 19.980 positivos confirmados ata ese momento en España (un 18,3%). Só 14 deles corresponden a Galicia, que naquel momento tiña 574 confirmados. Un dos datos salientables do informe epidemiolóxico é a elevada porcentaxe de contaxios no persoal sanitario, que segundo apuntou na comparecencia deste domingo o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, é do 12% de todos os casos. En Galicia son varios os colectivos de profesionais sanitarios e de atención a maiores e persoas con discapacidade os que nos últimos días veñen reclamando maior protección e mellor xestión para evitar a propagación da doenza a través deles, tendo en conta o seu contacto con grupos de persoas vulnerables.

Ademais, o informe expón que os síntomas máis frecuentes en España son febre, tose, disnea e calafríos. Un 37% das persoas contabilizadas nesta análise requiriron de hospitalización, un 29% desenvolveu pneumonía e un 9% tivo que ser ingresado na UCI (sempre segundo os casos analizados no informe). Ademais, o documento apunta que a porcentaxe de casos importados caeu do 51% do 3 de marzo ao 9% deste venres 20, o que evidencia a transmisión comunitaria nas últimas tres semanas en España.


Máis información:

Galicia achégase aos 1.000 casos, pero xa se deron 16 altas por coronavirus

 

2 COMENTÁRIOS

  1. Hay casi igual número de afectados de 70-79 que de >80, pero la mortalidad se ceba con los últimos. Claro que por las cifras parece que a los mayores ya no los llevan a la UCI.

  2. A Tânia está incompleta. Terian que engadir unha columna onde poña as altas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.