Galicia achégase aos 1.000 casos, pero xa se deron 16 altas por coronavirus

Sanidade confirma catro novos falecementos nas últimas horas (van 16 en total), e hai máis de 30 persoas ingresadas nas UCI

Casos de coronavirus confirmados en Galicia na mañá do 22 de marzo.

NOTA: Estes datos son os oficiais transmitidos pola Xunta, o Goberno e outras CCAA.

A Consellería de Sanidade informou este domingo das novas cifras de persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia. Son, segundo a Xunta, 885 persoas as afectadas no momento no que se difundiron os datos. Nas últimas horas producíronse catro novos falecementos: un varón de 81 anos que estaba ingresado no hospital da Coruña, unha muller de 77 anos ingresada no Hospital Juan Cardona de Ferrol, un home de 72 anos, que estaba ingresado no hospital Quironsalud Miguel Domínguez en Pontevedra e unha muller de 84 anos ingresada no CHUS de Santiago. Todos eles tiñan doenzas previas que levaron ao fatal desenlace. Son xa 16 as vítimas da Covid-19 en Galicia. Alén disto, Sanidade informou tamén de 10 novas altas, 16 en total.

O mapa queda desta maneira:

Das 885 persoas co positivo confirmado, 226 están sendo atendidas na área sanitaria da Coruña-Cee, 58 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 95 na de Ourense-Verín-O Barco, 136 son da de Pontevedra-O Salnés, 212 da área de Vigo, 130 da de Santiago-Barbanza, e 28 da de Ferrol. Os incrementos máis notorios producíronse en Vigo, con 60 novos positivos en só un día.

Do total de pacientes positivos, máis de 30 permanecen en UCI, 227 están en unidades de hospitalización e 625 no domicilio. A Dirección Xeral de Saúde Pública actualizou tamén este domingo o número de probas PCR realizadas en Galicia: son 5.052.

Datos do 22 de marzo.
Datos do 22 de marzo.

Tal e como veñen apuntando nos últimos días as autoridades autonómicas e estatais, os datos só se cinguen ás probas realizadas para confirmar a presenza do SARS-CoV-2, non ao total das persoas afectadas pola doenza, tanto con síntomas leves como asintomáticas.

Alén das cifras, en Galicia preocupan os focos rexistrados desde o xoves ata en catro residencias de maiores de Vigo, Santiago, Caldas de Reis e Celanova. Segundo La Región, o falecemento rexistrado en Ourense correspóndese cunha das mulleres usuarias da residencia, e xa son 26 os casos confirmados na residencia da vila ourensá. Estes casos son ata o momento un dos puntos máis complicados da crise do coronavirus en España. Aínda que as cifras son provisionais e as autoridades sanitarias non facilitaron datos, estímase que máis de 70 usuarios destes centros faleceron debido ao contaxio pola Covid-19.

Así evolucionaron en Galicia os casos desde o pasado venres 13 de marzo:

En España, con todas as reservas arredor da situación en lugares como Madrid (onde xa se seguen desde o domicilio a miles de posibles casos a maiores das cifras oficiais), as cifras achegadas polo Ministerio de Sanidad apuntan a máis de 29.000 positivos confirmados e máis de 1.700 mortes debido á Covid-19. Con todo, unha das cifras positivas no medio da crise foi o incremento das altas concedidas, que xa son máis de 2.500 no conxunto do territorio estatal. Do mesmo xeito, o incremento dos últimos días é menor en comunidades como La Rioja, unha das máis afectadas nas primeiras fases do abrocho en España.

Este domingo, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, confirmou que ía pedir ao Congreso dos Deputados a ampliación do estado de alarma por 15 días máis, alomenos ata o vindeiro 11 de abril. Tanto Sánchez como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, coincidiron en sinalar que “o peor está por vir” nos vindeiros días.

Por outra banda, Portugal está nos 1.600 casos confirmados, 825 deles na rexión do Norte, e 14 óbitos. Así está a situación este sábado segundo a Direção-Geral de Saúde Pública:

Fonte: Direção-Geral da Saúde Pública.
Fonte: Direção-Geral da Saúde Pública.

IMPORTANTE

No marco das recomendacións  que ven difundido a Consellería de Sanidade nos últimos días, insístese no uso do número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus SARS-CoV-2. Ademais, está a disposición da cidadanía un portal web con información a diversos colectivos, así como un autotest.


Máis información:

Así son as probas actuais para detectar o SARS-Cov-2

Que facer se na casa temos unha persoa afectada?

1 comentario

  1. Alguén tería unha hipótese de por que os taxa de mortalidade en Portugal está (en liñas xerais) pola mitade do que temos en España? Grazas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.