PODES ACCEDER AO AUTOTEST NESTA LIGAZÓN
A Consellería de Sanidade anunciou este luns a posta a disposición da cidadanía, a través da páxina web dedicada á situación de crise polo coronavirus SARS-CoV-2, dun autotest para que a cidadanía poda consultar síntomas e resolver dúbidas relacionadas con esta enfermidade.
A proba interactiva, elaborada por persoal sanitario, achega á poboación información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus, Do mesmo xeito, ofrece distintos itinerarios adaptados a situacións particulares de cada persoa. A ferramenta engádese deste xeito ao teléfono de información 900 400 116, aberto desde o comezo da crise, e que recibe miles de chamadas diarias.
O test presenta catro entradas que formulan as diferentes situacións que poden estar a vivir as persoas que o realizan, así como información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus.
No primeiro lugar está a opción para as persoas que teñan síntomas e que estean preocupadas porque cren que poda deberse ao coronavirus. Neste caso a través do recoñecemento dos síntomas que presenta a persoa (tose, dificultade para respirar, febre maior de 38º ou sen síntomas) e a través dun sinxelo interrogatorio danse recomendacións ou se indica como acceder ao sistema sanitario para que sexa atendido por profesionais sanitarios.
A segunda entrada é para aqueles que se atopan illados ou confinados na casa. Neste caso, danse unha serie de indicacións sobre o que deben facer mentres permanezan na súa vivenda. Tamén se indica o que deben facer no caso de que estean pendentes de que se lle tomen as mostras para saber se están contaxiados, no caso de que estean á espera dos resultados das mesmas ou se empeorou a súa clínica desde o confinamento.
A terceira entrada informa a aqueles que deran positivo nesta enfermidade e ofrece as recomendacións a seguir mestres estean confinados ou no caso de que a súa clínica empeorase desde que permanecen no domicilio.
Por último, a cuarta entrada ofrece información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus.
Cómpre recordar que o novo coronavirus transmítese principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias e que na maioría dos casos a infección por esta enfermidade é similar a un arrefriado común.
A Consellería de Sanidade solicita, unha vez máis, que se empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella chamar aos seus centros de saúde ou utilizar o número gratuíto 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para facilitar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Máis info:
Falece a terceira persoa afectada polo coronavirus en Galicia














