Pensa en calquera inverno no que te colleu un trancazo que te deixou na cama, sen saír da casa durante varios días. Igual foches ata o centro médico, ou a urxencias, ou pola contra decidiches quedar ao quente ata que a cousa fose pasando. E pasou. Aínda que na actualidade co coronavirus nos enfrontamos a un problema moito máis grave (isto non é unha gripe), decisións coma esta, unha detrás da outra, contribúen a que a pequena porcentaxe de persoas afectadas que precisarán de asistencia hospitalaria (un número absoluto moito maior cando falamos dunha pandemia) teñan a mellor atención posible.
Con cada día que pasa (se todos somos responsables) estamos máis preto de conseguir o obxectivo de reducir os contaxios. Pero isto ten outra cara: estamos achegándonos máis ao pico de persoas afectadas e, por tanto o sistema vese sometido a un esforzo maior. Ademais do incremento de ingresos, os teléfonos de atención (en Galicia está o 900 400 116 para síntomas leves, e o 061 para casos graves e outras urxencias), reciben miles de chamadas. Por tanto, as autoridades sanitarias xa están emitindo recomendacións para tratar na casa os casos leves de Covid-19. Aquí van algunhas indicacións:
Recomendacións en todas as casas
- Lavar as mans ao entrar e antes de saír, e a miúdo durante a estancia na casa.
- Crear hábitos e recordatorios para evitar tocar a cara e cubrir boca e nariz ao esbirrar ou tusir.
- Desinfectar con regularidade superficies como tiradores das portas, mesas e pasamáns.
- Ventilar con frecuencia, abrindo ventás ou axustando o aire acondicionado.
No caso de ter persoas afectadas na casa
Os datos que achegan as autoridades expoñen que máis dun 70% dos casos confirmados están sendo atendidos na casa. A porcentaxe máis achegada á realidade, toda vez que a cifra total de contaxiados é maior, estaría arredor do 80%. Por tanto, gran parte das persoas que desenvolvan a enfermidade nos vindeiros días e semanas pasarán o proceso confinados nas súas vivendas. Estes son algúns consellos:
Para todos os habitantes do domicilio
- Achegar á persoa afectada unha estancia individual, en caso de que sexa posible, e manter a porta pechada. En todo caso, se é posible, hai que garantir unha distancia mínima de 2 metros co resto dos conviventes.
- Os coidados deberán ser responsabilidade, na medida do posible, dunha soa persoa.
- O paciente non debe recibir visitas nin convivir con persoas con condicións de saúde que supoñan unha vulnerabilidade: persoas de idade avanzada, diversidade funcional, enfermidades crónicas, inmunodeprimidas, embarazadas… Tanto o paciente como os seus conviventes deben ser capaces de comprender e aplicar de forma correcta e consistente as medidas básicas de hixiene, prevención e control da infección.
- Habilitar un baño propio para a persoa afectada. En caso de non ser posible, deberá ser limpado con lixivia doméstica tras cada uso que faga o paciente.
- Non compartir artigos do fogar de uso persoal (toallas de mans, cubertos, etc.).
- En caso de que o contacto coa persoa afectada sexa necesario, por cuestión de dependencia, a persoa coidadora limpará as mans antes e despois do contacto.
- A persoa illada debe dispoñer de teléfono para garantir a comunicación permanente co persoal sanitario ata a resolución dos síntomas.
- Os residuos xerados no coidado da persoa afectada deben recollerse evitando o contacto directo con eles (por exemplo mediante luvas), e recollerse nunha bolsa a parte e desbotalos cos residuos restantes.
- En caso de fogares onde vivan soas persoas con dependencia ou que pertenzan a grupos de risco, pode consultar co Concello no que reside. As institucións locais están desenvolvendo redes de axuda a domicilio e colaboración para atender a estas persoas.
Para a persoa afectada
- Beber abundantes líquidos, descansar o suficiente e, no caso de que haxa febre, tomar antitérmicos, como por exemplo o paracetamol.
- No caso de que sexa imprescindible ir ás zonas comúns do domicilio deberá utilizar máscara cirúrxica e realizar hixiene de mans ao saír da habitación.
- A persoa enferma deberá seguir en todo momento as medidas de hixiene respiratoria: cubrirse a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar con panos desbotables ou o cóbado flexionado, e lavarse as mans inmediatamente despois.
- Limpeza habitual das superficies e os espazos. Pode facerse con lixivia rebaixada con auga, ou con auga osixenada. Neste caso, e preferible usar material dun só uso en vez de panos que se reutilicen nas seguintes limpezas ou outras estancias da vivenda.
- Non é preciso un tratamento especial para lavar a roupa da persoa afectada, alén das precaucións indicadas para evitar o contacto con ela. O mesmo pasa cos cubertos: poden lavarse no lavalouza, ou ben na pía, lavando ben as mans ao facelo.
- Por precaución, a persoa enferma non debe manipular nin tocar as mascotas ou animais que haxa na casa, pese a que non hai evidencias de que os animais de compañía infectados poidan propagar o SARS-CoV-2.
En caso de que a situación empeore:
Se durante o confinamento en casa atópase en calquera das seguintes situacións:
- Dificultade respiratoria marcada.
- A febre permanece por encima de 39º e os antitérmicos que estou a tomar (paracetamol e similares) non están a conseguir diminuíla
- Calquera signo de gravidade doutra índole (alteración da consciencia, ritmo cardíaco, etc.,…).
CHAME AO 061
Para quen ten que saír a traballar
A pesar da corentena decretada, unha parte da poboación ten que seguir saíndo de casa para traballar e, por tanto, ten un maior risco de entrar en contacto con outras persoas afectadas, tanto no seu lugar de traballo como nos medios de transporte públicos. Nestas situacións, por tanto, as medidas de hixiene deben cumprirse de xeito moito máis estrito. Por exemplo, é recomendable evitar o contacto persoal na casa, xa que podemos estar transmitindo o virus aínda que non teñamos síntomas, e podemos acabar afectando a colectivos vulnerables cos que se interactúa durante a xornada laboral.
Máis información: