Pandemias doutra época: a peste negra en Galicia de 1348

A bacteria Yersinia pestis entrou por Baiona nas costas dunha rata negra e a sua devastación aniquilou un terzo da poboación do país

A peste negra foi unha das grandes catástrofes sanitarias da historia. Percorreu milleiros de quilómetros para chegar de Asia ata Europa. En Galicia, entrou por Baiona a comezos de 1348. En poucos meses, a epidemia da morte negra estendeuse por todo pais, aniquilando a un terzo da súa poboación. A bacteria Yersinia pestis chegou no corpo dunha pulga, que viaxaba sobre unha rata negra, que ía como polisoa nun barco que recalou ao porto baionés. O brote desatouse probablemente cando ese pequeno roedor se deslizou por unha maroma para facer turismo pola Real Vila. Levaba consigo a peste negra, un os brotes infecciosos máis mortíferos da historia da Humanidade.

Aquela rata e aquel ano de 1348 cambiaron a historia de Galicia. E de medio mundo. Porque a gran epidemia da peste negra non só aniquilou un bo número de galegos do século XIV, senón que revolucionou a sociedade, propiciando o gran cambio da Idade Media cara á Idade Moderna. Nunca un pequeno bacilo fixo tanto por retorcer a historia do mundo.

Publicidade

Un médico coa máscara que pretendía evitar o contaxio da peste negra.

En Galicia, todo empezou con aquel pequeno roedor que, por fortuna, hoxe en día apenas poderiamos atopar. Porque a rata negra (rattus rattus) está agora case desaparecida da Europa occidental. Pero naquel século XIV era o gran vector que propagaba as enfermidades, xa que ten hábitos máis domesticados e proclives ás persoas. A saúde europea mellorou cando foi substituída pola rata gris (rattus norvegicus), que é a que vemos hoxe e que se amosa máis fuxidía e remisa a cruzarse cos humanos.

A ruta da peste ata Baiona fora longa. Nada menos que Genghis Khan desatara o brote un século antes, cando o caudillo mongol invadiu China, onde nunha rexión do Himalaia hai ratas negras portadoras da peste de forma endémica. Os guerreiros do Gran Khan estenderon logo a enfermidade por toda Eurasia ata chegar a Ucraína. E tamén pola ruta da seda arribou ás grandes metrópoles europeas como Constantinopla ou Venecia.

Publicidade

Genghis Khan foi quen provocou a chegada da peste negra dende Asia ata Europa

Logo foi cuestión de tempo que a epidemia avanzase de porto en porto ata que en 1348 recalou na ría de Vigo. No verán de 1348 a enfermidade xa estaba en Compostela, onde documentos de 1350 falan de casas despoboadas pola morte de familias enteiras, mentres caen as rendas públicas. A Morte Negra mata a ricos e pobres; e na igrexa de Santa María A Nova de Noia, a tumba de Álvaro Paz Carneiro lembra que faleceu o 15 de agosto de 1348 por mor da mortalda.

O pánico apodérase da poboación. Moitos deixan as cidades e foxen aos montes, xa que, ao ser a rata negra o principal vector, a peste cébase co mundo urbano. Ademais, comezan a ser perseguidos os xudeus, que son acusados de propagar a doenza. En realidade, enferman menos grazas aos hábitos hixiénicos propios dos ritos da súa relixión. Tamén se acusa aos leprosos, cando a súa enfermidade non ten nada que ver coa peste.

Máis sentido ten o costume de queimar a roupa dos mortos, pois non se trabucan os veciños ao recelar duns tecidos infestados de pulgas. E de nada servirá prohibir o desembarco a moitos buques que chegan aos portos galegos: as ratas negras baixan polas maromas a terra sen necesidade de pasaporte.

Sartego de Álvaro Paz en Noia.

Os síntomas comezan por febre e dor de cabeza, e terminan coa aparición de bubóns na pel coa inflamación dos ganglios linfáticos. Rapidamente a enfermidade leva á septicemia e á morte.

Os cemiterios de Galicia quedan desbordados. En Baiona, por exemplo, apareceron enterramentos masivos no exterior do camposanto da igrexa principal da vila.  Simplemente, non había espazo onde sepultar a tanto morto, xa que se pensa que ata un terzo da poboación galega faleceu co brote epidémico da peste negra.

A peste negra tamén chegou polo Camiño de Santiago

Pero a enfermidade non desaparecería. En cada xeración houbo un brote de peste ata case o século XVIII. Ás veces, chegou a través do camiño de Santiago. Ningún foi tan forte como o primeiro, grazas á crecente inmunización dos sobreviventes. Na de 1569, contáronse en Vigo miles de mortos. “Os mais delos veciños e moradores fóronse e recolleron aos montes; os que quedaron na devandita vila morreron mais de cinco mil persoas e de tal xeito que non tiñan quen lles enterrase… e moitos deles foron enterrados en adegas e en hortas e viñas onde acontecía que morrían”, afirma un documento da época. Tal é o pánico que se declaran “ausencias legais“, permisos expedidos polas autoridades civís e eclesiásticas para que a xente poida ausentarse dos seus fogares e dos seus traballos. E retirarse a vivir aos montes.

Tamén se constrúen cabanas onde illar aos enfermos para que morran sen infectar a outros. José García Oro e María José Portela Silva, da Universidade de Santiago, fan un dramático repaso das epidemias sucedidas no reinado de Felipe II. E de como os máis adiñeirados acoden a Compostela a buscar remedio nos médicos da época, que pouco ou nada poden facer. A epidemia da peste negra remitiu en 1350, tras case dous anos azoutando Galicia. Foi a máis mortífera, a que cambiou o mundo. Entre outras cousas, porque con tanta morte cambiou a distribución da riqueza e a estrutura da sociedade.

Pero regresaría unha e outra vez ata o século XVIII aquel bacilo, que chegou no corpo dunha pulga, que viaxaba a lombos dunha rata, que era polisoa dun barco que recalou ao porto de Baiona a comezos do fatídico ano de 1348 en que Galicia caeu baixo a epidemia da Morte Negra.

3 COMENTÁRIOS

  1. Interesante artigo, máis con certos erros no relativo ás ratas. Nin a negra é rara na Galiza nin a gris fuxe dos humanos. Ambas especies son abondosas e a gris é precisamente a que vive máis en contacto con nós

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos