Venres 29 Marzo 2024

Así son as probas actuais para detectar o SARS-Cov-2

Hai que converter o ARN do virus en ADN, multiplicalo na máquina de PCR e logo detectalo por fluorescencia

As probas que se están a utilizar para identificar a infección por coronavirus son as PCR, polas siglas en inglés de “reacción en cadea da polimerasa”. Estes test non son novos, empréganse desde os anos 80 para determinar paternidades, identificar cadáveres e detectar enfermidades.

A PCR, deseñada polo Nobel de Química Kary Mullis, permite copiar unha pequena cantidade de ADN millóns de veces, de modo que haxa dabondo para analizalo. Neste caso, para diagnosticar a infección polo virus que causa a COVID-19 (a doenza), o SARS- Cov-2 (o virus), primeiro é preciso converter o seu material xenético (ARN, dunha soa cadea) en ADN, de dobre cadea.

Publicidade

Esta infografía realizada por Compound Interest e traducida ao castelán por Claudia Blanco e Fernando Gomollón resume todo o proceso de detección que se está empregando actualmente, explica as súas limitacións e describe como serán os futuros test. (Nota: aínda non está dispoñible en galego)

Como se explica na web de Compound Interest, as probas para o virus necesitan unha mostra, que se recolle do nariz ou a parte posterior da garganta do paciente. Ese material colócase nun contedor seguro e envíase a un laboratorio para a súa análise.

O proceso, paso a paso
O ADN constitúe o noso material xenético, pero SARS-CoV-2 non contén ADN de dobre cadea, senón ARN, dunha soa cadea. Como as probas de PCR só poden facer copias de ADN, primeiro hai que converter o ARN en ADN.

O ARN do virus que se extrae da mostra ten que ser primeiro purificado e logo pode mesturarse cunha encima chamada transcriptasa inversa, que converte o ARN dunha soa cadea en ADN de dobre cadea. O ADN vírico engádese a un tubo de ensaio xunto con cebadores —seccións curtas de ADN deseñadas para unirse ao virus—, nucleótidos —os bloques de construción que compoñen o ADN— e unha encima construtora do ADN.

A máquina PCR quenta a mestura. Isto fai que o ADN de dobre cadea se desenrede e o cebador poida unirse ao ADN a medida que se arrefría, proporcionando un punto de partida para que o copie a encima construtora de ADN. Este proceso continúa a través de repetidos quecementos e arrefriados ata que se crearon millóns de copias do ADN.

Isto explica como a PCR amplifica o código xenético do virus, pero non como se detecta. Aquí é onde entran os colorantes fluorescentes, engadidos ao tubo de ensaio mentres se copia o ADN. Únense ao ADN copiado, o que aumenta a súa fluorescencia facendo que emitan máis luz, que permite confirmar a presenza do virus.

A fluorescencia aumenta a medida que se producen máis copias e, se cruza un certo limiar, a proba é positiva. Se o virus non estaba presente na mostra, a proba PCR non faría copias, polo que o limiar de fluorescencia non se alcanzará e, nese caso, a proba será negativa.

As limitacións
As probas de PCR son unha forma bastante fiable de comprobar a existencia de enfermidades infecciosas. Con todo, tamén teñen limitacións.

A primeira é que levan tempo. Necesítanse unhas poucas horas para obter resultados. Isto implica un límite na cantidade de probas que un só laboratorio pode levar a cabo nun día.

Outra limitación é a dispoñibilidade de reactivos necesarios. A demanda mundial destas probas por mor da pandemia provocou escaseza.

A contaminación ou a degradación tamén poden causar problemas por falsos positivos (cando alguén non ten o virus pero a proba di que si o ten) ou falsos negativos (cando alguén ten o virus pero a proba di que non o ten).

Unha última gran limitación deste tipo de probas é que só poden indicar se alguén ten o virus no momento da proba. Non pode dicirnos se tivo o virus pero se recuperou posteriormente antes da proba.

2 COMENTÁRIOS

  1. Muchas gracias por el articulo. Pero entiendo que los reactivos son los reactivos inmunoflurescentes. Esos se compran hechos? Se pueden fabricar? A quien se conpran y cuanto cuesta cada prueba?
    Sabriais decirme??????
    Gracias y enhorabuena por vuestro trabajo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade