O galego Ricardo Cao dirixirá o comité de expertos matemáticos fronte ao coronavirus

O equipo que coordina o catedrático da Universidade da Coruña asesorará ao Goberno español na análise de datos sobre a pandemia

O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, acaba de ser nomeado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat) presidente do comité de expertos da iniciativa “Acción Matemática contra o Coronavirus”, que ten o obxectivo de axudar ao Goberno de España a atopar solucións ante a crise sanitaria orixinada polo coronavirus SARS-CoV-2, achegando conclusións e recomendacións dende o ámbito das matemáticas.

Así, este comité de expertos poñerá á disposición das autoridades a súa capacidade de análise e modelización para comprender o problema que está sufrindo a nosa sociedade coa doenza Covid-19. A partir dos datos facilitados polo Goberno sobre a evolución da pandemia, microdatos dos casos diagnosticados, recursos dispoñibles, ficheiros Big Data de mobilidade, etc., o comité elaborará a modelización matemática da pandemia para, a partir de aí, establecer previsións de evolución que permitirán a planificación óptima dos recursos.

Publicidade

Ricardo Cao é investigador da área de Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC e membro do comité de dirección do centro, así como catedrático da área de Estatística e Investigación Operativa da UDC. É profesor na UDC desde 1991, e está especializado en Estatística non paramétrica, o bootstrap, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais, a análise estatística de datos de gran volume (big data), a análise de datos dependentes, a verosimilitude empírica e a modelización estatística en ciencias dos materiais, en risco de crédito, en xenómica, e neurociencia e en malherboloxía.

Na actualidade é o editor xefe da revista Journal of Nonparametric Statistics e editor asociado das revistas TEST e Computational Statistics. Tamén é docente no Mestrado Internuiversitario de Técnicas Estatísticas, coorganizado polas tres universidades galegas, así como no Mestrado Universitario de Bioinformática para as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e no Grao de Informática da Universidade da Coruña.

Publicidade

O Comité Español de Matemáticas está formado polas sociedades científicas españolas no ámbito das Matemáticas: Real Sociedad Matemática Española (RSME), Societat Catalana de Matemàtiques (SCM), Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA), Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO), Sociedad Española de Investigación en Educación Matemática (SEIEM), Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) e Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas (SEHCYT).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Aprendizaxe mecánica, falta de recursos e presión familiar: as claves da caída galega no informe PISA

A profesora da UDC Montserrat Castro considera que as metodoloxías empregadas fomentan unha lectura instrumentalista en vez dunha comprensiva

Matemáticos de Santiago e Lausana resolven un problema de xeometría aberto dende hai 60 anos

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos

Estatística a punta de balón: así calcula un investigador galego a probabilidade de vitoria no Mundial

A análise sinala que España tiña un 90% de posibilidades de vencer contra Arabia Saudita, e un 85% contra Cabo Verde