A OMS xa advertiu que o coronavirus pode levar aos mozos ao hospital 'ou matalos'.

A pneumonía por coronavirus en mozos pode ser moi grave

Un de cada cinco afectados polo SARS-Cov-2 ten entre 20 e 39 anos e os médicos constatan que algúns desnvolven infeccións moi severas

A Organización Mundial da Saúde (OMS) lembrou que ninguén é invencible ante a COVID-19. En España, unha de cada cinco persoas infectadas ten entre 20 e 39 anos. Profesionais sanitarios de hospitais españois confirman que hai unha pequena porcentaxe de pacientes novos que desenvolven pneumonías severas por SARS- CoV-2, mesmo de forma súbita.

“Teño unha mensaxe para a xente nova: non sodes invencibles. Este virus pódevos levar ao hospital durante semanas e mesmo matarvos”, dixo o venres en rolda de prensa Tedros Adhanom, director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS).

As autoridades sanitarias aproveitaron así a súa comparecencia diaria cos medios de comunicación para poñer o foco nas persoas mozas, que non se consideran poboación de risco como as persoas de idade avanzada con patoloxías previas.

O motivo é dobre. Por unha banda, os mozos tamén deben seguir o mantra “queda na casa” para frear a cadea de contaxios do novo coronavirus. Por outro, neumólogos de diversos centros hospitalarios advirten que os millennials non están a salvo.

“Persoas mozas e sas poden ter síntomas graves”, advertira dous días antes Michael J. Ryan, director executivo da OMS. “Deben ir con moito, moito coidado”, apelando á percepción do risco das persoas de menos idade.

O coronavirus en España, ao detalle: o 87% dos falecidos, maior de 70 anos

En España, unha de cada cinco persoas con COVID-19 ten entre 20 e 39 anos, segundo os primeiros datos publicados onte por idades. Os positivos de entre 20 e 29 anos son 1.285 mozos, dos que o 14,2 % foron ingresados en hospitais e o 0,6 % na UCI. Dos 30 aos 39 anos, hai 2.208 persoas con COVID-19, das cales un 16,5% acabaron no hospital e o 0,7 % na UCI.

Radiografías pulmonares brancas

Profesionais sanitarios de hospitais españois coinciden en sinalar a gravidade das pneumonías dalgúns mozos. “Hai unha pequena porcentaxe –que descoñecemos– de persoas mozas que ingresan moi graves”, confirmaba á axencia SINC Antoni Torres, responsable da unidade de vixilancia intensiva respiratoria do Hospital Clínic de Barcelona.

A maioría destas persoas, tanto homes como mulleres, teñen arredor de 30 anos, detalla Torres. Se a enfermidade non é grave a persoa pode estar uns dez días ingresada. Nos casos máis severos, os pacientes poden pasar máis de tres semanas na unidade de coidados intensivos (UCI).

A radiografía torácica permite aos médicos observar os pulmóns dos pacientes. A cor negra é sinónima de saúde, mentres que o branco reflicte a reacción inflamatoria do pulmón.

“A evolución das imaxes radiolóxicas é moi aparatosa: teñen o pulmón branco”, conta Álvar Agustí, director do Instituto Respiratorio do Hospital Clínic, que admite a excepcionalidade da situación.

Ademais, algúns destes casos novos poden estar estables e parecer que melloran, pero en cuestión de horas empeoran de xeito súbito e desenvolven unha pneumonía. “Non o viamos nunca”, admite Torres.

Un de cada cinco hospitalizados por COVID-19 nos Estados Unidos ten entre 20 e 44 anos, segundo un informe dos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) que recolle os primeiros casos do país, case 2.500 persoas. Os pacientes nesta franxa de idade representan o 12 % dos ingresos na UCI.

Os datos preliminares amosan que a severidade da enfermidade, tendo en cuenta a hospitalización, o ingreso na UCI e a morte, pode afectar a persoas adultas de calquera idade.

“Aquí hai un patrón de idade de persoas afectadas diferente en comparación con China e Francia”, explica Antonio Anzueto, profesor de medicina na Universidade de Texas en San Antonio (EUA). O experto en enfermidade pulmonar conta que os pacientes son “xente máis nova e gravemente enferma”, entre os 40 e os 50 anos.

Hai casos de coronavirus no teu concello? Estes son os confirmados

O médico non atribúe esta diferenza a unha posible mutación do virus. Anzueto apunta a que, nos Estados Unidos, desde o principio, o paciente de idade avanzada quedouse na casa e reduciu os contaxios. En cambio, “a xente nova sae máis e está máis exposta” ao novo coronavirus.

Os profesionais sanitarios non saben por que hai mozos que desenvolven pneumonías fortes, pero descartan que se deba á virulencia do SARS-CoV-2. A priori, sospeitan dunha resposta esaxerada do sistema inmunitario, determinada polo perfil xenético do paciente.

Algúns dos neumólogos consultados xa están a solicitar proxectos de investigación para entender os motivos e atopar un tratamento eficaz. Un fármaco contra a malaria –que xa se está probando en ensaios clínicos– podería converterse nun aliado pola súa dobre capacidade antiviral e antiinflamatoria.

1 comentario

  1. A tentación de usar calcos do inglés, por que será tan grande? «Severo» en galego non significa «grave» e só se leva usando un tempo por influencia do inglés. Dicionario Digalego:
    severo -ra
    adx Que é moi estrito e esixente.
    adx Que ten unha aparencia moi seria

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.