Orixe filoxenética dunha mostraxe do virus recollida no hospital Santa María Nai de Ourense. Fonte: Nextstrain.
Orixe filoxenética dunha mostraxe do virus recollida no hospital Santa María Nai de Ourense. Fonte: Nextstrain.

A secuencia do SARS-CoV-2 revela “múltiples entradas” en España a mediados de febreiro

Unha análise preliminar dos xenomas das variantes do virus remonta a aparición dos primeiros focos aos días do 14 ao 18 de febreiro

Faltaba practicamente un mes para declarar o estado de alarma e o confinamento da poboación en España. Pero entre o 14 e o 18 de febreiro produciuse un feito decisivo, segundo avanzan nun artigo publicado no repositorio Biorxiv e pendente de revisión (preprint) investigadores do Centro Nacional de Microbiología de Madrid, que levan semanas analizando a pegada xenética que vai deixando o SARS-CoV-2 a través dos pequenos cambios que vai tendo o seu xenoma a medida que se transmite dunha persoa a outra.

Despois do foco inicial de Wuhan, que este traballo sitúa arredor de finais de novembro, comezou a propagación pola provincia de Hubei, e de aí ao resto do mundo. A investigación cita tres grandes familias (G,V, e S) das que dúas, G e S, son as máis estendidas por España. Estas dúas ramas comezaron a propagarse a través de focos iniciais que son datados a mediados de febreiro. Con estes datos, o estudo conclúe que “se detectaron múltiples entradas do SARS-CoV-2 en España, e polo menos dúas resultaron na emerxencia de cadeas de transmisión local, cunha propagación posterior dun deles a, polo menos, outros seis países”. Os resultados, pendentes de ser contrastados por unha revisión externa, “destacan o extraordinario potencial do SARS-CoV-2 para a rápida e ampla propagación xeográfica”.

Segundo explica o primeiro firmante do traballo, Francisco Díez, en declaracións a Materia, estes datos apuntan a que non existe un “paciente cero” en España, senón que a circulación silenciosa do virus permitiu o desenvolvemento de focos que se descontrolaron a toda velocidade, do mesmo xeito que suxiren investigacións realizadas en Wuhan.”En España non houbo un paciente cero; non o hai cando unha epidemia está xa tan espallada”, engade no mesmo medio José Alcamí, virólogo que supervisou o traballo xunto a Inmaculada Casas. Isto casa con informacións como as do falecemento dun home en Valencia o 13 de febreiro por unha neumonía de orixe descoñecida. A comezos de marzo sóubose, ao facerlle unha necropsia, que era positivo por SARS-CoV-2.

Estas análises xenéticas evidencian, por tanto, como o virus escapou á ollada das autoridades sanitarias españolas e doutros países. Con todo, cando se produciron estas múltiples entradas xa había varios positivos confirmados en España, desde o primeiro detectado na illa de La Gomera o 1 de febreiro ou o 10 do mesmo mes en Palma de Mallorca. Despois do illamento destes casos, críase que aínda non circulaba o SARS-CoV-2, como sostivo o 23 de febreiro o coordinador de Emerxencias do Ministerio de Sanidad, Fernando Simón.

Mostraxes de Ourense o 7 de marzo

A análise realizada polos científicos do Centro Nacional de Microbiología recolle 28 xenomas do virus de pacientes españois, no marco dos máis de 1.600 que están sendo estudados desde o comezo da crise por investigadores de boa parte do planeta. A través das semellanzas e diferenzas do código xenético (dunha forma parecida ao que se fai coas análises de ADN) é posible seguir o trazo cronolóxico dos diversos focos. O proxecto de código aberto Nextstrain, onde se vai tecendo a evolución do virus, recolle ata o momento unha única mostra en Galicia. Pertence a unha muller, cuxos datos foron recollidos o 7 de marzo no hospital Santa María Nai de Ourense, e procesados por María Iglesias Caballero, unha das científicas do Centro Nacional de Microbiología que asina o artigo sobre a entrada do SARS-CoV-2 en España. Foi neses días cando se detectaron os primeiros casos na cidade ourensá, pouco despois da confirmación dos primeiros casos na Coruña e Vigo, os días 4 e 5 de marzo.

A rama deste contaxio remítese, segundo os datos de Nextrain, a unha variante que puido circular, despois de China, durante xaneiro e febreiro por Reino Unido, Países Baixos, Bélxica e finalmente, España.

Posible orixe da variante analizada en Ourense o 7 de marzo. Fonte: Nextstrain.
Posible orixe da variante analizada en Ourense o 7 de marzo. Fonte: Nextstrain.

Referencia: Phylodynamics of SARS-CoV-2 transmission in Spain.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.