A UDC desenvolve unha nova estratexia para transportar material xenético ao interior das células

O grupo do CICA abre a porta ao deseño de plataformas para a entrega de xenes que sexan cada vez máis precisas e personalizadas

Un equipo do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu unha nova estratexia para o transporte de material xenético ao interior das células mediante vesículas formadas por lipopéptidos catiónicos autoensamblables. O traballo representa un avance no desenvolvemento de sistemas non virais para terapia xénica, un dos campos con maior potencial para o tratamento de enfermidades de base xenética e para a medicina rexenerativa.

A investigación foi realizada de forma conxunta polos grupos BioNanoChem e Gene and Cell Therapy (G-Cel) do CICA. Mentres o primeiro achegou a experiencia en química supramolecular, deseño molecular e nanomateriais bioinspirados, o grupo G-Cel contribuíu co seu coñecemento en terapia xénica, bioloxía celular e aplicacións biomédicas. A combinación de ambas disciplinas permitiu desenvolver e avaliar unha nova plataforma para a entrega de xenes.

Publicidade

O principal desafío

Un dos principais obstáculos da terapia xénica consiste en conseguir que o ADN ou ARN chegue ao interior das células de forma eficiente e segura. O material xenético presenta carga negativa, unha característica que tamén comparten as membranas celulares, polo que ambas estruturas tenden a repelerse de maneira natural. Ademais, os xenes deben chegar protexidos ata o seu destino para evitar a súa degradación antes de exercer a súa función.

Para superar este desafío, o equipo desenvolveu dous tipos de lipopéptidos catiónicos autoensamblables, moléculas híbridas que combinan compoñentes lipídicos, graxas e peptídicos, proteínas. Grazas á súa carga positiva, estes sistemas son capaces de atraer e encapsular o material xenético, mentres que a súa estrutura permite organizarse espontaneamente en vesículas estables que facilitan a súa interacción coas células.

Publicidade

O funcionamento destes sistemas baséase nun principio físico sinxelo: a atracción entre cargas opostas. Os lipopéptidos actúan como pequenos vehículos capaces de capturar, protexer e transportar os xenes ata o interior celular. A diferenza dos vectores virais empregados tradicionalmente en terapia xénica, esta aproximación utiliza compoñentes sintéticos inspirados en mecanismos biolóxicos naturais, o que permite unha maior flexibilidade no seu deseño.

Futuras aplicacións

Os resultados obtidos mostran que estas vesículas presentan unha elevada compatibilidade celular e unha baixa toxicidade, dúas características fundamentais para o desenvolvemento de futuras aplicacións biomédicas. Ademais, a súa fabricación baséase en procesos relativamente sinxelos e facilmente adaptables, unha vantaxe importante fronte a outras tecnoloxías máis complexas.

Outro dos aspectos máis prometedores da investigación é a capacidade de programación dos péptidos empregados. Pequenas modificacións na súa composición permiten alterar propiedades como a estabilidade, a afinidade polo material xenético ou a interacción con diferentes tipos celulares. Esta versatilidade abre a porta ao desenvolvemento de sistemas cada vez máis precisos e personalizados.

A longo prazo, este tipo de plataformas podería contribuír ao deseño de vehículos capaces de transportar xenes a células especialmente difíciles de alcanzar, como as presentes no cartílago ou noutros tecidos complexos, ampliando as posibilidades terapéuticas da medicina rexenerativa e da terapia xénica.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar