Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

A calor está cada vez máis instalada en Galicia e as zonas verdes con sombra poden ser a solución. Por iso, a asociación Amigas da Terra desenvolve unha investigación en dez cidades españolas, entre elas dúas galegas: Ourense e Santiago de Compostela. O obxectivo é avaliar o grao de acceso a zonas verdes e a súa relación co nivel de renda. Entre as cidades analizadas, Ourense está entre as tres de peor cobertura, con 4,6 metros cadrados de zona verde por habitante (m2/hab), moi por debaixo da media de 14,15 m2/hab. Unha das conclusións principais do estudo foi que as poboacións con baixos ingresos teñen acceso a menos superficie de zonas verdes por persoa.

Ourense é a cidade da calor e, a pesar diso, as súas zonas verdes públicas abarcan tan só 48 hectáreas, con 14 parques repartidos polos barrios da cidade cunha distribución cualificada como desigual. O problema é a proximidade á poboación, o que provoca que máis de 81.000 persoas —arredor do 78% da poboación— queden fóra do alcance de zonas arborizadas superiores a unha hectárea nun radio de 300 metros. Os espazos públicos ourensáns están “pouco renaturalizados”, segundo o estudo, e os habitantes da periferia teñen complicacións de acessibilidade efectiva a causa de barreiras física e discontinuidades urbanas.

Publicidade

Mentres, está o caso oposto: Santiago de Compostela. Sitúase co valor en zonas verdes máis alto de entre todas as cidades xa que, a pesar de que non chega aos 100.000 habitantes, o indicador de superficie por habitante se dispara por riba dos 27 metros cadrados de zona verde de máis dunha hectárea por persoa. Notifícase un forte contraste entre a cobertura do núcleo central e o disperso, pero apenas quedan áreas sen zonas verdes de proximidade, “distribuídas estratexicamente”. Así se compoñen os dous polos de zonas verdes de Galicia.

Catro áreas prioritarias en Ourense

Este estudo identifica catro áreas prioritarias na cidade de Ourense que precisan dunha maior dotación de zonas verdes. Unha delas é o barrio do Vinteún, situado na periferia, onde a integración das zonas verdes na vida cotiá é limitado. Outra é A Carballeira, nas proximidades do centro urbano, cunha presenza desigual do arborizado nas vías e apoiado principalmente en elementos externos ao barrio como o Xardín do Posío e o Parque da Alameda.

Publicidade

Mapa de zonas verdes de Santiago de Compostela. Foto: Amigas da Terra
Mapa de zonas verdes de Santiago de Compostela. Foto: Amigas da Terra

O Couto, un ámbito urbano máis consolidado e denso dentro da cidade de Ourense, ten unha densidade de edificios que dificultan unha infraestrutura verde continua, con déficit de proximidade e cunha presenza irregular de árbore nas vías. Finalmente, rexístrase o barrio de San Francisco nunha posición central, polo que a alta ocupación do solo e a escasa dispoñibilidade de espazos libres interiores, o que limita a presenza de zonas verdes de proximidade.

Un exemplo de cidade verde

No caso de Santiago de Compostela destaca porque, pola contra, non presenta áreas prioritarias de intervención. A investigación recolle que unhas 54.000 persoas, o que representa un 55% da poboación, non dispoñen de espazos verdes de máis dunha hectáreas a menos de 300 metros de proximidade.

Con todo, a poboación sen acceso está localizada en ámbitos rururbanos, onde a ausencia de zonas verdes públicas é a situación habitual. Con todo, teñen carácter natural, con sendas transitables e acceso a ríos como o Sar e Sarela, e a regos, como Angrois, así como as zonas de monte.

Mapa de zonas verdes de Ourense. Foto: Amigas da Terra
Mapa de zonas verdes de Ourense. Foto: Amigas da Terra

Segundo Amigas da Terra, as estratexias futuras deberían orientarse a reforzar a rede verde dende criterios ecolóxicos, incorporando xardinería urbana e experimentar con solucións innovadoras, como a drenaxe urbana sostible, a xestión avanzada do arborizado ou o mantemento diferenciado, xunto coa selección de especies máis coherente cos ecosistemas locais, avanzando así cara a unha maior calidade ecolóxica e cohesión coa contorna.

1 comentario

  1. Pero é que en Ourense hai moita lá, que lle serve a quen a ten para zafar do frío e húmido inverno e do caluroso verán. E, habitualmente, este tipo de animais cubertos de lá déixanse conducir con gusto polos seus amos. Así que “cimento a gogó”, que dá máis voto. E a cousa funciona como un sistema de retroalimentación, a máis cimento máis lá, a máis lá máis voto pp, e a máis voto pp, máis cimento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

A calor dispara a contaminación por ozono en Galicia ao seu nivel máis alto dende 2019

Un informe anual de Ecoloxistas en Acción alerta de episodios que superaron o limiar de información en Vigo e As Pontes

O científico Antonio Salas, premio da Crítica de Galicia

O catedrático da USC recibiu o galardón na modalidade de investigación en ciencias e tecnoloxía