Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

As infeccións urinarias son a principal causa de prescrición de antibióticos no mundo e afectan cada ano a millóns de persoas, especialmente mulleres. Na maioría dos casos resólvense sen complicacións, pero o aumento das bacterias resistentes está a converter algunhas delas nun reto crecente para a medicina. Entre os microorganismos que máis preocupan atópase Klebsiella pneumoniae, unha bacteria capaz de acumular resistencias fronte a practicamente todas as familias de antibióticos e responsable dalgunhas das infeccións máis difíciles de tratar nos hospitais.

Un estudo liderado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo achega novas pistas sobre como combater estas superbacterias. Tras analizar 24 cepas de Klebsiella pneumoniae illadas de pacientes con infeccións urinarias en Galicia, o equipo comprobou que algúns bacteriófagos —os virus que infectan e destrúen bacterias— son capaces de eliminar determinadas cepas resistentes no laboratorio, reforzando o potencial desta terapia como futura alternativa aos antibióticos.

Publicidade

“É unha das terapias máis esperanzadoras para tratar as bacterias resistentes aos antibióticos”, explica Ana Otero, investigadora da Área de Microbioloxía e Parasitoloxía da Facultade de Bioloxía da USC e unha das autoras do traballo. Con todo, advirte de que aínda queda camiño por percorrer antes de que estes tratamentos poidan incorporarse á práctica clínica habitual.

Un patóxeno baixo vixilancia

A preocupación arredor de Klebsiella pneumoniae non reside só na súa resistencia aos antibióticos, senón tamén na súa capacidade para instalarse nos hospitais e afectar a pacientes especialmente vulnerables. Pode colonizar persoas ingresadas por outros motivos, tras unha intervención cirúrxica ou polo uso de catéteres e outros dispositivos médicos, e aproveitar ese contexto para causar infeccións difíciles de controlar.

Publicidade

Un dos maiores desafíos é a aparición das chamadas cepas produtoras de OXA-48. Este mecanismo de resistencia inutiliza os carbapenémicos, considerados antibióticos de última liña e reservados para tratar infeccións graves cando o resto dos tratamentos xa non funcionan. “Estas cepas son resistentes practicamente a todas as familias de antibióticos e, ás veces, só podemos combatelas con combinacións moi potentes de antibióticos ou con fármacos de último recurso”, explica Otero.

O estudo confirma que en Galicia xa circulan cepas de Klebsiella pneumoniae pertencentes a dous clons de alto risco, coñecidos pola súa capacidade para propagarse nos hospitais. O 83% das mostras eran multirresistentes, aínda que todas respondían a un dos tratamentos de referencia. Os investigadores atoparon tamén un dato tranquilizador: estas bacterias non incorporaran os xenes asociados ás variantes máis virulentas. O verdadeiro desafío estaba noutro lugar: a súa capacidade para formar biofilmes, unha das razóns polas que estas infeccións poden chegar a cronificarse.

Cando as infeccións deixan de ser un episodio puntual

Un dos factores que máis dificulta o tratamento destas bacterias é a súa capacidade para formar biofilmes, unha especie de capa protectora que lles permite adherirse aos tecidos ou a dispositivos médicos, como as sondas urinarias. Esta barreira dificulta tanto a acción dos antibióticos como a resposta do propio sistema inmunitario, favorecendo que a infección persista ou reapareza.

Pero o problema vai máis aló do ámbito hospitalario. Aínda que Escherichia coli segue a ser a principal causante das infeccións urinarias, Klebsiella pneumoniae representa arredor do 15% dos casos que estuda o equipo en colaboración co Hospital Álvaro Cunqueiro e é a que máis preocupa pola súa capacidade para desenvolver resistencias.

Unha placa de 'Klebsiella pneumoniae' infectada con bacteriófagos.
Unha placa de ‘Klebsiella pneumoniae’ infectada con bacteriófagos.

Unha das grandes incógnitas está nas infeccións urinarias recorrentes. Algunhas pacientes encadean episodios durante meses ou mesmo anos sen conseguir erradicar a bacteria. “Hai mulleres que están tomando antibióticos cada dous meses”, explica Otero. Os investigadores sospeitan que o microorganismo pasa do intestino ao tracto urinario, pero aínda descoñecen por que consegue establecerse de forma persistente nalgunhas persoas ou como evoluciona entre unha infección e a seguinte.

As consecuencias van moito máis alá do problema médico. “Cada vez que falo cunha delas acabo chorando, porque están desesperadas”, recoñece a investigadora. “Moitas nin sequera poden manter relacións sexuais porque saben que despois volverán sufrir unha infección. O impacto psicolóxico e na vida de parella é enorme”, engade.

Virus para combater as superbacterias

Ante un escenario no que cada vez quedan menos antibióticos eficaces, os bacteriófagos emerxen como unha das alternativas máis prometedoras. Trátase de virus capaces de infectar e destruír bacterias sen afectar as células humanas nin á microbiota. A súa principal vantaxe é a especificidade: cada un actúa sobre determinadas cepas, polo que elimina a bacteria diana sen alterar o resto de microorganismos beneficiosos.

No estudo, os investigadores illaron seis bacteriófagos procedentes de augas residuais urbanas e hospitalarias e comprobaron a súa eficacia fronte as cepas de Klebsiella pneumoniae. Os resultados foron alentadores: todos conseguiron infectar algunhas das bacterias estudadas e, en determinados casos, a combinación de dous fagos chegou a impedir completamente o seu crecemento.

Con todo, esta terapia tamén ten limitacións. “Non hai un bacteriófago que mate todas as bacterias”, explica Otero. Por iso, os investigadores traballan no desenvolvemento de cócteles de fagos e na combinación destes virus con encimas capaces de romper os biofilmes, co obxectivo de aumentar a súa eficacia.

Da investigación á práctica clínica

Aínda que os resultados son prometedores, os investigadores insisten en que os bacteriófagos aínda non están preparados para substituír aos antibióticos. Polo momento, esta terapia só se emprega en casos moi concretos mediante uso compasivo, cando os pacientes xa esgotaron as alternativas terapéuticas. En España, un dos centros de referencia neste ámbito atópase en Valencia.

“É unha das terapias máis esperanzadoras para tratar as bacterias resistentes aos antibióticos”, afirma Otero. Con todo, subliña que aínda é necesario demostrar a súa seguridade e eficacia nun número moito maior de pacientes, ademais de resolver cuestións como a creación de bancos de fagos ou a forma de administralos. “O importante é que esta terapia poida empregarse antes de que o paciente xa non teña ningunha outra alternativa terapéutica”, sinala.

Mentres tanto, o grupo xa traballa nun novo reto: as infeccións urinarias recorrentes. O obxectivo é comprender como evoluciona a bacteria entre unha infección e a seguinte e por que tratamentos como as autovacinas apenas conseguen evitar as recaídas. Para iso, os investigadores están a traballar con mostras cedidas voluntariamente por pacientes, co fin de comprobar se os bacteriófagos poderían eliminar a bacteria antes de que volva pasar do intestino ao tracto urinario. “Se somos capaces de eliminala do intestino mediante bacteriófagos, probablemente evitaremos que volva causar novas infeccións urinarias”, afirma Otero.

Unha investigación que busca apoio

Con todo, sacar adiante esta investigación non está a ser sinxelo. O proxecto, desenvolvido xunto co Hospital Álvaro Cunqueiro, foi rexeitado en tres ocasións nas convocatorias estatais. O grupo mantén esta liña grazas ao financiamento como Grupo de Referencia Competitiva da Xunta e á procura de fondos europeos. Otero tamén reivindica o labor dos profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro, que colaboran no proxecto a pesar da súa carga asistencial.

A esperanza é que este traballo contribúa a abrir novas vías para combater unha das principais causas de prescrición de antibióticos no mundo e, sobre todo, mellorar a calidade de vida de pacientes que hoxe continúan convivindo con infeccións recorrentes para as que as opcións terapéuticas seguen sendo limitadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente