Test realizado o 23 de abril, cando o Sergas puxo en marcha o estudo epidemiolóxico. Fonte: xunta.gal.
Tesr

Médicos de Atención Primaria piden ao Sergas que poña fin ao estudo do coronavirus

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria pide que os tests restantes se usen para mellorar o diagnóstico de casos sospeitosos

O estudo epidemiolóxico que a Xunta de Galicia planeou para coñecer a circulación do coronavirus SARS-CoV-2 no país atópase cun novo obstáculo despois das dúbidas dos últimos días. Este martes, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), que agrupa tamén a profesionais da Atención Primaria, fixo público un comunicado no que solicita “a finalización do actual estudo de seroprevalencia” que ten previsto rematar esta semana a primeira das súas fases. A entidade considera que cos resultados obtidos, a carga de traballo que supón a enquisa (con probas a 100.000 persoas) e a mobilización de profesionais sanitarios e a poboación que se requiren para a mesma, “o estudo debe rematar”.

A entidade xa amosara o seu malestar nos primeiros de estudo pola falta de información á hora de proceder nesta iniciativa da Xunta, independente e paralela á enquisa de seroprevalencia que impulsa o Goberno español, que comezou a pasada semana a analizar a 6.120 persoas en Galicia. Así, a xunta directiva da Agamfec lembra que “os profesionais enterámonos das cuestións xerais do estudo polos medios de comunicación, e tan só nos días previos foi comunicado de xeito oficial como se ía desenvolver o traballo de campo”. Ademais, sosteñen que a día de hoxe “seguimos a descoñecer o deseño do mesmo: tipo de estudo, cálculo e precisión do tamaño da mostra, tipo de mostra, aspectos éticos, xestión de datos e análise dos mesmos, entre outros aspectos”, engaden.

“Un bo número de enfermeiras destinan a meirande parte da súa xornada a facer o estudo”, denuncian

Ademais, o comunicado explica que o desenvolvemento do estudo, iniciado o 23 de abril, hai menos de dúas semanas, está a xerar inconvenientes na práctica diaria dos profesionais. “A carga de traballo non é desprezable, xa que un bo número de enfermeiras destinan a meirande parte da súa xornada a facer o estudo, mentras o resto ten que se ocupar do seu labor e do das compañeiras ocupadas”. Ademais, segundo alertan, “a mobilización de profesionais e sobre todo de poboación sá non está exenta dun incremento nos riscos de transmisión”.

Falta de tests a casos sospeitosos

Aínda que en Galicia se agardaba unha baixa circulación do virus, tal e como avanzaron membros do comité de xestión da crise sanitaria, como o xefe de servizo de Microbioloxía do Chuvi, Benito Regueiro, a porcentaxe de positivos está a ser aínda máis baixa do que se cría. Uns resultados que Agamfec cualifica de “definitorios, ao situar os positivos no entorno do 1% dos estudados”. Ante isto, expón a nota, “cabe pensar que os datos non mudarán por máis que se incremente a toma de mostras”, xa que, apuntan, “os estudos acostuman a interromperse cando os resultados amosan unha tendencia indiscutible”.

Os profesionais de atención lamentan neste punto que se estean reservando 100.000 tests para esta enquisa mentres segue habendo dificultades para analizar a casos sospeitosos. “Mentres se empregan tests en abundancia para este estudo, en Atención Primaria seguimos sen dispoñer da posibilidade de solicitar e realizar tests diagnósticos a todos os casos sospeitosos de Covid-19, véndonos obrigados a confinar no seu domicilio, en ocasións por tempo prolongado, a doentes e aos seus contactos sen termos confirmación de se son ou non casos de Covid-19″, expoñen. Ante esta conxunción de factores, “só compre concluír, dentro dunha análise custo/beneficio e considerando os custos de oportunidade xerados, que o estudo debe rematar”. Piden ademais a análise dos datos obtidos e a publicación do resultado dos mesmos, e consideran que os tests que queden sen utilizar “deben pórse ao dispor dos Servizos de Atención Primaria para o seu emprego en base a criterios clínicos”.

Diante da inminente desescalada, a Agamfec expón que este proceso esixe “unha nova organización do sistema sanitario para afrontar a nova etapa da pandemia”, na que “a Atención Primaria debe xogar un papel fundamental e para o cal necesita todos os recursos disponibles e un claro impulso da súa capacidade resolutiva”. A peculiaridade do escenario galego, cunha “baixa inmunidade poboacional”, debuxa, ao seu xuízo “un escenario no que todo isto cobra máis valor”.

1 comentario

  1. Gostaríame saber con máis precisión qué tipo de test foron os empregados no estudo da Xunta de Galicia (?) se foron os mesmos tipos de test que se empregaron no estudo promovido polo Ministerio de Sanidade (?)

    Para entendernos o Sergas dixo que eles empregarían un tipo rápido de doble banda (non teño nin idea que carallo é iso) mentras que o Ministerio debeu enviar os test correspondentes ao seu estudo directamente xa que os “pacientes” foron localizados telefónicamente segundo unhas listaxes do INEstadistica (?)

    Alguén ten idea do que pregunto ?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.