O Ministerio de Sanidad e o Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) anunciaron que este luns se pon en marcha o estudo de seroprevalencia ENE-COVID, a enquisa epidemiolóxica que, xunto coas comunidades autónomas, tratará de estimar a porcentaxe da poboación que desenvolveu anticorpos fronte ao novo coronavirus, co obxectivo de que esta información axude a tomar futuras decisións para o manexo da pandemia. É, deste xeito, o segundo ao que se someterá a poboación galega, toda vez que a Xunta decidiu iniciar a súa propia análise cunha mostraxe de 100.000 persoas.
Serán as comunidades autónomas, segundo indicou o Goberno español nunha nota de prensa, as que proporcionarán o persoal sanitario para a realización do proxecto e serán as encargadas de adecuar a loxística do estudo da forma que se considere máis adecuada en cada territorio, garantindo que se cumpren todos os requisitos metodolóxicos. O papel dos servizos de Atención Primaria de Saúde será especialmente relevante ao longo de todo o proceso, engade o Goberno.
O estudo, por provincias
En colaboración co Instituto Nacional de Estatística (INE) seleccionáronse máis de 36.000 fogares españois, para que a mostra teña participantes de todos os grupos de idade e localizacións xeográficas. No caso de Galicia, serán 6.120 persoas: 1.980 na Coruña, 1.800 en Pontevedra, 1.200 en Lugo e 1.140 en Ourense. finalmente 2.000 máis que as previstas no proxecto inicial, difundido a comezos de abril. Aclara Sanidad que se convidará a participar a unhas 90.000 persoas, e estímase que a mostra final estará composta por un mínimo de 60.000. A participación é voluntaria e tanto o ministerio como o ISCIII animan á participación, xa que os resultados serán de moita utilidade para a toma de decisións de saúde pública.
Raquel Yotti, directora do ISCIII, compareceu este luns xunto a Fernando Simón, director do Centro de Alertas e Emerxencias do Ministerio de Sanidade (CCAES), para explicar o comezo e desenvolvemento do estudo.
O estudo prestará atención aos posibles contaxios que se producen nos fogares
Como é o estudo?
O deseño do ENE-COVID, cuxa coordinación científica leva a cabo o Centro Nacional de Epidemiología do ISCIII, contempla o estudo de todas as persoas que conviven nun mesmo domicilio, xa que isto facilita a representatividade da mostra, e ademais, pode permitir diferenciar entre as novas infeccións que se producen por transmisión comunitaria e as que se poidan estar a producir dentro dos fogares.
Así preténdese avaliar de forma dinámica a evolución da epidemia, para o que se realizarán varias visitas aos participantes para determinar se desenvolven anticorpos ao longo do período de estudo. A mostraxe realizada proporciona unha mostra representativa a nivel provincial, autonómico e nacional. O tamaño por provincia varía entre 900 persoas nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla e 6.000 persoas en Madrid. Presérvase a proporcionalidade poboacional interprovincial para alcanzar unha maior eficiencia nas estimacións tanto autonómicas como nacionais.
Dúas probas e un cuestionario
Os participantes no estudo responderán a un breve cuestionario e realizaranse probas serolóxicas para determinar se teñen anticorpos fronte ao virus. En primeiro lugar, faráselles un test rápido de determinación de anticorpos en sangue por inmunocromatografía, que proporciona información para saber se a persoa estivo infectada. Esta proba realizarase no propio fogar ou nun centro de saúde, en función da evolución da epidemia e das circunstancias de cada familia.
Estímase que a sensibilidade desta proba, que só require dunha picada no dedo, estímase que é superior ao 80%, pero esta información relativa á súa precisión diagnóstica obtívose en grupos moi concretos de pacientes e descoñécese se pode extrapolarse ao conxunto da poboación.
Para asegurar a fiabilidade dos resultados e aplicar o máximo rigor metodolóxico, considerouse moi recomendable obter unha mostra de soro en todos os pacientes que dean o seu consentimento. Estas mostras obteranse coa mesma técnica que se utiliza rutinariamente para facer analíticas de sangue (unha picada no brazo), e analizaranse utilizando unha técnica serolóxica máis sofisticada e máis precisa que os tests rápidos.
As análises serán coordinadas polo Centro Nacional de Microbiología e contarase coa colaboración de múltiples hospitais en todo o país. Grazas a estas dúas probas, que combinan diferentes niveis de precisión, obterase unha estimación poboacional da presenza de anticorpos do virus.
Xunto a estes dous estudos serolóxicos, os participantes no estudo responderán diferentes preguntas sobre síntomas e posibles fontes de infección, mediante un cuestionario epidemiolóxico que se recollerá a través dunha aplicación web para facilitar unha obtención rápida da información.
Información aos participantes
Os fogares foron seleccionados ao azar. Cada un deles recibirá unha chamada telefónica para informar os seus residentes sobre os obxectivos do estudo ENE-COVID, solicitar o seu consentimento e concertar a visita domiciliaria, ou a cita no centro de saúde. A participación no estudo é voluntaria, pero considérase importante a colaboración de todas as persoas seleccionadas para que a información do estudo sexa unha foto real da situación. De cada participante obterase a información necesaria para coñecer a existencia dun diagnóstico previo da Covid-19, a presenza ou antecedentes de síntomas compatibles con esta enfermidade e os principais factores de risco coñecidos.
Está a coidarse especialmente a información ofrecida aos participantes, especialmente no referente á interpretación dos resultados dos tests. Entre outras medidas, poñerase ao dispor dos participantes unha liña de atención telefónica para resolver dúbidas, e contarase cun documento de consentimento informado para cada membro do fogar, incluíndo un orientado a menores, para que comprendan en que consiste a súa participación.
Ademais, estableceuse un programa de formación coordinado pola Escola Nacional de Sanidade do ISCIII para o persoal sanitario que realizará o estudo, e elaborouse cun protocolo específico de bioseguridade para protexer a saúde do persoal que realizará o traballo de campo e das persoas participantes.