O Goberno español prepara un estudo de inmunidade con máis de 4.000 probas en Galicia

O Centro Nacional de Epidemioloxía propón a realización dun estudo de seroprevalencia para orientar as futuras medidas fronte ao coronavirus

O Centro Nacional de Epidemioloxía, dependente do Instituto de Salud Carlos III, está xa a traballar nun amplo estudo sero-epidemiolóxico que botará luz sobre a prevalencia aproximada do coronavirus na poboación española, segundo avanzou na noite do luns a Cadena Ser, que tivo acceso ao documento no que se expón unha proposta de deseño do estudo. Este tipo de investigacións, unha idea que xa avanzaron numerosos expertos nas últimas semanas, e que tamén se está a preparar en países como Alemaña, prevé realizar probas a unha cohorte dun mínimo de 62.400 persoas, unhas 4.100 delas en Galicia.

A proba a gran escala para calcular a inmunidade da poboación marcarán, segundo expón o documento, as medidas de saúde pública que se tomarán no futuro fronte á epidemia. A proposta non descarta medidas graduais e diferenciadas en cada comunidade autónoma, tendo en conta, como expón o documento, que “a difusión do virus non foi homoxénea na xeografía española” e que, por tanto, pode influír na “suceptibilidade” da poboación “fronte á posible reexpansión da enfermidade“.

Publicidade

O documento abre a porta a medidas distintas en cada rexión ao constatar que a difusión do virus non está sendo homoxénea

Outro dos puntos clave para afrontar a epidemia, segundo explica o estudo, é que a necesidade de “monitorar a difusión da enfermidade, o que fai que unha foto fixa da situación sexa insuficiente e que sexa imprescindible un modelo dinámico de monitoraxe da infección”. O documento recoñece que as medidas iniciais, baseadas na información preliminar da OMS, “fosen menos eficaces do esperado ao estar baseadas en presupostos que se están mostrando insuficientes para entender a dinámica da epidemia”.

Así, tal e como veñen constatando os estudos que se van coñecendo ao respecto, “todos os casos –leves e graves- e, posiblemente, os casos asintomáticos contribúen á difusión da enfermidade”. Doutra banda, expón o texto, “nesta fase de confinamento na que estamos é moi relevante, ademais, tentar diferenciar entre as novas infeccións que se producen por transmisión comunitaria e as que é posible que se estean producindo dentro dos fogares, xa que as medidas de control para un e outro caso non son as mesmas”.

Publicidade

Na cohorte, dun mínimo de 62.400 persoas en 30.000 fogares, asígnanse distintas mostraxes a cada unha das provincias de España. Partindo dunha asignación mínima uniforme de 600 persoas, engádese un tamaño variable en función da poboación. Así, o mínimo en Galicia serían 4.100 persoas, que se repartirían en 1.200 na Coruña e Pontevedra e 800 en Lugo e Ourense.

Está previsto, segundo se pode ler no documento, unha proba rápida a todos os membros da familia, e se dan negativo unha PCR. O sistema repetirase aos 21 días. A mostraxe realizarase en colaboración co INE para a selección dos fogares que non tiveron acceso ao test diagnóstico, e que, de acordo cos datos dispoñibles polo ministerio poderían supoñer en realidade máis do 80% dos afectados.

O método

Segundo indica o documento, para recrutar a metade da mostra (uns 15.000 fogares) nunha semana laborable de 7 días farían falta ao redor de 500 equipos exclusivamente dedicados a esta tarefa. Está previsto, por tanto, o recrutamento da mostraxe en dúas semanas, o que proporciona “dúas fotos fixas iniciais independentes” que non se contaminaran pola propia existencia do estudo, e que permita ter unha semana entre medias para recoller e analizar a información, realizar probas pendentes, resolver problemas e organizar a seguinte rolda de mostraxes.

A participación na mostra é voluntaria, pero di o documento que “o grao de alarma e a incerteza sobre a enfermidade fan prever unha altísima taxa de colaboración“. O cuestionario epidemiolóxico pode recollerse tamén a través dunha aplicación web en tablets que as persoas poidan encher rapidamente.

O estudo aínda debe ser valorado polo comité de ética do ISCIII. A participación no mesmo será voluntaria e contará cun documento de consentimento informado de cada membro do fogar, incluíndo un consentimento adaptado para menores, co fin de que comprendan o estudo, e un para os pais ou titulares da patria potestade de menores ou persoas incapacitadas.


Podes consultar a proposta do estudo neste arquivo en PDF.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como se detecta o hantavirus: así funcionan as probas de laboratorio mediante PCR

As autoridades estadounidenses notifican un “positivo leve” nun dos repatriados, aínda que Sanidade sostén que non presenta sintomatoloxía concluínte

Que é a variante Frankestein? Síntomas e cando chegará a Galicia

"Non é unha ameaza", asegura a inmunóloga África González, que considera que o nome non está vinculado coa aparición de casos máis graves

A covid pode provocar placas semellantes ás do alzhéimer nos ollos

Os estudos relacionan a néboa mental tras o coronavirus e a acumulación de beta amiloides no sistema nervioso central

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega