Sábado 7 Decembro 2024

Alemaña prepara un estudo a gran escala para coñecer a inmunidade da poboación

Os expertos en epidemioloxía que asesoran ao goberno traballan nunha mostraxe a 100.000 persoas para axudar na toma de decisións a medio e longo prazo

En plena pandemia do coronavirus SARS-CoV-2, moitos ollos miran cara a 102 anos atrás, cando a gripe de 1918 deixou millóns de mortos por todo o planeta. Un dos detalles nos que inciden os científicos ao falar daquela epidemia é que a primeira oleada (a da primavera de 1918) non foi a máis letal, senón que a mortalidade se disparou despois no verán, coa chegada do outono, na segunda vaga de contaxios. Nestes días, alén da urxencia de atender a crise sanitaria e social provocada pola epidemia, as autoridades deben pensar tamén a medio e longo prazo para ver que decisións se tomarán nos vindeiros meses. A medida que se vai coñecendo que unha importante porcentaxe das persoas expostas ao coronavirus están asintomáticas, ou cun cadro leve, e que as cifras oficiais son notablemente menores cás reais, comezan a deseñarse futuras estratexias para a seguinte fase da epidemia. Neste aspecto, coñecer canta poboación desenvolveu anticorpos e, por tanto, inmunidade fronte ao virus, podería axudar a deseñar as estratexias a seguir nos vindeiros meses coa progresiva volta á ‘normalidade’.

Un dos países que anunciou a vontade de desenvolver estas investigacións é Alemaña. O centro Helmhotz para a investigación de infeccións informou esta semana que está a preparar un estudo no que se analizarán a máis de 100.000 persoas ao longo dos vindeiros meses para saber se estiveron, ou non, expostas ao virus.

Publicidade

Cando o SARS-CoV-2, como outros virus, entra no organismo dunha persoa, esta desenvolve anticorpos que, como acontece coa gripe, reforzan a resposta de inmunidade do organismo cando aparecen posteriores contaxios. Con esta premisa, tal e como explica ao xornal Der Spiegel o profesor Gérard Krause, director do departamento de Epidemioloxía do centro Helmhotz, “as persoas con inmunidade poderían recibir algo así como un certificado de vacinación, o que lles permitiría estar exentos das restricións ás súas actividades, por exemplo”. Con todo, o centro aclara que en principio a participación non será voluntaria, xa que  “debe garantirse a representatividade dos estudos” para obter unha imaxe máis fiel posible á do conxunto da poboación.

Os científicos expoñen a posibilidade de dar un “carné de vacinación” a quen desenvolvera anticorpos contra o virus

Segundo recolle Deustche Welle, o lanzamento do estudo aínda non está aprobado, pero agárdase que nas vindeiras semanas se dean novos pasos e que a finais de abril estean dispoñibles os primeiros resultados, tal e como informou o director do Instituto de Viroloxía da clínica universitaria Charité, en Berlín, Christian Drosten, un dos asesores do goberno alemán, nunha comparecencia que tivo lugar o pasado xoves, .

Publicidade

Aínda que os esforzos actuais das autoridades se centran en detectar o maior número posible de casos de coronavirus e atender aos pacientes máis graves, a comunidade científica tamén insiste na necesidade de dedicar recursos a coñecer o grao de inmunidade da poboación á doenza. Neste sentido, algúns expertos consultados por GCiencia nas últimas semanas apuntaban a que se o número de contaxios é moito maior do que expoñen as cifras oficiais, e por tanto, hai unha porcentaxe importante de persoas asintomáticas ou con síntomas leves, podería tratarse dunha boa noticia na medida da que a cifra de casos graves e críticos da doenza nas seguintes oleadas poida ser menor.

Así o manifestou o científico Luis Enjuanes, do CSIC, nunha entrevista que concedeu a mediados de marzo á Agencia Sinc. Enjuanes lembraba que “na actualidade, coñecemos sete coronavirus humanos e catro deles están atenuados, que son os que nos infectan a case todas as persoas. Os coronavirus activos humanos xa están todos moi atenuados e apenas causan un arrefriado común de inverno. Eu espero que con este pase o mesmo. Se o virus se atenúa, se disemina con moita facilidade e pode ter logo voltas cada inverno, como fai o virus da gripe, que é estacional”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago acha un mecanismo para loitar contra as doenzas autoinmunes

Investigadores do CiMUS participan nun estudo liderado dende Australia que descobre tres novas proteínas que regulan a resposta inmunitaria

Que debes facer para mellorar a túa saúde? Fácil: o que che dea a gana

A epidemioloxía non busca coartar a liberdade, senón todo o contrario: axudar a tomar decisións con pleno coñecemento das súas consecuencias

Un físico galego recrea as condicións das estrelas dende un laboratorio en Alemaña

Alejandro Laso emprega fontes de raios X para capturar o comportamento dos materiais a unha escala microscópica

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago