Residencia de Domusvi en Barreiro, Vigo.

Domusvi Vigo, zona cero: máis da metade de residentes contaxiados

As residencias de maiores de Galicia xa teñen o 10% de todos os positivos do país, pero faltan centos de probas por realizar

As infeccións por coronavirus nas residencias de maiores en Galicia avanzan a alto ritmo entre os residentes e os traballadores. Se o sábado había 190 usuarios afectados, este domingo ás 15.00 horas a cifra elévase a 211. E dos 55 traballadores contabilizados o sábado, pasan a 64 este domingo. Pero as cifras non son reais. Porque aínda están sen facer os tests do SARS-Cov-2 a boa parte dos residentes, para os que non se coñece o resultado.

O caso paradigmático é a residencia Domusvi de Barreiro, en Vigo, que na noite do venres tiña confirmados 39 casos entre os seus 150 residentes. Pero este domingo a cifra está xa en 74 casos, a metade das persoas ingresadas no centro. Entre os traballadores, o venres eran 7 os contaxiados, pero este domingo ás 15.00 horas xa son 11, segundo confirmou a GCiencia a Consellería de Política Social.

O problema é aínda máis grave na Domusvi de Vigo porque están sen facer moitas probas. O centro acumula xa un retraso de 10 días en dar os resultados a moitos dos seus residentes. “Chamáronnos o venres 20 de marzo dicindo que lle facían as probas ao meu pai, e que teríamos resultados en 48 horas”, explica unha familiar, “chamamos o domingo, o luns e o martes… o mércores recoñeceron que aínda non lle fixeran as probas“. Finalmente, este residente foi testado o pasado venres, segundo informou a dirección da Domusvi de Vigo (empresa privada que xestiona o servizo con subvencións públicas da Xunta de Galicia).

Galicia rolda as 3.000 persoas afectadas e suma 153 altas

Este domingo aínda son moitos os residentes da Domusvi Barreiro Vigo que non teñen os resultados, polo que a cifra da metade de residentes infectados pode medrar nas vindeiras horas, mentres os familiares esperan noticias. “Como xa non collían o teléfono, crearon un grupo de Whatsapp que nos enviou dúas mensaxes encabezadas por ‘Queridas familias‘, pero o certo é que mentiron: non lle tiñan feito as probas e aínda non teñen eses resultados”, explica outra familiar contactada con GCiencia que pide o anonimato.

De tres contaxiados a residencia Domusvi de Barreiro pasou a 75 en menos de dez días e aínda faltan datos por chegar ás familias.

A residencia xa rexistrou ademais o falecemento dun usuario de 57 anos ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro, segundo fontes oficiais por mor da complicación coa que evolucionaron as súas doenzas previas. DomusVi Barreiro converteuse no centro asistencial de toda Galicia con maior incidencia do coronavirus, xa que os seus 86 casos sitúanlle moi por diante do segundo foco, a residencia San Carlos de Celanova, onde se contabilizan ata o de agora 45 infectados entre os residentes (máis un falecido) e 18 dos traballadores da institución.

En toda Galicia, os maiores que viven en residencias da terceira idade xa son o 10 por cento de todos os positivos por SARS-CoV-2. Aínda que estes datos estan en corentena porque a data deste domingo 29 de marzo están centos de probas sen realizar e sen datos coñecidos. Tampouco polas familias.

Estas son as cifras ofrecidas por Política Social ás 15.00 horas deste domingo:

211 usuarios
4 Res. Concepción Arenal (Coruña)
3 Fogar Res. Bellolar (Coruña), ademais de dúas persoas falecidas
19 Residencia El Portazgo (Coruña), ademais de tres persoas falecidas
1 Residencia Arteixo
1 Fogar Res. Nsa Sra Carme (Fisterra)
1 Res. As Fragas (Pontedeume)
1 Residencia F. José Otero (Santiago)
22 DomusVi San Lázaro (Santiago), ademais de tres persoas falecidas
1 Domusvi Monforte
1 Res. Betania (Viveiro)
13 Ntra Sra de Fátima (Barco de Valdeorras)
2 Res. Castro Caldelas, ademais dunha persoa falecida
45 San Carlos (Celanova), ademais dunha persoa falecida
11 Ntra Sra de La Esperanza, San Rosendo (Ourense)
3 Res. Divino Maestro, San Rosendo (Ourense)
1 Ntra Sra da Asunción (Caldas de Reis)
6 DomusVi Cangas
74 DomusVi Barreiro (Vigo), ademais dunha persoa falecida
1 Residencia Moledo (Vigo)
1 CRAPD Vigo
0 DomusVi Carballo, unha persoa falecida

64 traballadores
1 Fogar Res. Bellolar (Coruña)
6 El Portazgo (A Coruña)
1 Res. Remanso Claudina-Somoza (A Coruña)
1 Nosa Señora do Carme (Fisterra)
1 Res. San Simón (Teo)
11 DomusVi San Lázaro (Santiago)
1 Residencia Maiores de Foz
1 Nosa Señora de Fátima (O Barco)
18 San Carlos (Celanova)
1 Res. San José, Hermanitas (Ourense)
4 Ntra Sra de La Esperanza, San Rosendo (Ourense)
1 Residencia Maiores (A Porqueira)
2 Domusvi Cangas
11 DomusVi Barreiro (Vigo)
1 Residencia El Rocío F. San Rosendo (Vigo)
1 CRAPD de Vigo
2 Residencia Maiores San Pedro (Crecente)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.