Non, a ‘inmunidade colectiva’ non nos vai salvar da Covid-19

Por Gideon Meyerowitz-Katz, epidemiólogo

É difícil predicir cousas nunha pandemia. A situación cambia tanto a diario que todo o que crías saber a semana pasada está mal ao final do día. As cousas están a cambiar tan rápido que mesmo as certezas sólidas das que pensabamos que estabamos seguros (a taxa de reprodución, os síntomas da infección, a clave para facer unha boa corentena) son sospeitosas e deben ser reevaluadas.

Publicidade

Pero entre toda esta incerteza, podo dicir con toda seguridade que hai unha cousa que nunca pensei que tería que escoitar: a discusión sobre a inmunidade colectiva. Era para min tan inesperado que a primeira vez que un xornalista me preguntou se era efectiva para o coronavirus, literalmente rin a gargalladas porque supuxen que estaba a chancear.

E con todo, aquí estamos. Innumerables artigos e artigos de opinión sobre a doenza COVID-19 están a argumentar que, aínda que sexa potencialmente arriscado, lograr a inmunidade colectiva podería ser unha resposta á nosa crise. Moitos destes artigos e opinións en redes enmarcan a inmunidade do rabaño como unha estratexia preventiva que pode deter o maremoto da enfermidade.

Publicidade

Todo isto é simplemente unha parvada. A inmunidade colectiva sen unha vacina non é, por definición, unha medida preventiva.

Déixenme explicalo.

A inmunidade de rabaño é un concepto epidemiolóxico que describe o estado no que unha poboación, xeralmente de persoas, é dabondo inmune a unha enfermidade de xeito que a infección non se propagará dentro dese grupo. Noutras palabras, suficientes persoas non poden contraer a enfermidade, xa sexa a través da vacinación ou por unha inmunidade natural, e así protexen ás persoas vulnerables .

Por exemplo, pensemos na parotidite epidémica (paperas, en castelán, hoxe incluída na vacina triple vírica SPR). Falamos dunha enfermidade moi infecciosa que, aínda que é relativamente benigna, é moi incómoda e ás veces causa complicacións para toda a vida. Pero se pode previr cunha vacina altamente efectiva que fixo que a enfermidade sexa incriblemente rara na era moderna.

Por que moitos pacientes curan e os anciáns, especialmente, non?

As ‘paperas’ teñen unha taxa reprodutiva básica (R0) de 10-12 , o que significa que nunha poboación que é completamente susceptible (ninguén é inmune ao virus), cada persoa infectada transmitirá a enfermidade a 10-12 persoas.

Isto significa que sen a vacinación, aproximadamente o 95 por cento da poboación se infectaría co paso do tempo. Pero mesmo con algo que é tan infeccioso, aínda hai algunhas persoas, o 5 por cento da poboación, que non enferman, porque unha vez que todos os demais son inmunes, non hai ninguén de quen contraer a enfermidade.

Podemos aumentar ese número ao vacinar, porque a vacina fai que as persoas sexan inmunes á infección, pero tamén evita que as persoas infectadas transmitan a enfermidade a moitas outras persoas. Se podemos lograr que suficientes persoas sexan inmunes á enfermidade, entón deixará de propagarse na poboación.

E iso é inmunidade colectiva, en poucas palabras.

Para a parotidite necesita que o 92 por cento da poboación sexa inmune á enfermidade para que se deteña por completo. Isto é o que se coñece como o limiar de inmunidade do rabaño.

Alemaña prepara un estudo a gran escala para coñecer a inmunidade da poboación

A doenza COVID-19 é, afortunadamente, moito menos contaxiosa que as ‘paperas’, cun R0 estimado de aproximadamente de 3. Con este número, a proporción de persoas que necesitan ser infectadas é menor pero aínda alta, representando arredor do 70 por cento de toda a poboación. O que nos leva a saber por que a inmunidade do rabaño nunca podería ser unha medida preventiva.

Se o 70 por cento da poboación está infectada cunha enfermidade, por definición non temos unha prevención. Como pode ser? Pois tan sinxelo como que iso significa que a maioría das persoas no teu país están enfermas! E a parvada esperanzadora de que podes alcanzar ese 70 por cento simplemente infectando aos mozos é simplemente absurda. Se só os mozos son inmunes, terías grupos de persoas maiores sen ningunha inmunidade, o que fai que sexa incriblemente arriscado para calquera persoa maior de certa idade saír da súa casa para que non se infecten. E isto para sempre, non nunha franxa temporal: para toda a vida desas persoas.

Tamén paga a pena pensar nas repercusións deste escenario desastroso: as mellores estimacións sitúan a taxa de mortalidade por infección do SARS-CoV-2 en torno ao 0,5-1 por cento. Se o 70 por cento dunha poboación enteira enferma, iso significa que entre o 0,35 e o 0,7 por cento de todos nun país poderían morrer, o cal é un resultado catastrófico. Ademais, habería unha enorme cantidade de persoas moi enfermas, o que tamén ten enormes implicacións para un país e os seus servizos sanitarios.

O triste feito é que a inmunidade colectiva non é unha solución aos nosos problemas de pandemia. Si, pode suceder eventualmente de todos os xeitos, pero esperar que nos salve a todos non é realista. O momento de discutir a inmunidade do rabaño é cando temos unha vacina desenvolvida (e nin sequera un segundo antes), porque nese momento poderemos deter realmente a epidemia.

Ata que teñamos unha vacina, calquera que estea a falar da inmunidade colectiva como unha estratexia preventiva para COVID-19 simplemente está trabucado. Afortunadamente, hai outras formas de previr a propagación de infeccións, que se restrinxen a evitar ás persoas enfermas.

Así que quede na casa, mantéñase seguro e practique o afastamento físico tanto como sexa posible.

Gideon Meyerowitz-Katz é epidemiólogo que traballa en enfermidades crónicas en Sydney, Australia. GCiencia traduce e publica este artigo polo seu especial interese

1 comentario

  1. Discrepo co artigo…, penso que a inmunidade colectiva é a única solución para ista pandemia…, e efectivamente, se pode chegar a ela por dous camiños…, un, polo que apostan as políticas actuais, cando chegue a vacina…, e outro, co contaxio de 2/3 da poboación!…
    Imos ver, co método actual, temos que manter o confinamento, (e sen relaxación), ate que haxa unha vacina e así creemos a “inmunidade colectiva” pola vía da vacinación, ou ate que haxa un tratamento efectivo que garanta que é unha doenza leve para todos, (vellos e inmunodeprimidos incluídos)…
    Nembargantes o artigo non considera que polas especiais características diste virus, si é posible acadar unha inmunidade de grupo sen ter ise índice de letalidade…, para os menores de 60 anos a doenza en xeral é leve e a letalidade é moi baixa, (díspárase a gravedade e a letalidade a partires dise edade e sobre todo a partires dos 70 e dos 80), ben, pois confinando e protexendo so a poboación de risco e permitindo ou favorecendo o contaxio de nenos e xoves e tamén de adultos sans, ao mellor si se consigue inmunizar en poucos meses a 2/3 da poboación…, cando se conquira iso, podería relaxarse xa o confinamento dos maiores con un risco pequeno ou moderado de contaxio e de 2ª ondada…, (no artigo explica como é o mecanismo), se non se fai iso, non se pode relaxar o confinamento ate que chegue a vacina, (se chega, a do VIH ainda non chegou!), pois a mais mínima relaxación, dispararíase de novo a letalidade…
    Estamos dispostos a seguir confinados ate que chegue a vacina?…, (se chega!), aos rapaces non poder sair, perder outro curso, perder un ano das nosas vidas e dos nosos proxectos?…
    Estou convencido de que equivocamos a estratexia, o correcto era a de buscar a inmunidade colectiva, claro que iso non podía ser co método que decían Boris Johnson ou Trump, sacrificando 200.000 vidas, iso hai que facelo con unha previa enxeñeiría social e moita concienciación para permitir illar a case 1/3 da poboación, (os vellos, os inmunodeprimidos e todo o persoal profesional de coidados), e que teñen que rachar todo contacto físico co resto da poboación por uns meses para que quede blindada do contaxio colectivo…, e ao tempo, o resto ten que aceptar o risco dun contaxio voluntario, que se ben para a maioría será asintomático ou moi benigno, si ten un pequeno risco dalgúns casos mais graves e incluso algunha morte…
    Pero creo que ao final ise vai ser o único camiño, iso, ou o risco de 2ª ou 3ª ondadas con novos picos de letalidade…, ou claro, o miragre da vacina inmediata ou tratamento moi eficaz inmediato!, (pero eu son escéptico en que iso sexa moi axiña!)…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Como se detecta o hantavirus: así funcionan as probas de laboratorio mediante PCR

As autoridades estadounidenses notifican un “positivo leve” nun dos repatriados, aínda que Sanidade sostén que non presenta sintomatoloxía concluínte

O epidemiólogo Juan Gestal: “Non vai ser a próxima pandemia”

O experto explica que o perigo para a poboación global é baixo e que a resposta das autoridades debe centrarse na investigación da orixe do gromo

Badiola: “Hai unha probabilidade moi alta de que a nova gran pandemia teña orixe animal”

O doutor especialista en sanidade animal, sobre a gripe aviaria: “O risco para a cidadanía é extremadamente baixo, pero non completamente inexistente”