Venres 26 Abril 2024

Tratamento con plasma: unha esperanza para os casos graves de Covid-19

Hospitais de varios países apostan polo uso de plasma de pacientes curados de SARS-CoV-2 para salvar os casos críticos da doenza

Á espera da desexada vacina fronte ao SARS-CoV-2, que non chegará para este brote, diversas liñas de investigación están en marcha en todo o mundo para poñer freo á infección que causa o virus, e que nalgúns casos acaba sendo mortal para os pacientes. O tratamento con fármacos usados contra a malaria ou o mieloma (un deles de Pharmamar), ou os ensaios con plasma de persoas xa curadas son algunhas das apostas esperanzadoras coas que a ciencia está a traballar. O experto de urxencias sanitarias da Organización Mundial da Saúde (OMS), o Dr. Mike Ryan, xa apuntou que o uso de plasma convalecente sería un tratamento “moi válido” para probar, pero que era importante conseguir o momento adecuado para maximizar o impulso á inmunidade dun paciente.

“Os anticorpos neutralizantes do plasma obtidos de doantes de sangue recuperados da Covid-19 parecen ser un dos tratamentos máis esperanzadores para os enfermos máis graves”, explica a científica galega Sonia Villapol, investigadora no laboratorio do Hospital Metodista de Houston (Estados Unidos). Este hospital, segundo explica a científica, foi o primeiro do país en probar a terapia nun paciente afectado polo novo coronavirus.

Publicidade

A pasada semana, unha comunicación publicada pola revista JAMA o venres 27 expuxo resultados moi alentadores para o coronavirus con esta técnica, cuxa eficacia demostrouse noutras doenzas infecciosas como a rabia e a difteria. A investigación realizouse no departamento de enfermidades infecciosas dun centro chinés da cidade de Shenzen do 20 de xaneiro de 2020 ao 25 ​​de marzo de 2020. “Nun pequeno grupo de pacientes enfermos críticos, usouse unha combinación de antivirais cunha transfusión de plasma convalecente que se obtivo de cinco pacientes que se recuperaron do COVID-19”, explica Villapol.

A investigación publicada en JAMA expón que o plasma mellorou a situación das persoas tratadas con el

O plasma convalecente foi administrado entre 10 e 22 días despois do ingreso, e os pacientes con COVID-19 que permaneceron baixo ventilación asistida foron tratados con plasma convalecente que incluíu o anticorpo para SARS-CoV-2 de doadores de sangue saudables que previamente sufriran a Covid-19. Comparáronse os resultados clínicos antes e despois da transfusión de plasma convalecente, e viuse que “os sistemas críticos do paciente (respiratorio, cardiovascular, hepático, coagulación, renal e neurolóxico) foron restablecidos e os parámetros da síndrome de respiratoria aguda desapareceran”.

Ademais, as cargas virais tamén diminuíron e convertéronse en negativas aos 12 días da transfusión. Dos 5 pacientes, 3 foron dados de alta do hospital (duración da estadía: 53, 51 e 55 días), e 2 están en estado estable 37 días despois da transfusión. Aínda que se trata de datos preliminares de só 5 pacientes enfermos críticos con COVID-19, “a administración de anticorpos neutralizantes que conteñen plasma convalecente foi seguida por primeira vez por unha mellora do seu estado clínico”, salienta a científica galega. O tamaño limitado da mostra e o deseño do estudo impiden unha declaración definitiva sobre a eficacia potencial deste tratamento e estas observacións requiren unha avaliación nos ensaios clínicos.

Ensaios en España

A terapia con plasma, un método que se usa na medicina desde antes da aparición das vacinas modernas, é un dos camiños polos que tamén apostará o Ministerio de Ciencia e Innovación no fondo Covid-19 para lanzar os primeiros ensaios fronte á enfermidade.

O ensaio sobre o plasma convalecente está liderado polo Instituto de Investigación Sanitaria Porta de Hierro de Majadahonda, en Madrid, e contará coa participación de polo menos outros sete hospitais españois. Avaliará a eficacia e a seguridade do uso do plasma hiperinmune de pacientes curados tras infección por SARS- CoV-2 para tratar novos casos que cursen con pneumonía que require de hospitalización.

Esta aposta, baseada no gran volume de doazóns que situou a España como referencia mundial neste ámbito, analizará o plasma de pacientes que xeraron os seus propios anticorpos contra a COVID-19 tras superar a enfermidade.

O estudo establecerá procedementos para a extensión desta posible alternativa terapéutica nos hospitais do Sistema Nacional de Saúde, establecendo unha guía rápida de uso baseada nos resultados da investigación.

“Xa sabemos que hai máis de 70 fármacos que se están a probar a diferentes niveis experimentais e en ensaios clínicos con pacientes coa Covid-19″, expón Sonia Villapol, pero “ningún deles demostrou unha eficacia significativa, e non axudou ós enfermos en estado crítico; moitos dos resultados con antivirais son prometedores, reducen o tempo de hospitalización e os danos nos órganos causados ​​polo coronavirus 2 con síndrome respiratorio agudo grave (SARS-CoV-2) en pacientes, pero o maior problema ata o de agora foi a falta de éxito no tratamento dos enfermos máis graves, os que están en estado crítico na UCI”.


ReferenciaTreatment of 5 Critically Ill Patients With COVID-19 With Convalescent Plasma (Publicado en JAMA).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica