Os fármacos contra a malaria, a nova baza contra a Covid-19

Científicos cataláns están comezando ensaios clínicos con fármacos derivados da cloroquina, un antipalúdico actualmente en desuso

Frotis sanguíneo de
Frotis sanguíneo de "Plasmodium falciparum", protozoo causante da malaria. Fonte: Center for Disease Control.

*Un artigo de 

A malaria é unha das enfermidades máis antigas da humanidade: afecta a preto do 40% da poboación en países en vías de desenvolvemento e mata cada ano a preto de 500.000 persoas, a maioría nenos.

O parasito responsable é un protozoo do xénero Plasmodium. Os protozoos necesitan explotar os recursos dun hóspede ao que causan dano para completar o seu ciclo de vida pero, a diferenza de virus como o responsable da Covid-19, son células complexas con núcleo e capacidade autoreplicativa. Con todo, estes dous microorganismos teñen algo máis en común.

Un estudo recente indica que un receptor celular denominado CD147 (Basixina) e que lle permite a Plasmodium invadir as células sanguíneas humanas tamén sería unha vía de entrada ás células para o SARS-CoV-2. Trátase dun traballo non publicado que levaron a cabo investigadores chineses, aínda pendente de revisión.

Nos últimos anos desenvolvéronse pequenas moléculas e anticorpos monoclonais para bloquear a invasión que se poderían aplicar aquí, aínda que a súa eficacia contra este virus e a súa especificidade aínda non está demostrada.

A cloroquina, un medicamento contra a malaria

A cloroquina –e o seu derivado a hidroxicloroquina– é un fármaco antipalúdico que se utilizou de forma efectiva na prevención e o tratamento da malaria desde que comezara a comercializarse en 1945. Actualmente está en desuso e a OMS recomenda os derivados da artemisina.

Debido a que a cloroquina é un fármaco moi barato, accesible e moi efectivo, o seu uso prolongado e masivo en moitos países do mundo conduciu á aparición de cepas do parasito resistentes. Só se considera aínda efectiva nalgúns países de América Central e o Caribe.

A cloroquina é un fármaco en desuso que podería aproveitarse contra a nova doenza

Como derrota a cloriquina ao parasito? Cando o Plasmodium se atopa no interior dos glóbulos vermellos degrada a hemoglobina para adquirir os aminoácidos esenciais. Durante este proceso, libérase unha molécula tóxica e soluble chamada heme, que o parasito é capaz de metabolizar. O fármaco inhibe a formación de hemozoína (Hz) a partir do heme, de maneira que este acumúlase e, ao ser tóxico, racha as membranas celulares e conduce á morte do parasito.

Nos últimos anos tamén se utilizou este fármaco en enfermidades autoinmunes como a artrite reumatoide pola súa acción innmunomoduladora. Neste caso o modo de acción sería diferente: a hidroxicloroquina aumenta o pH lisosómico nas células inmunitarias presentadoras de antíxenos, inhibe a proliferación de linfocitos e tamén actúa bloqueando os receptores de entrada nas células dendríticas.

Resultados preliminares pero prometedores

Por mor da emerxencia e expansión de virus SARS-Cov-2 en China e Corea do Sur, son varios os estudos que propoñen a hidroxicloroquina como tratamento terapéutico antiviral eficaz contra o COVID-19. Existen máis de 23 ensaios clínicos só en China, e xa se están facendo públicos algúns resultados.

En China, o seu uso en forma de comprimidos está a amosar resultados favorables nos humanos infectados co coronavirus. Isto inclúe un tempo de recuperación máis rápido e unha estancia hospitalaria máis curta. Investigacións previas no Center for Disease Control (CDC) de Estados Unidos apuntan a que a cloroquina tería un gran potencial como medida preventiva contra o coronavirus no laboratorio.

Parece que este fármaco inhibiría a vía de entrada do virus á célula e tamén actúa contra a súa proliferación unha vez dentro.

Os investigadores españois tamén se puxeron en marcha e hai uns días iniciáronse dous ensaios clínicos, un deles no Hospital Germans Trias i Pujol de Badalona (Barcelona), que utiliza a hidroxicloroquina para acurtar o tempo en que un positivo infecta e así frear os contagios dunha forma sinxela e alcanzable.

Aínda non se sabe o mecanismo de acción da cloroquina e a hidroxicloroquina sobre o SARS- Cov-2, aínda que parece relacionado co seu efecto inmunomodulador. Segundo os poucos estudos existentes, a cloroquina bloquearía a infección por virus ao aumentar o pH endosómico necesario para a fusión entre virus e células, ademais de interferir na glicosilación dos receptores celulares do SARS-CoV-2. Isto mostrouse en células en condicións in vitro utilizando un illado clínico do virus, e son aínda preliminares. Os resultados dos ensaios clínicos verémolos, seguramente, nas próximas semanas.

A solución á crise actual pode estar no que xa levamos aprendido. Na ciencia básica e o coñecemento acumulado noutros patóxenos, como o da malaria, pode estar a clave contra esta e futuras pandemias. Por iso é tan importante investir en I+D+i e mirar alén das nosas fronteiras, onde as epidemias aínda son o pan de cada día.


* Elena Gómez Díaz é investigadora Ramón y Cajal e líder do grupo de investigación de epixenómica en malaria no Instituto de Parasitología y Biomedicina López-Neyra (IPBLN-CSIC).

Cláusula de Divulgación: Recibiu fondos para a investigación en malaria do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Fundación BBVA. É membro de Ciencia con Futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.