A emerxencia sanitaria declarada pola expansión da Covid-19 cambiou a nosa forma de vida e a nosa rutina diaria da noite para a mañá. O máis salientable é que, debido ao estado de alarma, temos que quedarnos na casa o maior tempo posible.
A actividade educativa nas escolas paralizouse. Agora nenos e nenas pasan en casa todo o día, a pesar de que moitas familias teñen que seguir saíndo de casa para traballar, ou ben tentan compaxinar o coidado do fogar co teletraballo. Diante desta situación anómala e difícil, o mellor é quedarnos coa parte positiva: dispoñemos dun tempo moi valioso para estar cos nosos fillos e fillas.
Ao longo do día, e en colaboración cos mestres e mestras dos nosos fillos e fillas, podemos brindarlles incontables oportunidades de aprendizaxe, tanto formais como informais. A continuación, propoñemos algúns consellos para organizar a rutina en casa e sacarlle partido educativo á situación na que nos atopamos a través da aprendizaxe, o lecer e a actividade física:
- Limitar o tempo que os nenos e as nenas pasan fronte ás pantallas (televisión, tabletas, portátiles, móbiles). A pesar de que é un recurso que gusta moito aos nenos e as nenas, debemos ser conscientes de que existen moitas outras actividades que se poden realizar ao longo do día. Propoñemos pactar un límite de tempo de uso, similar ao que poden ter na fin de semana.
- Investigar e utilizar aplicacións móbiles e sitios web que teñan valor educativo. Algúns exemplos son: Google Earth, Google Sky, visitas virtuais a museos, etc. Existen tamén sitios web que recompilan contos e xogos interactivos, moitos deles en sitios oficiais.
- Poñernos en contacto, aproveitando os medios tecnolóxicos, con familiares, con amigos e amigas do colexio. E, se fose posible, tamén co mestre/a-titor/a. En situacións de illamento, resulta especialmente importante buscar ocasións para coidar os vínculos afectivos e socializar.
- Compartir tempo en familia. Poden lembrarse momentos vividos coa visualización de fotos e vídeos familiares, así como a creación de álbums dixitais. Tamén é interesante coñecer e compartir obxectos do pasado de carácter xeral (antigüidades, obxectos, moedas, selos, etc.). Así mesmo, poden desenvolverse actividades vinculadas ao medio natural desde casa, como observar aves e paxaros desde a xanela ou a terraza se existe a posibilidade.
- Participar nas tarefas do fogar, responsabilizándose sobre todo dos espazos persoais (a súa habitación, os seus xoguetes, a súa roupa, etc.). É especialmente motivante para os nenos e as nenas colaborar na cociña, investigando novas receitas ou limpando os utensilios empregados.
- Tempo de xogo. Incluíndo xogos de mesa, xogos tradicionais (chapas, vexo vexo, palabras encadeadas, teléfono roto, etc.), xogos de construción, xogos de pistas escondidas por casa, quebracabezas, xogar ás escondidas, etc. Tamén é un momento idóneo para sacar eses agasallos aos que se lle dedicou pouco tempo.
- Sesións deportivas en familia. É moi importante para os nenos e as nenas dedicar un tempo ao día para facer exercicio, sobre todo nunha situación que convida o sedentarismo. Existen multitude de vídeos e propostas divertidas para moverse en casa, sen necesidade de grandes espazos.
- Facer manualidades, e outro tipo de actividades que fomenten a aprendizaxe a través da acción: papiroflexia, debuxos con distintas técnicas, modelado con plastilina ou arxila, confeccionar pulseiras con abelorios, etc.
- Ler libros. É unha oportunidade perfecta para dedicarnos á lectura de libros e contos infantís que levan demasiado tempo no andel sen que ninguén os mire. Se é posible, recomendamos ler en familia, uns a outros, mesmo teatralizar o contido do conto, ou representalo mediante mímica. Tamén podemos convocar asembleas para reflexionar sobre o contido do conto ou responder a preguntas que nos xurdan despois da súa lectura.
- Escribir un diario. Para continuar co traballo das habilidades lectoescritoras, podemos dedicar un momento antes de ir á cama a recapitular e ser conscientes de todo o realizado durante o día, poñendo especial énfase no positivo, e no que fai que ese día fose diferente do anterior.
- Colaborar con iniciativas sociais. A través dos medios de comunicación e redes sociaispropóñense variadas iniciativas para contribuír a facer máis levadío este tempo de confinamento en casa: cartas a enfermos ou anciáns, debuxos de ánimo, aplausos ao persoal sanitario, etc. É bo que os nenos e as nenas desenvolvan a conciencia colectiva e o sentido de pertenza á súa comunidade.
- Por último, queremos recalcar unha idea que quizais se pasa por alto nestes días: o aburrimento é positivo. Dispoñer de tempo libre, sen dedicalo a ningunha actividade planificada, contribúe ao desenvolvemento da creatividade e a imaxinación dos nenos e as nenas.
En definitiva, este tsunami social que estamos a vivir impacta na infancia. Desde o noso facer como adultos podemos reflectir, a modo de espello, un modelo óptimo para a xestión emocional da incerteza e o medo, de forma que saian fortalecidos e sírvalles para crecer como seres autónomos cada vez máis resilientes.
* O artigo está redactado por Rosario Mérida, Adrián García, Elena González, Julia Rodríguez, María de los Ángeles Olivares e Miguel Muñoz, investigadores do departamento de Educación da Universidade de Córdoba.
Cláusula de divulgación: as persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.














