Xoves 28 Marzo 2024

Un 86% dos primeiros contaxios en Wuhan non chegaron a detectarse

Un artigo publicado na revista "Science" describe a través dun modelo matemático o risco para a propagación das persoas sen síntomas

Wuhan, China, 23 de xaneiro de 2020. O mundo mira con distancia cara a esta cidade, onde as autoridades comezaban a impoñer restricións no transporte por unha enfermidade causada por un novo coronavirus que sumaba 17 mortes e máis de 500 persoas afectadas. Menos de dous meses despois, aquela doenza paraliza media Europa, e a ciencia traballa a toda velocidade para comprender e explicar o que está a acontecer. Este luns revista Science publica un artigo no que, a través dun modelo matemático, estímase nun 86% o número de casos “non documentados” polas autoridades sanitarias ata o 23 de xaneiro, momento no que se comezan a limitar os movementos dos cidadáns de Wuhan.

A investigación, unha máis do inxente esforzo científico que se está a realizar en todo o mundo, ten relevancia porque axuda a explicar un dos puntos críticos da crise: a dificultade de conter a tempo o virus pola capacidade de transmisión a través de persoas sen síntomas, ou con síntomas leves. E por tanto, axuda a comprender a magnitude do problema que en poucas semanas están a vivir países como Italia ou España, e o conseguinte confinamento da poboación.

Publicidade

Os investigadores expoñen que arredor do “86% de todas as infeccións estaban indocumentadas antes das restricións de viaxe do 23 de xaneiro de 2020”. Naquel momento, xa había casos detectados noutras zonas da China, así como Taiwan, Tailandia, Xapón, Corea do Sur ou Estados Unidos. Calculan tamén que “as infeccións non documentadas foron a fonte de contaxio dun 79% dos casos documentados“. É dicir, a xente que manifestaba síntomas e/ou era diagnosticada e sumada á listaxe ‘oficial’ fora contaxiada, en 8 de cada 10 casos, por xente da que non se sabía que portaba o SARS-CoV-2.

Á súa vez, as infeccións non documentadas foron a fonte de contaxio dun 79% dos casos documentados

Os autores do traballo explican por tanto que estas infeccións, con síntomas leves, limitados ou nulos, “non se recoñecen e, dependendo da súa capacidade de contaxio e o seu número, poden expoñer a unha cantidade moito maior da poboación ao virus”.

Os resultados conseguíronse grazas a un modelo baseado na análise de datos de mobilidade de 2018 que achegou a operadora de telecomunicacións Tencent, durante o período Chunyun, unha época de 40 días arredor do Ano Novo lunar que provoca un gran tránsito de persoas na China.

Máis probas, máis casos?

As conclusións ás que chegan os científicos van na liña do que despois aconteceu en Italia e España, e que empeza a albiscarse estes días. É posible que o virus está circulando en maior medida do que se cría debido a estas persoas sen síntomas. “Os nosos achados tamén indican que se precisaría un aumento radical na identificación e illamento das infeccións non documentadas para controlar totalmente o SARS-CoV-2”.

Así, esperan que as medidas de contención decretadas polos gobernos “incrementen as taxas de notificación de casos, reduzan a proporción de infeccións non documentadas e diminúan o crecemento e propagación da infección”.

Con todo, a investigación dá pé tamén a algunhas incógnitas que quedan por resolver. “Aínda que os achados que presentamos indican que as restricións de viaxe e as medidas de contención reduciron considerablemente a transmisión do SARS-CoV-2, non está claro se estes controis son suficientes” para reducir os niveis de contaxio durante o tempo preciso para “eliminar a doenza localmente e previr posibles rebrotes unha vez que as medidas de control se relaxen”.

Ademais, os autores aclaran que os datos son válidos para o caso de Wuhan, non extrapolables a outros. “As cifras poderían cambiar noutros países con diferentes procedementos de control, vixilancia e notificación”, destacan.

Porén, a conclusión está clara: “os achados explican a rápida propagación xeográfica do SARS-CoV-2 e indican que a contención deste virus será particularmente complicada”.


Referencia: Substantial undocumented infection facilitates the rapid dissemination of novel coronavirus (SARS-CoV2) (Publicado en Science).

Máis información:

Enjuanes: “É moi probable que este coronavirus regrese cada inverno”

 

Falece a terceira persoa afectada polo coronavirus en Galicia

Sanidade ofrece un autotest con recomendacións sobre o coronavirus

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade