Venres 29 Marzo 2024

Fernando Vázquez: “Temos que dedicar un anaco cada día a coidar de nós mesmos”

O profesor do Departamento de Psicoloxía Clínica da USC achega recomendacións para afrontar o confinamento e adiantarse aos inconvenientes que ten

O risco para a saúde que moitas persoas terán que afrontar durante a propagación do coronavirus SARS-CoV-2 é a principal preocupación para os profesionais sanitarios nestes días. Porén, de forma indirecta, o confinamento (que todo apunta a que se prolongará máis dos 15 días previstos) pode facer que xurdan outros problemas de saúde, como os mentais, derivados do impacto da crise e a reclusión no fogar. O profesor e investigador Fernando Vázquez González, do departamento de Psicoloxía Clínica da Universidade de Santiago de Compostela, analiza para GCiencia este escenario e achega algunhas ideas e propostas para levar mellor a corentena.

– Como nos afecta algo así?

Publicidade

– É algo moi complexo, e o illamento non reforza precisamente a saúde mental. Na situación que estamos a vivir, ademais, hai outro elemento: o feito de ter que convivir con persoas coas que igual non estamos habituados a compartir espazos, ou que hai tempo que non compartiamos. E logo tamén está o pánico vendo todo o que acontece arredor.

Resulta descoñecido para a gran maioría da xente, tanto para as persoas de ‘a pé’, como para os responsables de tomar as decisións que nos afectarán a todos. Atinar totalmente é moi difícil, porque as cousas van mudando. E ademais vai custar tempo arranxar as consecuencias.

– Que podemos facer para anticiparnos aos problemas que vaian xurdindo?

– Hai que tratar de mitigar os problemas que se derivan do confinamento. As circunstancias persoais varían moito, pero diría que o esencial é que temos que dedicar un anaco cada día a coidar de nós mesmos. Facer algo que en calquera outro momento nos faga sentir ben e pasar un tempo agradable; pode ser tomar un café, escoitar música, ler…

Outro punto importante é manterse ocupado, marcarnos unha pauta de tarefas e obrigacións a cumprir todos os días, buscando elementos de distracción para non pararnos a pensar demasiado nas preocupacións que temos. Podemos chamar a amigos ou á familia, limpar e recoller a casa, redecorala, organizala…O exercicio físico, dentro do posible, tamén axuda porque ten un gran potencial antiestrés, e modula o estado de ánimo.

Tamén hai que saber limitar o uso das tecnoloxías, mantendo os vínculos e o contacto coa nosa xente, pero ao tempo hai que limitar a sobreinformación que nos chega a través dos medios de comunicación. Estamos vivindo unha actualización constante do que está pasando, cunha alarma crecente, e isto hai que racionalo no posible porque nos pode facer dano.

“Igual é o momento de valorar na súa medida as experiencias que compartimos coa xente que queremos”

– Pode haber algo de bo nisto que estamos vivindo?

– Temos que facer o esforzo por buscar o enfoque positivo disto, porque consecuencias negativas xa imos ter moitas, e o problema xa é o suficientemente grave como para sobredimensionalo aínda máis. Hai que buscar o que, de cara ao futuro, poida servir de aprendizaxe, e que incluso axude a mellorarnos como persoas e como sociedade, e a recuperar a importancia que ten o traballo en común. As crises tamén son isto.

Ata hai unha semana viviamos un día a día moi intenso, sen tempo para pararnos a pensar, e de súpeto, para moita xente, todo iso mudou, e batemos de fuciños coa realidade. Igual é o momento de valorar na súa medida a importancia do tempo e as experiencias que compartimos coa xente que queremos e nos quere, a familia, os amigos, os compañeiros do traballo. Darnos conta do gran valor que teñen cousas das que ás veces nos esquecemos. O modelo de vida que temos a veces non dá espazo para isto, e pásase por alto. Agora podemos pensar, e recuperalo.

– E para as persoas con problemas de saúde mental?

Teñen que saber que aínda que o contacto cos profesionais que as atenden non sexa presencial, poden contar nestes días con eles. Que contacten con eles, se o precisan, que non pensen que molestan, non é un bo razoamento pensar que xa falarán cando a cousa se calme. Estamos aquí para axudar. Hai que tomalo con naturalidade, e temos que axudarnos todos para levar da mellor maneira posible esta situación.

– Está tamén a xente que pasa por isto soa.

– Podería quedar mal dicilo neste momento, pero salvando as distancias, a soidade é outra epidemia do século XXI. Como dicía antes, coa solidariedade que estamos vendo estes días é posible que rexurdan eses comportamentos humanos que tiñamos algo esquecidos: concibir que a nosa felicidade tamén ten que estar en facer felices aos demais. E se queremos velo desde o enfoque egoísta dalgunhas persoas, que pensen que hoxe son outros os que están sós, pero que mañá poden ser eles.

Ser consciente de que somos humanos, e por tanto vulnerables, e de que a solidariedade é algo esencial, vainos axudar a que isto vaia mellor. Non é só que a min me vaia ben, senón que se aos demais lle vai ben, a min tamén. E por tanto debes preocuparte de axudar. Está demostrado desde hai moito tempo que non hai factor máis protector na saúde mental que unha rede social boa e forte arredor de nós.

Vai haber, ademais da soidade, que afrontar a perda e o dó.

Iso vai pasar, por suposto, e vai afectarnos. O dó é un proceso persoal, e aínda que o intentemos racionalizar, sempre afecta. Hai varias fases: impacto, rabia e negación, enfado, culpabilidade por pensar que poderiamos ter feito máis… E finalmente hai que asumilo, aínda que polo medio pasemos momentos malos. Cadaquén debe experimentalo á súa maneira, porque é inherente ao ser humano.

E aquí, coma sempre, é importante ter xente ao lado e apoio emocional. A persoa ten que tamén facer un esforzo por non illarse, manterse activa, non deixarse levar nin que a tristeza a domine. Se esta tristeza se instala, na medida na que isto nos limita moito máis do que esperabamos, é fundamental pedir axuda, porque isto pode complicarse e levar a un cadro clínico de depresión.

E se sabemos de alguén próximo que pase por isto, debemos facer ver que estamos aí para axudar, pero sen resultar demasiado invasivos, porque cada persoa ten os seus procesos e tempos e hai que respectalos.


Máis info:

Que facer se na casa temos unha persoa afectada?

Enjuanes: “É moi probable que este coronavirus regrese cada inverno”

Falece a terceira persoa afectada polo coronavirus en Galicia

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así funciona a mente dun psicópata

Como funciona o cerebro destas persoas? Investigadores da Universidade Internacional da Rioja analizan o seu comportamento

Ansiedade pola crise climática: “Nada parece útil para salvar o planeta do seu inexorable final”

As respostas emocionais ante as ameazas ambientais que poñen en perigo o futuro da Terra son cada vez máis comúns na poboación

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios