Venres 19 Abril 2024

E as aves, como están? Cara e cruz da corentena na natureza

Especies vulnerables en Galicia, como a píllara das dunas, afrontan a época de cría sen vixilancia e expostas a depredadores naturais

“É o primeiro mes de marzo en máis de 20 anos que non estou de praia en praia”, conta María Vidal, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela que desde hai máis de dous decenios supervisa nesta época do ano a cría da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) nas praias de Galicia. A reclusión de boa parte da poboación nas súas vivendas está a paralizar moitas investigacións científicas, entre as que están os traballos de campo que teñen lugar a partir da primavera para controlar a evolución de poboacións de numerosas especies de aves e outros animais.

A píllara, unha das poucas especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas que conta con plan de protección, está ante unha situación sen precedentes da que, por agora, non se sabe como vai saír. “Vai ser un ano interesante para saber se foron efectivas as medidas que se tomaron ata agora, pero non está moi claro que efecto vai producir esta situación”, resume María Vidal. “Por unha banda, parece claro que a menor presión humana e das mascotas (un factor de risco para a supervivencia de niños de píllara nas praias) terá consecuencias positivas. Pero tamén é certo que non imos poder facer un seguimento da situación en cada praia, e isto pode provocar que os depredadores naturais, como o corvo pequeno ou o raposo se vexan máis libres para atacar os niños”, expón Vidal.

Publicidade

O oso que aproveitou a corentena para saír polos Ancares

Aves urbanas

Nas vilas e cidades, a ausencia de tráfico e barullo polas rúas fai aflorar a presenza de aves grazas ao seu canto. Especies que non se facían notar tanto, pero que xa estaban habituadas a vivir en ambientes urbanos. “Máis que ocupar espazos nos que antes non estaban, eu penso que é porque antes non prestabamos a suficiente atención, ou o ruído non nos deixaba pararnos a escoitar”, reflexiona Álvaro Barros, da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A este respecto, o ecólogo Ignacio Munilla, experto en aves mariñas, apunta, no mesmo sentido, que “máis que aves ocupando novos espazos, o que acontece é que hai máis ollos mirando e xente escoitando sen ruído. Desde hai moito tempo hai unha fauna numerosa nas cidades, que aprendeu a convivir co ser humano e a súa actividade precisamente porque aprendeu a pasar desapercibida; non só no caso das aves, senón tamén os teixugos, os raposos ou os xabarís”. É deste xeito como nestes días se pode escoitar con claridade o trilo do xílgaro (Carduelis carduelis) ou o paporrubio (Erithacus rubecula), entre outras aves.

Sobre a posibilidade de que as aves estean aumentando a súa poboación nas contornas urbanas, Álvaro Barros cree que “non pasou o tempo suficiente, e o abandono das rúas e espazos por parte do ser humano non é total”. Apunta que “debería ter pasado máis tempo para comprobalo, unha corentena de menos dun mes aínda non é suficiente para que isto se produza”. O que si se podería notar, segundo Ignacio Munilla, é a posibilidade de que algunhas aves aniñen en novas zonas ante o descenso da actividade humana, como acontece nos casos nos edificios abandonados.

Munilla engade que o posible cambio de hábitos é, en todo caso, un proceso que require dun espazo de tempo moito maior que a corentena actual. “Hai algúns animais que responden de forma máis rápida ao cese da ameaza, pero outros tardan en modificar o seu comportamento e converterse, por exemplo, en especies de maior actividade nocturna“.

Neste punto, falando da píllara das dunas, María Vidal explica que “é posible que, ante a ausencia de actividade, a píllara poida ocupar espazos aos que antes non se achegaba pola presión do ser humana”. Con todo, Vidal advirte do risco da saída en masa da poboación cara aos espazos naturais unha vez finalice o confinamento. “É posible que a xente, coas ganas de saír ás praias e camiñar, poida ser imprudente de máis cos niños e haxa algún problema”.

E as gaivotas?

Nas cidades máis grandes de Galicia, A Coruña e Vigo, á beira do mar, a presenza de bandadas de gaivotas é un elemento máis da paisaxe que nestes días tamén foi a menos. “Non creo que isto lles afecte”, expón Nacho Munilla. “Son aves que saben ‘buscarse a vida’ moi ben, e seguro que atopan unha fonte de alimentación noutros lugares”.

Neste sentido, segundo comparte Munilla, xurdiron proxectos de ciencia cidadá nalgúns lugares, como Sevilla, nos que se está comezando a estudar o efecto do illamento nas aves en entornos urbanos. E investigadores profesionais e afeccionados á ornitoloxía están a compartir as súas observacións nas redes sociais a través de cancelos como #AvesDesdeCasa o #QuedateEnElNido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

Dez preguntas sobre a ameaza da gripe aviaria en humanos

Ata a data non foi detectada ningunha transmisión de persoa a persoa e os expertos consideran que o contaxio é "difícil"

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

Primeiro caso de gripe aviaria en humanos en España: cales son os riscos?

O investigador da USC Gonzalo Fernández asegura que os "poucos contaxios" notificados ata o momento foron leves ou asintomáticos