Este xoves inicíase en Galicia un dos dous estudos epidemiolóxicos que botará luz sobre a presenza ‘real’ do SARS-CoV-2 na poboación galega, toda vez que os positivos confirmados nas cifras oficiais só amosan o cumio da pirámide da transmisión do virus. O Sergas pon en marcha a enquisa anunciada a pasada semana polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que se suma á xa proxectada polo Goberno español desde finais de marzo. A primeira fase, con 50.925 persoas, desenvolverase nos primeiros días, e dentro de catro semanas terá lugar a segunda ondada. En total, serán máis de 100.000 persoas ás que lle serán realizadas as probas, en boa parte a través dos tests de anticorpos de banda única remitidos polo Ministerio de Sanidad. As imaxes difundidas na tarde do xoves pola Xunta de Galicia amosan que a mostra tómase con dispositivos da marca Wondfo, os mesmos que mercou hai unhas semanas o Goberno español e distribuíu ás comunidades autónomas.
A mostraxe

Para ter unha fotografía detallada da presenza do virus en Galicia, o Sergas e o Instituto Galego de Estatística deseñaron un mapa de 38 áreas territoriais que abranguen todo o territorio galego. En cada unha delas tomaranse un mínimo de 600 probas (un total de 22.800), e a partir de aí distribuiranse os tests restantes segundo a densidade de poboación até chegar ás 50.925 tomas por fase. Por exemplo, nos municipios das sete cidades, serán 4.800 en Vigo, 3.500 en A Coruña, 2.800 en Ourense, 2.150 en Lugo, 1.900 en Pontevedra, 1.650 en Santiago e 1.500 en Ferrol.
Estas probas realizaranse, en boa parte, a través dos centros de saúde de atención primaria. Segundo informa Praza, que tivo acceso ás pautas polas que se rexerá a toma de datos, serán os médicos e enfermeiros de atención primaria as que xestionarán a recollida en cada área, facendo ata seis intentos de contacto, en tes días diferentes e a diferentes horas antes de descartar a dita persoa.
Para isto, o IGE enviará unha lista das persoas seleccionadas, aínda que a participación na proba será en todo momento voluntaria. Os profesionais sanitarios de cada área contactarán con cada unha das persoas por teléfono e, tras facerlle unha pequena enquisa, concretarase unha cita para facer o test no centro de saúde especificado. Neste senso, a toma da mostra consistirá nunha punción no dedo que, tras ser introducida nun medio reactivo, indicará se esa persoa tivo contacto coa Covid-19 ou non, aínda que non tivera ningún tipo de síntoma.
A participación será voluntaria, e o Sergas avanza que o resultado da proba comunicarase no mesmo día
No caso de que a persoa seleccionada para realizar a proba se atope encamada, o persoal do centro desprazarase até o seu domicilio. O Sergas aclara que os resultados das probas comunicaranse no mesmo día da súa realización, por medio dunha nova chamada telefónica.
Tal e como avanzou nesta semana un dos membros do comité de xestión da crise que asesora á Xunta de Galicia, o catedrático de Microbioloxía Benito Regueiro, o obxectivo é “ter un mapa o máis exacto posible de cal é a situación de seroprevalencia en Galicia, en función das distintas áreas sanitarias, e contarnos quen estivo en contacto co virus”.
Benito Regueiro: “Cremos que a circulación do virus foi moi baixa, e iso é preocupante”
Para ter unha radiografía aproximada, o IGE achega ferramentas para estratificar os resultados en función das áreas territoriais; a prevalencia do virus segundo os diferentes tramos de idade (0-18 anos,19-64 anos e 65 ou máis anos) e o seu sexo.
Deste xeito, avanza o Sergas, poderanse adoptar as medidas sanitarias e de confinamento máis axeitadas; coñecela súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial; poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.
Hay citadas persoas para facer o test, que levan na casa, coidandose e sen contacto con exterior dende o 1°dia de confinamento… Mal empezamos.!!! O estudio sería máis relevante si se fixera en persoas q están traballando.
O virus non comenzou a súa expansión o primeiro día do confinamento. É interesante determinar que persoas puideron contaxiarse durante o mes de febreiro, polo menos, e pasaron a enfermidade de xeito asintomático ou inadvertido. É relevante saber que porcentaxe da poboación ten anticorpos, que non van ser só persoas que traballaran en marzo.