Publicidade
Luns 19 Maio 2025
Publicidade

A presenza do oso pardo en Ourense reforza o seu hábitat en Galicia

A gravación dun exemplar no Macizo Central e outros restos achados na provincia consolidan un corredor clave para a recuperación da especie

Hai apenas tres decenios, o risco de extinción do oso pardo (Ursus arctos) no noroeste da península ibérica chegou a ser real. As femias reprodutoras contábanse cos dedos das mans, o que deixaba a unha especie emblemática da montaña cantábrica ao bordo da desaparición. O esforzo de administracións e entidades ecoloxistas e veciñais chegou xusto a tempo para impedilo. Nos últimos tempos os froitos comezan a recollerse, e os sinais apuntan a que, se todo segue ben, o oso pode converterse en poucos anos nunha especie con presenza estable nas montañas de Lugo e mesmo Ourense. Os novos rexistros da especie, no parque natural do Invernadeiro e na fronteira entre Galicia, Castela e Portugal, apuntan a que o leste de Galicia xogará un papel clave para a recuperación dun espazo arrebatado ao úrsido no último século e medio.

Imaxes captadas polo equipo da película "Montaña ou Morte". Foto: Zeitun Films.
Imaxes captadas polo equipo da película “Montaña ou Morte”. Foto: Zeitun Films.

A difusión nesta primavera das imaxes gravadas polas cámaras de fototrampeo instaladas para a película Montaña ou Morte, producida por Zeitun Films e dirixida polo cineasta Pela del Álamo, constataron que o animal se vai asentando nun punto clave para a súa expansión. O Invernadeiro é un dos lugares ao que Del Álamo e o seu equipo acudiron para mergullarse na idea que queren transmitir coa obra, actualmente en fase de de desenvolvemento: a relación, ás veces violenta, entre o home e a natureza e o salvaxe. “Ademais dos valores medioambientais, a nós interésanos reflexionar sobre os valores da imaxe contemporánea. As cámaras de fototrampeo permiten filmar sen filmar. Estar sen estar. Ver o que ocorre cando o ser humano non está. Tratase de levar os preceptos do fly on the wall de Frederick Wiseman a un seguinte nivel. E para nós a vida salvaxe é o contexto ideal para situar estas reflexións. A nosa presenza sempre influe no que gravamos, e por iso son interesantes estas cámaras”, explica o cineasta.

Publicidade

O Invernadeiro, un parque natural de máis de 5.700 hectáreas no Macizo Central ourensán con acceso restrinxido aos visitantes, foi un lugar acaído para recrear a mensaxe do filme de Zeitun Films. Para colocar estas cámaras, o equipo contou coa colaboración dos axentes ambientais da Xunta de Galicia no parque, grandes coñecedores da zona. Segundo salientan Pela del Álamo e Felipe Lage, produtor de Montaña ou Morte, as imaxes son a primeira testemuña gráfica na comarca nos últimos 150 anos.

Filman por primeira vez un oso no Macizo Central ourensán

Tal e como aconteceu coas anteriores incursións, o exemplar do Invernadeiro é un macho novo, de entre 3 e 5 anos (adoitan vivir sobre 30). Fernando Ballesteros, un dos responsables do proxecto Life Oso Courel, amósase esperanzado diante das últimas novas sobre a especie. Desde a primavera de 2019, ademais do achado do oso coñecido a pasada semana, constatouse a súa volta a Portugal despois de 180 anos, obtivéronse novas evidencias de presenza estable na serra do Courel e avistouse un exemplar nos Ancares a finais de marzo. “Xa tiñamos datos anteriores da presencia de osos no Invernadeiro, sobre todo a través de excrementos, aínda que non puidemos extraer o ADN para facer un perfil do individuo”, explica Ballesteros. Ademais, os ataques a algúns apiarios dan conta de que o animal, cunha gran capacidade de desprazamento, se move polas montañas de Valdeorras e Trevinca, Sanabria ou O Bierzo ata o Parque Natural de Montesinho, xa en Portugal.

Publicidade

Esta localización súmase á coñecida no Courel: o 23 de abril, a Fundación Oso Pardo difundiu un vídeo no que unha cámara automática recolleu imaxes de dous exemplares distintos no mesmo lugar. Como explica a Fundación, a gravación constata a capacidade destes animais para comunicarse a través do olor.

A oportunidade na montaña ourensá

A chegada do oso a esta rexión ourensá, unha das que ten menor densidade de poboación, pode ser unha boa oportunidade para consolidar a expansión da especie, segundo explica Fernando Ballesteros. “É unha área con pouca presenza humana e un espazo moi acaído no que os osos poden pasar desapercibidos, e que o animal se ‘aventure’ a entrar aquí é un sinal de que o ecosistema está ben coidado e conservado”.

Ante isto, o biólogo da Fundación Oso Pardo recomenda “acompañar” este avance do animal, como xa se está a facer co programa Life no Courel, para previr posibles danos á actividade humana, sobre todo no tocante aos ataques á apicultura, e evitar así que se xere de novo hostilidade contra unha especie que o propio ser humano levou ao bordo da desaparición. “Hai que poñerse a traballar, informando á poboación de como evitar os posibles problemas e concienciando das oportunidades que pode xerar na zona  a presenza do animal”, engade Ballesteros. A entidade adoita poñer como exemplo o caso de Somiedo, un concello situado no parque natural asturiano do mesmo nome que nos últimos anos converteu a presenza do mamífero nun polo de atracción de visitantes.

Imaxes captadas polo equipo da película "Montaña ou Morte". Fonte: Pela del Álamo.
Imaxes captadas polo equipo da película “Montaña ou Morte”. Fonte: Pela del Álamo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:39

Gravan unha moto de auga molestando arroaces na ría de Vigo

O vídeo, captado desde o peirao de Soutomaior, xa están en mans da Garda Civil para que investigue un posible delito

Esborralle térmico: unha dina provocará unha baixada de 10 graos en menos de 24 horas

Despois dunha fin de semana de verán os termómetros caerán por baixo dos 20 graos en menos dun día pola volta do aire frío en altura

Unha nova terapia baseada na edición do ADN salva a un bebé cunha doenza metabólica rara

O sistema CRISPR utilízase para tratar outras enfermidades como a beta talasemia ou as células falciformes

Armas contra a desinformación: a UVigo reúne a expertos para un uso responsable da tecnoloxía

Profesionais de ámbitos como a cultura xuvenil, o xornalismo, a informática ou a psicoloxía conforman un programa que comeza o 26 de maio cun obradoiro en liña