Xoves 25 Abril 2024

O Invernadeiro: o pracer de sentir o silencio

O ruído pode ser moitas cousas. O acelerador cargado de decibelios dunha moto que nos sobresalta pola rúa, a falta de civismo de quen enche de lixo o monte e as praias ou as agresións á paisaxe son só algúns exemplos. Para ben, o Parque Natural do Invernadeiro mantense, por agora, a salvo de todo isto. É difícil atopar nun país caracterizado pola dispersión da poboación un terreo tan amplo sen pegada do ser humano. Polo menos en aparencia, xa que desde moi antigo o home aproveitou estes terreos para a caza e o pastoreo.

Todo O Invernadeiro é unha única leira de 5.722 hectáreas e de titularidade pública

A ausencia de ruído chega tamén á xestión deste espazo no país do minifundismo. Todo O Invernadeiro é unha única leira, tal e como destaca o decreto de 1997 polo que se declarou parque natural. Son 5.722 hectáreas de titularidade pública, posiblemente a maior superficie continua deste tipo existente en Galicia, que facilitan en gran medida a súa xestión, e ubicadas na súa totalidade no termo municipal de Vilariño de Conso.

Publicidade

É, por tanto, un caso excepcional no monte galego. Porén, non se librou das repoboacións forestais do franquismo (neste caso, de piñeiros) e pasou a ser propiedade de Papelera Española no ano 1949. Así, aínda se conservan algunhas das casetas das instalacións da empresa. En 1979, un enorme incendio destruíu gran parte das plantacións (estímase que máis de 4.000 hectáreas) e acabou desembocando na venda dos terreos á Xunta en 1984. Declarouse primeiro refuxio de caza e pesca, e en 1997, como parque natural.

Hoxe, os montes están sucados por vales e ríos que van dar as súas augas ao Sil, que discorre ao norte destas serras. Así, podemos ver diversos ecosistemas que van desde os picos máis altos, que superan os 1.500 metros de altura, ata vales frondosos con vexetación caducifolia. A pesar da importante altitude, as pendentes son suaves e os cumios redondeados, o que facilita en gran medida percorrer a zona.

A súa situación xeográfica converte tamén ao Invernadeiro nun fermoso exemplo de mestizaxe. Debido á súa altura, vese influído aínda polo clima oceánico pero, ao mesmo tempo, ofrece tamén trazos propios dun espazo continental. Así, as precipitacións son abundantes (arredor dos 2.000 l/m2 ao ano), e parte delas en forma de neve, os invernos fríos, con mínimas que chegan aos -10ºC, e veráns suaves, pero secos, o que lle dan tamén un matiz mediterráneo ao seu particular clima.

A flora do Invernadeiro

As cores que van mudando coas estacións son un agasallo para a vista. Na primavera, a vida agroma nas montañas despois do duro inverno co violeta das uceiras e o amarelo das chorimas. O verde dos vales enche o verán e, ao chegar o outono, estes bosques caducifolios tinguen a paisaxe de marrón. E de novo, chega o inverno coa neve que aguanta durante meses nos cumes máis altos. E todo volve a comezar.

A fauna

Ao estaren liberados da presión humana, todos os elos da cadea trófica conviven en harmonía dentro dos límites do parque. Lobos, corzos, cervos, cabras montesas, martas, donicelas, armiños, teixugos ou xabarís móvense ao longo do terreo, mentres desde arriba vixían decenas de especies de aguias, falcóns, miñatos, bufos ou perdices.

É habitual ver corzos, cervos e cabras montesas polos montes do Invernadeiro. Foto: parquesnaturais.xunta.gal.
É habitual ver corzos, cervos e cabras montesas polos montes do Invernadeiro. Foto: parquesnaturais.xunta.gal.

Solicitude para a visita

Hoxe, para visitar este parque é preciso solicitar unha autorización ao Servizo de Conservación da Natureza, que limita os acceso a 30 persoas nos días laborais e a 50 nos sábados, domingos e festivos, a parte das actividades didácticas e investigadoras que adoitan desenvolverse neste territorio.

É unha medida sobre a que hai debate, xa que algúns expertos avogan por unha xestión na que se abra a porta ao desenvolvemento de actividades agrogandeiras no interior do parque para conseguir un mellor equilibrio entre conservación e presenza humana.

Os cumes e as abas do Invernadeiro van mudando de cor ao longo do ano. Foto: parquesnaturais.xunta.gal.
Os cumes e as abas do Invernadeiro van mudando de cor ao longo do ano. Foto: parquesnaturais.xunta.gal.

Unha vez conseguido o permiso, os visitantes poden gozar de varias rutas (Ruta do Valdeirexa ou dos Cercados, Ruta das Troitas, Ruta da Ortiga, Ruta da Corga ou do Depósito, Ruta da Auga e Ruta da Aceveda, adaptadas a todos os tipos de camiñantes. Ademais, Turismo de Galicia ofrece paquetes turísticos (a información pode descargarse en formato PDF nesta ligazón) tanto a pé como en bicicleta.

Cómpre ter en conta sempre as indicacións e limitacións propias dos parques naturais: só se pode aparcar e circular nas zonas habilitadas, e sempre a velocidade moderada; está prohibido arrincar e danar flores e plantas e molestar á fauna. Ademais, debido á extensión do parque, é preciso levar o equipamento axeitado, e ter o móbil coa batería cargada. Do mesmo xeito, cómpre levar unha bolsa para non deixar ningún tipo de lixo no entorno.

Permisos

Para visitar o Parque Natural, permiso expedido por escrito polo Servizo de Conservación da Natureza de Ourense.
Teléfono: 988 386 376 – 988 386 029 (laborables de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas).
E-mail: servizo.conservacion.natureza.ourense@xunta.es.

Máis información
sobre O Invernadeiro no portal de Parques Naturais da Xunta de Galicia, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves
00:01:01

A dramática escena dunha nai delfín que nada xunto a súa cría morta na ría de Vigo

O pequeno arroaz apareceu posteriormente varado na enseada de Cangas e foi retirado para a realización dunha necropsia

As baleas déixanse ver nas costas galegas: avistado un rorcual alibranco en Cangas

Os expertos explican que os xigantes do océano navegan nas augas de Galicia todo o ano, aínda que agora se concentren máis para alimentarse