Xoves 18 Abril 2024

O estudo do Sergas sobre o virus, entre dúbidas e con moi poucos ‘positivos’

Os profesionais sanitarios están a detectar anticorpos nunha porcentaxe menor da esperada, e lamentan cambios e "improvisación" no método

Menos dunha semana despois das primeiras probas do estudo epidemiolóxico impulsado polo Servizo Galego de Saúde, no que se buscará nunha mostraxe de 100.000 persoas a presenza do coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia, as dúbidas están medrando arredor do procedemento impulsado para levar a cabo a enquisa, así como a propia precisión dos tests usados para ela. En declaracións recollidas por varios medios, representantes dos colexios médicos provinciais avanzaron a súa sorpresa e mesmo preocupación pola “moi pequena” porcentaxe de persoas nas que se detectaron anticorpos e, por tanto, estiveron expostas e inmunizadas, polo menos a curto prazo, fronte a unha posible nova vaga da epidemia.

Porén, a outra das opcións que se poñía sobre a mesa estaba relacionada co material empregado, uns tests de anticorpos totais (é dicir, expoñen a ‘cantidade’ da resposta inmune de cada persoa, en caso de ter estado en contacto co virus) que foron obxecto dunha lea entre Xunta de Galicia e Goberno de España. Co gallo deste episodio, o pasado 7 de abril o goberno autonómico xa avanzara a posibilidade de usar estes tests remitidos polo Ministerio (148.800 a data do 27 de abril) para un estudo epidemiolóxico, anunciado o 17 de abril polo presidente Feijoo.

Publicidade

A pesar das dúbidas sementadas sobre estas probas, decidiron empregarse, segundo o apuntado polo comité de crise, na realización dunha enquisa que supón un importante esforzo material e de profesionais por parte da sanidade galega. E desde este martes algúns medios comezaron a recoller o escepticismo de profesionais que están participando na realización do estudo ou seguindo de preto o mesmo. A mensaxe, con diversos matices, é a dun dilema: ou ben o virus circulou moi pouco en Galicia ou ben os tests non están ofrecendo resultados fiables, polas súas características ou o método usado.

As dúbidas achegan un dilema: ou a circulación foi aínda máis baixa do previsto, ou os tests e o método non están a ser os axeitados

En declaracións recollidas por Europa Press, o vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Manolo Rodríguez Piñeiro, revelaba que nunha área sanitaria de Galicia fixéronse o pasado venres 400 tests, con só dous positivos. Nun centro de saúde de Santiago, segundo La Voz de Galicia, non houbo nin un só positivo entre 215 probas. En conxunto, só se detectaron ata o pasado venres 37 positivos entre 5.043 persoas (un 0,73%), cando a presenza agardada era maior. Fontes da Xunta informaron este mércores que ata o mediodía deste 29 de abril fixéranse 22.471 análises dentro da primeira ondada do estudo.

Circulación moi baixa

“Cremos que a circulación do virus (en Galicia) foi pequena e, por tanto, isto é preocupante, xa que hai unha parte importante da poboación que non desenvolveu anticorpos, o que nos obriga a tomar moitas precaucións ante unha posible segunda ondada”. Son palabras de Benito Regueiro, xefe do servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), nun seminario organizado pola Real Academia Galega de Ciencias a semana pasada. Regueiro, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e membro do mencionado comité de xestión de crise, avanzou a percepción que confirman os primeiros resultados que se coñecen sobre a enquisa, case paralela, aínda que independente, da que o Goberno español fará en 36.000 fogares, con máis de 6.000 persoas estudadas en Galicia.

A idea adiantada por Regueiro a pasada semana foi apuntada este mércores polo presidente da Xunta. Feijoo cualificou de “excelente noticia” a baixa circulación do virus nesta primeira ondada en Galicia porque se evitaron moitas mortes, aínda que advertiu ao tempo de que a medio e longo prazo “é preocupante” pola posible reaparición da epidemia “con máis intensidade”. O presidente precisou tamén que a enquisa epidemiolóxica está avanzando a maior ritmo no rural, onde xa se prevía unha cifra de positivos menor ca que nas principais cidades galegas, e que se agarda que a primeira ondada finalice entre o 8 e o 10 de maio.

O modelo usado na enquisa da Xunta, da marca Wondfo, validado polo Instituto Nacional Carlos III despois de ser analizado polo Centro Nacional de Microbiología, detecta o título (número) de anticorpos totais, pero non o tipo de resposta inmune que aparece en cada fase (IgM e IgG), e como xa se aclarou nun primeiro momento, non permite determinar en que fase da doenza está a persoa estudada, se é que a tivo.

Segundo a información técnica do Ministerio de Sanidad, a sensibilidade é do 80% en pacientes con máis de 7 días de evolución (ver PDF). Por tanto, os chamados ‘falsos negativos’ só sairían, na maioría dos casos, nas persoas que foron contaxiadas hai moi poucos días, así como en persoas cunha inmunosupresión de base que non teñan capacidade no organismo para xerar os mencionados anticorpos, segundo explicou o propio Benito Regueiro nun vídeo difundido pola Xunta.

O Sergas inicia o seu estudo epidemiolóxico en Galicia

Dúbidas sobre o procedemento e a metodoloxía

Outra das dúbidas que xurdiu co comezo deste estudo a grande escala foi o método desenvolvido para poñelo en marcha. O sindicato de enfermería Satse Galicia lamentaba o pasado xoves a “precipitación” que provocou “un grande malestar” nos profesionais sanitarios. Outras entidades como a Sociedade Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, segundo recolle Praza, tamén criticaron a falta de previsión para desenvolver este estudo en Galicia.

O mesmo xornal contaba este mércores que o Sergas decidiu mudar o protocolo (do que xa hai tres versións nunha semana) despois de ter comezado o estudo epidemiolóxico para atender ás persoas que dan positivo na proba de anticorpos.

Outra das cuestións que sementa dúbidas no estudo epidemiolóxico é a do tamaño da mostraxe, maior só en Galicia que a que ten en toda España a do Ministerio de Sanidad. Fontes consultadas por GCiencia manifestan as súas reservas sobre a necesidade dunha mostraxe tan alta. “Para obter resultados practicamente igual de fiables, non era preciso facer unha enquisa de tal magnitude“, expoñen. A este respecto, a Xunta explica que “coa mostra total de 50.925 na primeira onda conséguese unha precisión do ±0,2% para Galicia, cun nivel de confianza do 95%”.

O estudo de seroprevalencia do Goberno español analizará a 6.120 persoas en Galicia

Sobre o posible solapamento de ambas enquisas de seroprevalencia e o tamaño da desenvolvida polo Sergas, fontes da Xunta explican que “os estudos son independentes, pero entendemos que si son compatibles, dado que o galego vai dirixido a persoas e busca unha ampla granularidade nos resultados a nivel territorial, mentres que no da Administración xeral do Estado seleccionaranse fogares, o que permitirá realizar outro tipo de análises”.

Unha análise fronte a varias visitas

Con todo, hai matices entre cada metodoloxía. Mentres que o Sergas ten previsto realizar unha análise a cada persoa mediante unha picada no dedo e unha “pequena enquisa”, o ENE-COVID, nome que recibe o proxecto estatal, analizará 6.120 persoas en Galicia, que recibirán “varias visitas”, ademais de cumplimentar un cuestionario, para “determinar se desenvolven anticorpos ao longo do período de estudo”, e abre a porta a “obter unha mostra de soro en todos os pacientes que dean o seu consentimento, que será analizado cunha técnica “máis sofisticada e máis precisa que os tests rápidos”, segundo informou o ISCIII.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña