Xoves 25 Abril 2024

As preguntas e respostas sobre o barullo das probas do coronavirus en Galicia

O envío de preto de 60.000 probas por parte do Goberno español viuse envolto na polémica polas características das mesmas

Os datos sobre o coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia volven achegar este mércores optimismo a curto prazo. Aínda que os novos positivos foron 207, o incremento de persoas coa alta hospitalaria (que xa son 800) contribúe a que só haxa 25 casos activos máis có martes afasta un pouco máis o risco de saturación dos hospitais e, en especial, as unidades de coidados intensivos (UCI). Con todo, tal e como advertiu este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cómpre manter as precaucións debido ao risco aínda presente de contaxios. Alén disto, a crise do coronavirus en Galicia viuse enturbada nas últimas horas despois de que a través do sitio web e as redes sociais da Xunta se difundira na tarde do martes unha información que cuestionaba a “utilidade clínica” das preto de 60.000 probas rápidas (as cifras que se achegaron oscilan entre 57.000 e 60.000) que chegaron, enviadas polo Goberno español, dentro dun millón de unidades distribuídas nos últimos días ás comunidades autónomas. Despois disto, a Delegación do Goberno en Galicia difundiu unha nota de prensa na que se apuntaba que foi o Instituto de Salud Carlos III o que analizou este modelo e optou polo tipo de probas que se enviaron aos distintos territorios, “en consenso coas comunidades autónomas”.

Para entender a situación, cómpre afondar nas características das distintas probas para detectar a presenza do SARS-CoV-2:

Publicidade

Para comezar, que tipos de tests hai?

Por simplificar (afondar con maior detalle en cada unha das probas require de coñecementos avanzados, así como coñecer os criterios de elección de cada unha das probas en distintos escenarios) existen tres tipos principais. Explícao ben o microbiólogo Ignacio López Goñi neste artigo de The Conversation.

1. Unha das probas, a chamada PCR, detecta o xenoma do virus. Tómase unha mostraxe do paciente na cavidade nasofarínxea e o fluído analízase no laboratorio para atopar o xenoma. Son moi fiables e sensibles, requiren un proceso de varias horas e a presenza de persoal especializado na técnica no laboratorio. A veces precisan de confirmación doutra PCR (falsos negativos), pero na maioría das ocasións constatan o positivo por coronavirus, haxa ou non síntomas.

2. Probas para detectar o antíxeno do virus. Cando un virus entra nun organismo, esperta unha resposta inmune. A través dunha mostraxe, normalmente tamén nasofarínxea, o fluído do paciente ponse en contacto cun dispositivo no que hai anticorpos específicos que reaccionan contra o antíxeno do virus. Simplificando, se o virus está presente na mostraxe, as súas partículas quedarán fixadas ao anticorpo.

Explica Ignacio López Goñi que esta segunda proba tardou en aparecer porque require o uso de “anticorpos de captura específicos” fronte ao SARS-CoV-2. O bo é que son moito máis rápidos e dan resposta en poucos minutos.

3. A terceira das probas é a que sementou a polémica. En vez do antíxeno do virus, detecta o anticorpo que o organismo xera fronte a el. Son os chamados tests serolóxicos. Realízanse cunha toma rápida de sangue do paciente (abonda cunha pinga). O dispositivo, en vez de anticorpos, ten proteínas do virus que interaccionan con eles. Así, se o paciente analizado desenvolveu anticorpos fronte ao virus e por tanto, está ou estivo contaxiado, estes fixaranse á proteína vírica. Un destes modelos é o enviado a todas as comunidades, seleccionado entre máis de 70 tipos analizados polo Instituto de Salud Carlos III. 

Detectan os tests enviados polo Goberno todas as persoas contaxiadas?

Non. Por iso, tal e como insistiu o presidente da Xunta nas comparecencias do domingo e o mércores e se indica na información facilitada polo Goberno español, non son definitivos. As probas serolóxicas rápidas que dean negativo deben ser confirmadas cunha PCR. Se dan positivo, confírmase que o paciente sofre, ou sufriu, a Covid-19. O debate ábrese na seguinte pregunta.

Pero pode dar detalles sobre a fase da Covid-19 do paciente?

Non. Ese é o punto no que a Xunta centrou a mensaxe difundida a través dos membros da Comisión de Xestión da crise sanitaria. A persoa pode estar xa curada e dar positivo no test porque os anticorpos quedan. Tal e como explica Manuel José Vázquez Lima, “existen uns tests, os que nós pediamos, e que a Consellería (de Sanidade) creo que tiña, que permiten definir claramente se estás na fase aguda da enfermidade, cando eres contaxioso, ou na fase final da enfermidade, cando xa estás a curar. Os tests que nos enviaron non distinguen entre uns anticorpos e os outros, só fan unha medición global dos anticorpos, co cal, cun positivo neste test, eu non podo saber, como clínico, se ti estás na fase aguda da enfermidade e eres contaxioso, ou se estás curando ou curaches xa”.

A Guía de uso difundida por Sanidad, constata que o test non distingue entre (anticorpos) IgM e IgG e só mide a aparición de anticorpos totais. Ten “unha especifidade do 100% e unha sensibilidade do 64% cando se aplica en pacientes sen ter en conta o tempo de evolución da enfermidade, sendo de ao redor do 80% en pacientes con máis de 7 días de evolución“.

De aquí vén a “eiva detectada” polos membros da comisión da Xunta de Galicia. Os test citados por Vázquez Lima, e que si distinguen anticorpos de “inmunidade” , son un modelo usado en fase de probas en hospitais como Vigo, pero tampouco detectan o virus nos primeiros días da infección, o que tamén abre a porta a falsos negativos que deberían ser confirmados con PCR. Ademais, o volume de probas que se poidan facer depende da capacidade para fabricalas, o que require de rapidez e músculo industrial de I+D+i para acometer o encargo.

Aínda que as probas detecten con maior ou menor fiabilidade a presenza da enfermidade, isto non se traduce á situación clínica do paciente. É dicir, pode haber positivos por PCR, test serolóxico e/ou antixénico que pasen a doenza sen maiores dificultades. Ante as informacións das altas porcentaxes de persoas asintomáticas por SARS-CoV-2, detectar a doenza aínda que non haxa síntomas é tamén relevante para conter a presenza da enfermidade en determinados ambientes.

Porén, a clave tamén está no uso para os que se destinan estas probas. O ISCIII apunta nunha información difundida hai dúas semanas que as probas rápidas están orientadas a “mellorar o cribado na poboación e limitar os ensaios de PCR só a aqueles pacientes que, con sintomatoloxía, dean un resultado negativo nos tests rápidos”.

A Delegación do Goberno en Galicia sostén que o modelo foi elixido “en consenso coas comunidades autónomas e porque o consideran un bo complemento para as PCR en contornas cunha prevalencia da enfermidade alta, como hospitais e residencias de maiores”. Non é o mesmo contexto, por tanto, que no da poboación xeral: tendo en conta que a proba se fai en ambientes onde o virus está a circular, detectar o virus nun paciente mediante un test rápido evita a realización da PCR. Por tanto, segundo o Goberno, “incrementa a capacidade de diagnóstico”, e, como dixo o domingo Feijoo, permite “polo menos menos detectar os positivos dunha forma máis rápida“.

Outro dos problemas é a capacidade de contaxio nas diferentes etapas da doenza. Os tests enviados polo Goberno non aclaran se o paciente aínda é contaxioso ou xa non, o que reduce, como dixo Vázquez Lima, a “utilidade clínica”. Porén, en lugares con prevalencia alta da doenza, si permite constatar que persoas están ou estiveron afectadas e tomar as precaucións debidas.

Cando souberon as comunidades autónomas que tests se ían enviar?

Neste punto coliden as versións. E esta é a pregunta que GCiencia realizou á Consellería de Sanidade o martes e o mércores, pero aínda non obtivo resposta. Ao falar de “eiva detectada”, a mensaxe difundida pola Xunta de Galicia alude a un suposto descoñecemento sobre estas características do modelo de probas ata despois de recibir os tests, que racharía co “consenso” do que fala o Goberno español nun aspecto que se falou nas reunións celebradas durante os últimos días. Pero ningunha outra comunidade autónoma, ata o momento, transmitiu publicamente a súa disconformidade co modelo remitido e a situación que se xerou.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas