Durante o ano 2021, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dúas intervencións arqueolóxicas na illa de Ons co obxectivo de coñecer mellor a historia desta illa. Dos resultados dos traballos destaca que agora sábese “con total seguridade” que a illa estaba habitada desde finais do século I antes de Cristo e que nela floreceu unha importante industria de salgadura de peixe e de elaboración de púrpura, aproveitando as excepcionais características da súa contorna.
A presentación de resultados na illa de Ons contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López; o director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández; o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e o investigador do GEAAT responsable do proxecto arqueolóxico en Ons, Adolfo Fernández. “Realizouse un gran traballo, a través de dúas intervencións, que nos permite confirmar a ocupación humana da illa de Ons hai vinte séculos e tamén o modo de vida dos seus habitantes, polo que damos un paso máis no descubrimento da súa historia e ademais pretendemos continuar con esta liña de traballo para seguir poñéndoo en valor”, sinalou Luis López.
Praia do Canexol
A actuación impulsada pola Xunta de Galicia e a UVigo consistiu en dúas intervencións. Segundo explica o GEAAT, unha delas localizouse na praia do Canexol, onde se coñecía a existencia de restos de época romana identificados como unha factoría de salgadura de peixe. Nesta zona realizáronse dúas sondaxes, unha completa prospección xeofísica ao longo de todo o camiño que discorre pola praia e unha limpeza e rexistro de todos os restos arqueolóxicos visibles no cantil. “Os resultados foron excepcionais. A limpeza do cantil xa indicaba a existencia de máis dunha fábrica de salgadura, hipótese que quedou verificada cos resultados obtidos coa prospección xeofísica, realizada pola empresa SOT prospecció, que detectou a presenza de dúas fábricas e outras estruturas asociadas ao complexo industrial romano, como unha rampla de acceso desde a praia para subir o peixe cara ás fábricas”, comenta Adolfo Fernández.
As sondaxes e a limpeza, engade, permitiron recuperar neste punto unha gran cantidade de materiais orgánicos, como ósos, restos de peixe e moluscos. “Unha das grandes novidades foi a identificación dun vertedoiro de cunchas de múrices (Stramonita haemastoma), un molusco utilizado para fabricar tinguidura de cor púrpura en época romana o que indica que en Ons os romanos ademais de preparar peixe salgado e salsas tamén fabricaban púrpura”, sinala o director do proxecto.
Este achado, subliña, “é de grande importancia xa que se trata do primeiro taller deste produto documentado no norte da Península ibérica”. As fábricas, apunta, construíronse posteriormente, xa durante o século I despois de Cristo, perdurando en funcionamento ata polo menos o século IV. “Grazas á arqueoloxía sabemos que no Canexol funcionaron dúas ou mesmo tres grandes fábricas de peixe en salgadura e de púrpura durante varios séculos”, afirma Adolfo Fernández.
Intervención no castro do castelo dos Mouros
Tras esta descuberta, o arqueólogo indica que xurdiu a pregunta de onde vivían os traballadores desta puxante industria de conservas de peixe. “Esta pregunta só podía ser contestada cunha segunda intervención arqueolóxica, esta vez no castro do castelo dos Mouros, situado a poucos metros sobre o propio Canexol”, comenta. Segundo explica Adolfo Fernández este lugar non fora intervido anteriormente, “aínda que a súa fisionomía apuntaba a un poboado prerromano, á vista das súas impoñentes defensas con ata tres parapetos e ambos fosos defensivos no seu lado oeste”.
A intervención levada a cabo neste punto, apuntan desde o GEAAT, a finais do pasado ano trouxo consigo importantes novidades sobre a ocupación humana da illa. “A prospección xeofísica deixou entrever a presenza de importantes estruturas enterradas no recinto do castro. A escavación centrouse na ladeira este do recinto principal, un lugar desde onde se divisan perfectamente os restos do Canexol e contrólase a ría de Pontevedra e a navegación de cabotaxe desde a ría de Vigo”, detallan. Na escavación descubriuse por completo unha gran habitación dunha casa, de planta cadrada que perdurou en uso ata finais do século IV despois de Cristo, “unha data precisa grazas ao descubrimento dun conxunto de 31 moedas de bronce desa época no interior da vivenda”.
Próxima campaña
O GEAAT, en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, disponse a comezar antes o verán unha nova escavación no castro para aumentar a área exhumada con novas estruturas que permitan coñecer mellor a súa historia. Ademais da escavación, o proxecto inclúe o deseño e a creación dunha ruta sinalizada e con información sobre os novos restos descubertos.
“Grazas á arqueoloxía, o pasado antigo de Ons sae do seu ostracismo e aspira a converterse nun reclamo máis da illa”, afirma Adolfo Fernández. Agora, resume, “sabemos con total seguridade que a illa estaba habitada desde finais do século I antes de Cristo e que nela floreceu unha importante industria de salgadura de peixe e de elaboración de púrpura”. Ademais, engade, “coñecemos tamén que estes poboadores vivían no castro e mantiñan relacións económico-comerciais con outros territorios afastados. A finais do século IV abandónanse as fábricas e o castro como sucede noutros puntos da costa galega, por razóns que aínda hoxe descoñecemos, o que demostra que aínda nos queda moito por descubrir do pasado das Illas Atlánticas, das xentes que as poboaron e as súas formas de vida”.
Podes ler o artigo completo do DUVI na seguinte ligazón