Jack O Destripador estivo na Coruña? Así o contaron os xornais da época

Os diarios británicos fixéronse eco da presunta chegada do asasino á cidade herculina, e relacionárono coa desaparición de dúas rapazas

Jack O Destripador é o asasino en serie máis famoso da historia, pero o seu nome non é real, senón inventado. É o alcume co que foi bautizado polo pobo londiniense. Máis de 130 anos despois dos seus macabros asasinatos no barrio de Whitechapel, a súa identidade aínda é un misterio. Os xornais da época —incluso os galegos— non só describiron con detalle as atroces feridas nos corpos das vítimas, sempre mulleres, senón que se fixeron eco dos presuntos movementos de Jack O Destripador. Localizárono en Berlín, Nova York, Bolonia… e Galicia.

Prensa británica

Produciuse unha grande axitación na Coruña pola repentina desaparición de dúas rapazas, atribuída a Jack O Destripador, que lle escribiu ás autoridades anunciando a súa chegada. Así o recolle o xornal británico Jersey Times and British Press o 22 de xaneiro de 1889 tan só dous meses despois do seu último asasinato en Whitechapel. Ou, polo menos, do último dos cinco crimes das “vítimas canónicas”. É dicir, as que foron máis estudadas por presentar un patrón de mutilacións, sobre todo no abdome, máis semellantes. Os seus nomes: Mary Ann Nichols, Annie Chapman, Elizabeth Stride, Catherine Eddowes, Mary Jane Kelly.

Publicidade

Esta non foi a única alusión. Unha breve noticia publicada noutro xornal británico describe a situación de “pánico” que se estaba a vivir na cidade herculina tras a suposta chegada de Jack O Destripador. Segundo recolle diario, o asasino chegara á Coruña o 17 de xaneiro e, dende esa data, estivo “roldando na escuridade”. “As mulleres novas xa non saen pola noite e incluso construíron barricadas para protexerse do misterioso asasino”, describe a noticia. Incluso se recolle que o criminal lle escribiu ás autoridades coruñesas, advertindo de que “destriparía” a varias mulleres antes de abandonar a cidade.

A busca no Arquivo da Prensa Británica ofrece decenas de resultados. Leeds Times, Nantwich Guardian e Hunts County News son só algúns dos xornais que se fixeron eco da presunta chegada de Jack O Destripador á Coruña. Moitos deles asocian a súa presenza á desaparición de dúas rapazas, pero o tratamento desta información é ben distinto ao que se lle deu na prensa galega da época. Mentres que os diarios ingleses dan por válidas as informacións, os da Coruña e arredores poñen en dúbida e cualifican de “rumor” a chegada do asasino á cidade. De feito, son varias as pezas nas que se critica a histeria colectiva.

Publicidade

A crítica prensa galega

Unha das informacións máis tallantes publicouse o 22 de xaneiro de 1889 en El Correo Gallego: diario político de la mañana. Refírese ás coruñesas como unha “grey femenil” en constante alerta pola suposta chegada do asasino. “A Ferrol chegou tamén o absurdo notición e non falta xente que dea crédito a tal engano”, recolle a peza. Continúa describindo o rumor como unha “invención” e un “canard monstruoso”. Mais esta non é, nin de lonxe, a única referencia á presunta presenza de Jack O Destripador na Coruña en 1889.

  • Gaceta de Galicia Diario de Santiago. 16 de decembro de 1889
  • El eco de Galicia. 20 de decembro de 1889
  • El eco de Galicia. 20 de decembro de 1889
  • El eco de Galicia. 20 de novembro de 1889
  • El Correo gallego diario politico de la mañana. 22 de xaneiro de 1889
  • Jersey Times and British Press. 22 de xaneiro de 1889
  • 1 de decembro de 1889. El Correo gallego diario politico de la mañana

Ese mesmo ano, pero o 17 de decembro, Gaceta de Galicia informa da alarma na rúa de San Lorenzo de Ferrol. A veciñanza veu pasar a un home de “mal aspecto” ao que identificaron como Jack O Destripador. E uns días antes, o 1 de decembro, El Correo Gallego: diario político de la mañana volvía a tratar o caso con determinación. Cualifica o rumor de “absurdo” e informa de que agora a histeria se trasladou aos “barrios baixos” de Madrid: “Están que non lles chega a camisa ao corpo e por todas partes ven a vera efigie do famosísimo Jack”.

Detalles escabrosos

A prensa galega analizada non deu crédito en ningún momento á chegada do asasino ás cidades galegas da Coruña e Ferrol, onde o situaron. Mais si fixeron un tratamento detallado doutros crimes cometidos en Londres e atribuídos ao Destripador no verán de 1889, máis de seis meses despois do último asasinato das “vítimas canónicas”. El Correo Gallego: diario político de la mañana faise eco o 21 de xullo da aparición dun novo cadáver destripado no bario de Whitechapel. O peito presentaba unha “terrible e profunda” ferida, as roupas estaban recollidas e botadas sobre o rostro e o abdome descuberto. Mais, a diferenza doutras vítimas, conservaba as entrañas.

A prensa cualificaba as vítimas de “mulleres públicas” a “mulleres de mala vida”, e incluso “mulleres dadas á bebida”. Esta última forma de describilas empregouse no mesmo xornal o 14 de setembro de 1889. Atopouse en Whitechapel un cadáver “mutilado dunha maneira feroz”. Segundo describe a noticia, tanto a cabeza como os brazos non estaban xunto ao tronco e os intestinos foran arrincados. Recóllese a sospeita de que non foi un crime cometido polo Destripador, senón por un imitador, tal e como trasladara a policía británica.

En 1891 prodúcense unha serie de crimes en Nova York, dos que tamén escribe a prensa galega, que se atribúen ao asasino en serie. En setembro dese ano sospéitase que puido ser detido en Bolonia, mais o 3 de novembro sitúano en Berlín. O certo é que máis dun século despois dos crimes que conmocionaron Reino Unido, pero tamén boa parte de Europa, descoñécese a identidade de Jack O Destripador. É máis, de todos os asasinatos atribuídos a el, pénsase que só cinco deles os cometeu a mesma persoa. Se estivo ou non en Galicia é un misterio máis que se suma a esta popular lenda.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla