Tes acúfenos? Esta dieta podería aliviar a tortura dos zunidos nos oídos

Investigadores chineses suxiren que aumentar o consumo de froitas, fibra, lácteos e cafeína estaría asociado cun menor risco de tinnitus

O aumento do consumo de froitas, fibra dietética, produtos lácteos e cafeína podería estar asociado cun menor risco de tinnitus, é dicir, acúfenos ou zunido nos oídos, segundo suxire unha metaanálise publicada na revista de acceso aberto BMJ Open. Os investigadores do Hospital de Chengdu de China salientan no estudo que os seus achados non poden establecer unha relación directa ou causal e deben interpretarse con precaución.

Con todo, engaden que hai razóns para pensar na posibilidade da existencia de efectos protectores destas dietas sobre os vasos sanguíneos e os nervios, así como as súas propiedades antiinflamatorias e antioxidantes, o que supón un factor de protección contra os acúfenos.

Publicidade

Ao redor de 14% de afectados no mundo

O tinnitus ou acúfeno é a percepción de son —similar a un zunido ou un asubío— cando non hai unha fonte externa. Os datos suxiren que afecta a ao redor do 14% dos adultos en todo o mundo e está asociado con depresión, ansiedade, estrés e, en casos graves, suicidio. Non existe unha cura, pero tratamentos como o asesoramento, a terapia condutual, os medicamentos e os audiófonos poden axudar a reducir os síntomas.

A dieta tamén pode ter un impacto significativo nesta condición. Crese que consumir nutrientes de alta calidade pode ter un efecto positivo na audición ao mellorar o fluxo sanguíneo cara ao oído interno e reducir o dano oxidativo e a inflamación.

Publicidade

Estudos anteriores mostran resultados contraditorios e aínda non se sabe con certeza que alimentos específicos empeoran ou alivian os síntomas. Para explorar esta hipótese máis a fondo, os investigadores revisaron bases de datos en busca de estudos que relacionasen o tinnitus e a dieta en adultos publicados ata maio de 2024.

Oito estudos observacionais

Atoparon oito estudos observacionais que involucraron a 301.533 persoas e avaliaron 15 factores dietéticos: carbohidratos, cafeína, ovos, froitas, fibras, graxas, carne, proteínas, azucre, peixe, verduras e lácteos.

Os achados combinados revelaron que o aumento no consumo de froitas, fibra dietética, produtos lácteos e cafeína está asociado cunha redución na ocorrencia de tinnitus.

Segundo a análise, supón unha redución do 35% para o consumo de froitas, 9% para a fibra dietética, 17% para os produtos lácteos e 10% para a inxestión de cafeína. Iso si, os autores sinalan que a asociación entre o consumo de cafeína e o tinnitus segue sendo controvertida.

Os científicos conclúen coa necesidade de realizar estudos a grande escala adicionais “para complementar e verificar a relación entre a inxestión dietética e o tinnitus”.


Referencia: Association of 15 common dietary factors with tinnitus: a systematic review and meta-analysis of observational studies (Publicado en BMJ Open)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego sinala un tipo de dieta baixa en graxas como aliada no tratamento contra o cancro

Os resultados do artigo apoian a necesidade dun enfoque personalizado que teña en conta factores epixenéticos nas terapias fronte aos tumores

É a dieta rica en potasio un antídoto contra a hipertensión?

O mineral contrarresta o exceso de sodio e considérase un factor preventivo e terapéutico para a presión arterial alta

Un estudo constata que as cegoñas xa están a construír os seus niños con plástico

O proxecto PlastickStork, coordinado por investigadores da USC, analizou a presenza de polímeros sintéticos na contorna da 'Ciconia ciconia', constantando que tamén forman parte da súa dieta

A xenética determina máis a nosa esperanza de vida que a dieta

Un estudo en ratos publicado en 'Nature' indica que os xenes poden ser un papel máis importante na lonxevidade que o xaxún e a restrición calórica