Reconstruído en 3D o sepulcro do arcebispo Bernardo II de Santiago datado no século XIII

A cabeza da arquidiocese entre 1224 e 1237 da capital galega foi enterrado nunha tumba con elaboradas inscricións e no que está esculpido a súa figura

A tumba máis antiga conservada dun arcebispo de Santiago de Compostela é a de Bernardo II, do século XIII, que se atopa na igrexa de Santa María de Sar, situada na capital galega. O Museo Colexiata de Sar desenvolve un proxecto de recuperación desta figura e ao seu abeiro, e por encargo do Arcebispado de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo participou na dixitalización do sepulcro e na xeración dun modelo tridimensional preciso del.

Segundo explican desde o proxecto, Bernardo II, que gobernou a sé de Santiago de Compostela entre 1224 e 1237, decidiu renunciar ese ano. Retirouse ao priorado de Sar, onde viviu como cóengo ata 1240. O seu corpo foi enterrado nunha tumba que consiste nun leito decorado con dúas elaboradas inscricións e unha tapa na que se esculpiu a efixie do arcebispo. “Trátase dunha das mellores esculturas de mediados do século XIII de Santiago de Compostela e representa o prelado con traxe pontificio cos ollos pechados nunha especie de ‘morte-sono’”, sinalan. Este sepulcro, engaden, constitúe “o principal testemuño que hai de Bernardo II”.

Publicidade

Un modelo dixital preciso

O Museo Colexiata de Sar está levando a cabo un proxecto cultural de recuperación da figura de Bernardo II. Esta iniciativa é continuación do programa MuSar Dixital, que está a poñer a disposición do público unha serie de recursos en liña relacionados coa arte e a historia deste importante conxunto monumental de Santiago de Compostela.

A tumba foi dixitalizada mediante técnicas de láser 3D de alta resolución, xerando un modelo tridimensional preciso. O proceso conservou tanto a morfoloxía xeral da peza como os detalles iconográficos da figura e as inscricións en relevo da cista. Posteriormente, aplicouse unha texturización realista mediante intelixencia artificial, que reproduce fielmente a materialidade e a pátina superficial da pedra. O resultado, sinalan desde o proxecto, é “un rexistro dixital completo que facilita o estudo histórico e artístico, os estudos de conservación e a difusión do ben cultural sen arriscar danar o orixinal”. A dixitalización xa se pode ver na web musar.gal e en Youtube. “A publicación deste modelo dixital do sepulcro é un primeiro paso para o estudo completo que estamos facendo del, con vistas a unha posterior restauración”, sinala Victoriano Nodar.

Publicidade

Todo este estudo, indican as entidades promotoras, “abrirá un novo camiño no descoñecido século XIII compostelán, xa que, ademais de realizar un estudo completo da tumba, buscara dar a coñecer a súa figura a través das redes sociais, charlas e visitas”. De maneira complementaria, engaden, editarase un libro monográfico, no que historiadores, xunto a un epigrafista e unha restauradora, abordarán a figura de Bernardo II e o seu contexto histórico. 

A dixitalización do sepulcro realizouse grazas ao programa de subvencións FO215 da Deputación da Coruña e no marco dun contrato de I+D entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Os seus directores foron Victoriano Nodar, profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Ramon Yzquierdo, da Universidade de Santiago de Compostela. O deseño 3D e o proceso de escaneo dixital foi realizado polo alumno do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural dirixido pola UVigo Alejandro Vázquez. A parte de documentación recaeu en Diego Fernández. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Protocolos notariais e fotos do século XIX: a Catedral de Santiago dixitaliza máis de 82.000 documentos en liña

O novo espazo virtual do Arquivo-Biblioteca incorpora fondos medievais e unha base de datos pública sobre peregrinacións a Compostela

A dixitalización das aulas avanza amodo en Galicia: “Hai centros que queren volver ao papel, é preocupante”

Un proxecto estatal con persoal dos campus galegos analiza durante máis dunha década os materiais didácticos da ESO e insta a un cambio de paradigma

O 95% dos procedementos administrativos da Xunta máis solicitados serán dixitais en 2027

O investimento no Plan de Dixitalización Plena achégase aos 10 millóns de euros para avanzar en tecnoloxías como a intelixencia artificial e a analítica de procesos

Ciencia e tecnoloxía para reconstruír a historia: a UDC aposta pola Paleontoloxía dixital

A dixitalización de fósiles permite aos investigadores do CITEEC estudar especies extintas con precisión milimétrica e divulgar o seu valor científico a nivel internacional