A dixitalización das aulas avanza amodo en Galicia: “Hai centros que queren volver ao papel, é preocupante”

Un proxecto estatal con persoal dos campus galegos analiza durante máis dunha década os materiais didácticos da ESO e insta a un cambio de paradigma

A dixitalización en Galicia comezou en 1997, e hoxe as tecnoloxías xa forman parte da maioría dos ámbitos da vida cotiá. A educación non é unha excepción: as pantallas están completamente instaladas nas aulas, aínda que con importantes limitacións. En moitas ocasións, limítanse a replicar materiais didácticos tradicionais en formato dixital, como os libros de texto. Aínda que os documentos en PDF dispoñibles en ordenadores ou tabletas teñen a vantaxe de seren gratuítos, manteñen unha tendencia lineal que non introduce cambios significativos no sistema educativo. Este proceso de dixitalización na Educación Secundaria leva máis dunha década sendo analizado por un equipo multidisciplinar de Canarias, Galicia e a Comunidade Valenciana a través de tres proxectos en cada etapa escolar organizados en catro estudos cada un.

“A hibridación de formatos busca complementar, non aniquilar”, apunta Jesús Rodríguez, catedrático da Universidade de Santiago (USC) e membro do grupo de investigación Stellae, ademais de coinvestigador principal do proxecto. Neste sentido, defende a combinación de materiais en papel, dixitais e híbrídos na rutina do estudantado. “Hai que apostar pola diversidade de recursos“, engade, para superar as limitacións do libro de texto, aínda concibido como un recurso imprescindible para estudar contidos e avaliar coñecementos mediante exames.

Publicidade

O sistema educativo atópase, así, nun proceso de transición no que a aprendizaxe activa segue lonxe de consolidarse. O alumnado continúa a desempeñar un papel pasivo, vinculado a dinámicas de repetición. “A dixitalización pide outro modelo pedagóxico que facilite a accesibilidade ao coñecemento a todo o alumnado, proporcionando distintas ferramentas que favorezan a construción do seu camiño de aprendizaxe e que aposte por unha alfabetización dixital crítica dos diferentes axentes participantes”, sinala o investigador. Neste contexto, Galicia puxo en marcha E-Dixgal a partir do proxecto Abalar, co obxectivo de impulsar aulas dixitalizadas e dotar de equipamento tanto ao alumnado como ao profesorado. Porén, as reticencias persisten: “Hai centros que queren volver ao papel; é preocupante”, advirte Rodríguez, malia tratarse dunha comunidade con alto potencial en investigación didáctica.

A tecnoloxía no alumnado

O proxecto define como materiais didácticos dixitais (MDD) os obxectos dixitais, os obxectos dixitais de aprendizaxe, libros de texto dixitais, aplicacións, ferramentas e plataformas online. “Obsérvanse discursos innovadores en casos moi puntuais”, apunta Eva María Barreira Cerqueiras, doutora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e membro do equipo. Segundo explica, predomina unha tendencia expositivo-reprodutiva na que “se cambia o contedor, pero non o contido”, priorizando os resultados finais por riba do proceso de aprendizaxe.

Publicidade

“Pode percibirse como un gasto innecesario se só se trasladan os materiais impresos a formato dixital”, sinala Rodríguez. A isto súmanse problemas de acceso a materiais e falta de conexión. Ademais, o rexeitamento tamén está relacionado co uso que fai o alumnado das tecnoloxías. Fóra da aula, os dispositivos empréganse maioritariamente para o lecer, aínda que tamén como fonte de información. “Debemos dar o salto para que sexan críticos e responsables, que aprendan a contrastar a información; é unha tarefa pendente”, apunta Diana Marín Suelves, profesora titular da Universitat de València (UV) e coinvestigadora principal no proxecto.

A pesar dos riscos asociados ás novas tecnoloxías, como o uso xeralizado da intelixencia artificial (IA), tamén existen oportunidades. “Empregar dispositivos para identificar plantas, minerais ou constelacións, por exemplo, xera outro tipo de dinámicas”, destaca Rodríguez.

A diversidade nas aulas

Montserrat Castro Rodríguez, profesora titular da Universidade da Coruña (UDC), subliña que o principio de ensino universal implica garantir o acceso de todo o alumnado a tecnoloxías e materiais didácticos. Isto favorece a creación de recursos propios por parte do profesorado e a incorporación de novos soportes e linguaxes. Ademais, os MDD permiten adaptar a aprendizaxe ás características individuais. A investigadora sinala que, por exemplo, poden facilitar a escritura do alumnado con dificultades, ao tempo que contribúen á mellora progresiva da expresión manuscrita. Con todo, o uso da tecnoloxía segue sendo limitado e centrado, principalmente, na procura de información.

As desigualdades tamén se manifestan nas condicións sociofamiliares e nas competencias dixitais do alumnado, o que pode afectar á súa autonomía e capacidade de aproveitamento dos recursos. “Un modelo híbrido pode reproducir desigualdades se non vai acompañado de políticas públicas de apoio pedagóxico”, advirte Barreira.

A era de E-Dixgal

O programa E-Dixgal iniciouse no curso 2014/2015 e, case unha década despois, conta con máis de 64.500 estudantes en 630 centros educativos galegos. As aulas dispoñen de pantallas, dispositivos individuais e conexión WiFi, así como dun repositorio con máis de 2.000 contidos educativos en varios idiomas. Porén, Rodríguez considera que a súa implantación careceu dunha análise previa rigorosa e compartida. Mentres algúns centros abandonaron o modelo, noutros consolidouse como unha boa práctica. “O alumnado percibe o valor lúdico das tecnoloxías, pero non o seu potencial didáctico”, sinala.

Límites na formación do profesorado

Segundo o plan do proxecto E-Dixgal, “un dos protagonistas imprescindibles de todo este proceso e que vai marcar e guiar o proceso é a persoa que está ao cargo da aula”. Pero os catro membros do equipo investigador sinalan a falta de formación do profesorado como unha das principais limitacións deste modelo, tanto na formación inicial como continua. Segundo Marín, os plans de estudo universitarios non incorporan de maneira suficiente a formación en tecnoloxías educativas, polo que esta se traslada a cursos específicos promovidos por outras institucións, como centros de formación do profesorado, sindicatos ou aulas virtuais como INTEF. Esta formación céntrase no uso das ferramentas, na creación de materiais ou na aplicación da intelixencia artificial. Con todo, tamén é necesario implicar ás familias. “Deben acompañar o proceso e fomentar un uso responsable por parte dos menores”, indica.

Un cambio de paradigma

Os resultados da investigación apuntan á necesidade dun cambio de paradigma educativo. Rodríguez defende superar a dicotomía entre papel e dixital mediante “un proxecto claro, compartido e consensuado cos membros da comunidade educativa: universidade, familia, centros educativos, concellos e profesorado”.

Pero aínda queda moito por facer. En primeiro lugar, segundo Rodríguez, desenvolver un plan estratéxico que facilite o investimento constante en recursos e a avaliación continua dos materiais didácticos. En segundo lugar, incrementar a presenza do galego nos MDD e a apostar polos recursos locais publicados nos concellos. En terceiro lugar, pero non menos importante, a necesidade dun debate colectivo sobre o sentido do libro de texto na aula. Así, Diana Marín conclúe coa realidade do sistema educativo nunha frase: “Proxectar un antigo libro de texto en pizarra dixital non é dixitalizar”.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia

O investigador Cristóbal Pérez súmase ao CiQUS para impulsar a espectroscopía molecular

O científico ten unha traxectoria recoñecida a nivel internacional no deseño e aplicación de instrumentación avanzada para estudar a estrutura e dinámica de sistemas moleculares complexos

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias