A cantora do Ulla. Así é coñecida Avelina Valladares (A Estrada, 1825-1902), a escritora galega do Rexurdimento que foi esquecida durante máis dun século. Co gallo do bicentenario do seu nacemento, e co obxectivo de darlle o recoñecemento merecido, GCiencia deseñou, en colaboración co Concello da Estrada, unha unidade didáctica destinada a alumnado do primeiro ciclo da ESO. O documento, dividido en seis sesións de 50 minutos, está composto por actividades lúdicas e interactivas que buscan fomentar o sentido crítico e a reflexión entre o alumnado.
A unidade didáctica, dirixida pola xornalista de GCiencia Laura Filloy, funciona como guía para que o profesorado introduza a figura de Avelina Valladares no currículo de secundaria. Non obstante, o documento é flexible e pode adaptarse para outras etapas educativas, como o bacharelato e incluso a educación primaria. O obxectivo é que os rapaces e rapazas do concello da Estrada se acheguen á figura da cantora do Ulla dende diferentes prismas. Foi poeta, columnista de opinión, música, debuxante e, sobre todo, unha muller que rompeu moldes.
Da poesía ao galego
A primeira sesión está concibida como unha aproximación biográfica e introdutoria a Avelina Valladares. Unha tormenta de ideas e unha liña do tempo interactiva conforman a proposta de GCiencia e do Concello da Estrada para coñecer máis de preto a figura do Rexurdimento. A segunda sesión xa se centra de cheo na súa faceta máis coñecida, a de poeta. Proponse a análise do poema A Ulla, que contén os trazos máis característicos da súa poesía, pero tamén da súa vida. Sempre estivo moi unida á terra onde naceu.
A terceira sesión céntrase na faceta xornalística. Avelina Valladares foi unha das primeiras mulleres, talvez a primeira, en escribir artigos de opinión en prensa escrita. Proponse a lectura e reflexión en torno ao seu artigo El ochavo milagroso, publicado en 1885 e, realmente, de plena actualidade. A poeta criticaba o uso de amuletos para protexerse do mal de ollo, pese ao seu perfil conservador. Esta aproximación a Avelina Valladares tamén permite traela á actualidade, abrindo un debate tan contemporáneo como o das noticias falsas e a desinformación.
A cuarta sesión pon o foco no uso do galego, coa análise dunha peza que recrea un diálogo entre un peregrino, que fala castelán, e un labrego, que fala galego. Esta obra representa fielmente a diglosia da época e, en certo modo, da actual. De novo, pode traerse á actualidade atendendo aos últimos datos de uso do noso idioma recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que indican que o galego xa non é, por primeira vez na súa historia, a lingua máis falada de Galicia.
Do feminismo ao debuxo
A quinta sesión analiza a situación das mulleres escritoras do século XIX a través das figuras de Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro e Concepción Arenal. Tres ilustres plumas coas que foi comparada Avelina Valladares polos seus contemporáneos. A unidade didáctica contén unha infografía interactiva para ir explorando biograficamente as tres galegas.
Finalmente, a unidade didáctica contén unha sexta sesión centrada na cantora do Ulla como muller sen rostro. Nunca quixo ser fotografada e non se conserva ningunha imaxe súa, polo que se lle propón ao alumnado que a pinte tal e como imaxina. O anexo da unidade recolle as fichas didácticas deseñadas para traballar co alumnado, así como as rúbricas para que poidan empregalas no proceso de avaliación.
A unidade didáctica, que se presentou este martes no Concello da Estrada xunto a representantes dos IES Avelina Valladares, Antón Losada Diéguez e Manuel García Barros trata de resolver a débeda histórica cunha escritora tan brillante como esquecida. E afonda na figura sempre á sombra do seu irmán, o brillante Marcial Valladares, lexicógrafo e autor da primeira novela en galego contemporánea.
Podes consultar a unidade didáctica nesta ligazón.














